Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un instituto que abre novas oportunidades

O centro impulsa a aprendizaxea través da innovacióne a apertura internacional

Alumnas Global Classroom xunto a directora xeral de Innovación Educativa.

Alumnas Global Classroom xunto a directora xeral de Innovación Educativa. / FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Moaña

O IES Plurilingüe A Paralaia continúa afianzándose como un referente educativo na comarca do Morrazo grazas a un proxecto que reforza o compromiso cunha formación integral, innovadora e conectada coa realidade social e profesional do alumnado. Os proxectos desenvolvidos abranguen ámbitos tan diversos como a comunicación, a sustentabilidade, a internacionalización, a investigación científica e a formación tecnolóxica avanzada.

A voz do alumnado

Nun contexto marcado pola inmediatez dixital e a predominancia dos estímulos visuais, o IES Plurilingüe A Paralaia aposta pola radio escolar como ferramenta para fortalecer a comunicación, a escoita activa e a educación emocional. A través deste proxecto, o alumnado crea pódcasts, entrevistas, reportaxes, debates e espazos informativos que fomentan a autonomía, a creatividade e o traballo colaborativo. O recoñecemento a este labor chegou coa obtención do terceiro premio na segunda edición dos Premios José Hermida da Cadena SER grazas ao pódcast “A soidade”, elaborado por alumnado da ESO.

Compromiso coa sustentabilidade

Durante este curso, o alumnado participou en iniciativas que promoven a reflexión crítica e a procura de solucións para os grandes retos ambientais e sociais do noso tempo. Entre elas destaca a participación no programa Global Classroom, implantado por primeira vez en Galicia, no que dúas alumnas do centro acadaron a condición de finalistas tras defender en lingua inglesa propostas relacionadas co cambio climático nunha conferencia modelo Nacións Unidas.

O compromiso coa contorna compleméntase coa participación en programas como Innova-Lab na modalidade Sosti-Lab, Proxecto Ríos de Adega ou Transferciencia coa Misión Biolóxica de Galicia (centro do CSIC), así como coa presenza no IV Congreso Internacional de Xeopolítica Participativa e Diversidade que organizan a Universidade de Vigo, Santiago e o Concello de Moaña. A través destas iniciativas, o alumnado traballa os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable mediante metodoloxías activas baseadas en proxectos con impacto real na comunidade.

A dimensión social tamén ocupa un lugar destacado grazas ao proxecto Enredad@s, desenvolvido en colaboración coa Asociación COCAN e a Protectora do Morrazo.

Abrindo as portas de Europa

Abaixo, o profesor Carlos Costas (dereita), da especialidade de Metal, na experiencia job shadowing en Frosinone (Italia).

Abaixo, o profesor Carlos Costas (dereita), da especialidade de Metal, na experiencia job shadowing en Frosinone (Italia). / FdV

A internacionalización constitúe unha das grandes apostas estratéxicas do IES Plurilingüe A Paralaia. Tras obter a acreditación Erasmus+ para todas as ensinanzas de Formación Profesional, o centro desenvolve proxectos propios que ofrecen ao alumnado oportunidades de mobilidade e aprendizaxe en países como Francia, Austria, Polonia ou Portugal.

Ao mesmo tempo, o profesorado participa en estadías formativas en distintos países europeos para coñecer experiencias innovadoras, fortalecer redes de colaboración e ampliar as oportunidades de prácticas internacionais para o alumnado.

Esta dimensión internacional compleméntase coa participación no programa EduMob dentro da estratexia Edulingüe 2030, que permite ao alumnado de Bacharelato realizar intercambios individuais con estudantes franceses, fortalecendo así as competencias lingüísticas, culturais e persoais necesarias.

Formación para o futuro

A aposta pola excelencia reflíctese na consolidación do programa STEMBach, que converte o centro nun referente na promoción das vocacións científicas, tecnolóxicas e investigadoras. Esta iniciativa permite ao alumnado desenvolver proxectos de investigación avanzados en colaboración con institucións académicas e científicas.

No ámbito da Formación Profesional, ofrece unha formación estreitamente vinculada ás necesidades reais do tecido produtivo. A metodoloxía de Aprendizaxe-Servizo, os proxectos prácticos, a formación dual e a colaboración coas empresas permiten ao alumnado adquirir competencias profesionais altamente demandadas e desenvolver a súa aprendizaxe en contornas moi próximas á realidade laboral. A oferta formativa de FP estrutúrase arredor de catro familias profesionais. Electricidade, metal, administración de empresa e informática.

Un papel especialmente relevante desempeña a Aula 4.0, un espazo tecnolóxico pioneiro que incorpora ferramentas propias da Industria 4.0 e facilita a aprendizaxe en ámbitos como a automatización, a robótica, a fabricación avanzada.

A elevada inserción laboral do alumnado, a estreita colaboración coas empresas do Morrazo e dos principais parques industriais da provincia , así como as oportunidades de internacionalización que ofrecen os proxectos Erasmus+, converten a Formación Profesional do IES Plurilingüe A Paralaia nunha opción de futuro con amplas perspectivas de desenvolvemento académico e profesional.

Tracking Pixel Contents