Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un lugar onde medra o talento

Un centro que une ciencia, arte, deporte e innovación educativa

Alumnado na Semana da Ciencia.

Alumnado na Semana da Ciencia. / FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Moaña

No IES As Barxas conviven proxectos de investigación, iniciativas culturais, experiencias artísticas, actividades deportivas e propostas de innovación educativa que implican a practicamente todos os departamentos do centro. Esa diversidade tradúcese nunha intensa actividade diaria que ofrece ao alumnado múltiples oportunidades para aprender, participar, descubrir novos intereses e desenvolver o seu talento.

A oferta educativa abrangue a Educación Secundaria Obrigatoria, o Bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía, o Bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais e, de maneira especialmente singular, o Bacharelato Xeral, do que o IES As Barxas é o único centro de toda a comarca que o ofrece. Esta modalidade proporciona unha formación ampla, flexible e interdisciplinar, permitindo manter abertas múltiples opcións de futuro e constituíndo unha excelente preparación tanto para estudos superiores como para diferentes itinerarios profesionais e para o acceso á Administración Pública e ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Outro dos elementos diferenciais do centro son as ensinanzas de Técnico Deportivo en Atletismo, tanto en grao medio como en grao superior, unha oferta que abre interesantes posibilidades de formación e inserción profesional no ámbito do adestramento, da tecnificación deportiva, da actividade física e da promoción do deporte.

O IES As Barxas participa tamén en numerosos programas que enriquecen a experiencia educativa do alumnado. Forma parte do programa Educación Responsable da Fundación Botín, do programa de inclusión educativa para a mellora da convivencia e a promoción do benestar emocional, desenvolve proxectos como MateLab e SostiLab dentro de InnovaLab, participa no Plan Proxecta con iniciativas como Aulas sen Fume e Apúntanos a non beber e mantén unha dimensión internacional a través de Educhange, con intercambios en francés con alumnado dun instituto de París.

Mural feito polo alumnado.

Mural feito polo alumnado. / FdV

O traballo por proxectos atravesa diferentes ámbitos do centro. Desde as matemáticas, as ciencias, as linguas, a música, a educación física, a tecnoloxía e as artes desenvólvense iniciativas que permiten ao alumnado investigar, crear, expresarse e participar en experiencias educativas diversas. Neste contexto, este curso o centro acadou un importante recoñecemento no reto STEM vinculado a Polos Eclipsados, cun proxecto que combina divulgación científica, tecnoloxía e accesibilidade, ao que se suma a clasificación dun alumno para a fase final nacional da Olimpíada Matemática, un éxito que pon en valor o talento do alumnado e o compromiso do profesorado.

Esta filosofía de traballo colaborativo ten tamén un dos seus mellores exemplos na Semana da Ciencia, unha iniciativa xa consolidada no instituto na que participa alumnado de diferentes cursos e niveis presentando experimentos, investigacións e proxectos ao resto da comunidade educativa.

A vida do instituto compleméntase cun amplo número de clubs e espazos de participación que fan do centro un lugar dinámico e aberto: club de lectura para alumnado e persoas adultas, club de escritura, club de manga, club de ciencias, club audiovisual, club de artes, grupo de teatro, o grupo musical Comando Disonante e o club de danza tradicional e urbana. Iniciativas que enriquecen a formación e ofrecen ao alumnado múltiples oportunidades para desenvolver as súas inquietudes máis alá do horario lectivo.

Precisamente o Club Audiovisual acadou este curso o terceiro premio no XV Certame de Curtas da ASPG da Coruña, consolidando unha traxectoria na que a creación audiovisual se converte nunha ferramenta de expresión, comunicación e reflexión.

A creación artística ocupa tamén un lugar importante na vida do instituto. Este curso realizáronse dous murais creados polo alumnado de Educación Artística co apoio do Concello de Moaña: un deles na entrada do IES As Barxas e outro mural pola Paz no propio municipio. A eles súmanse exposicións e numerosos proxectos colectivos que reflicten o compromiso do centro coa cultura, a sustentabilidade, a conciencia social, a xustiza e a cultura de paz.

Pero a riqueza do IES As Barxas reside na capacidade de facer convivir e colaborar a todos os seus departamentos, creando unha comunidade educativa na que dialogan e se enriquecen mutuamente.

Quizais esa sexa a mellor definición do centro. Hai alumnado que investiga eclipses, alumnado que chega a unha final nacional da Olimpíada Matemática, quen participa nun intercambio internacional, quen escribe, quen sobe a un escenario, quen forma parte de Comando Disonante, quen crea unha curtametraxe, quen pinta un mural ou quen participa nun proxecto científico, artístico ou deportivo. Son camiños diferentes, impulsados por departamentos distintos, pero cun mesmo obxectivo compartido: ofrecer unha educación rica en oportunidades e axudar a que cada persoa poida descubrir, desenvolver e compartir o seu talento.

Tracking Pixel Contents