Saltar al contenido principalSaltar al pie de página
XIII FEIRA DA SIDRA

A Estrada abre ás portas á cultura sidreira internacional

Milleiros de visitantes están chamados a participar nun evento que consolida o municipio como referente sidreiro de Galicia e punto de encontro internacional do sector

A gran carpa da Praza do Concello, epicentro das actividades da XIII Feira da Sidra en A Estrada.

A gran carpa da Praza do Concello, epicentro das actividades da XIII Feira da Sidra en A Estrada. / FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Moncho González

A Estrada

A Estrada volverá converterse este sábado 6 de xuño na capital internacional da sidra. A XIII Feira da Sidra reunirá na Praza do Concello a produtores de cinco países, milleiros de visitantes e unha ampla programación cultural e gastronómica que consolida esta cita como unha das máis singulares do calendario festivo galego. A participación de 24 lagares procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra, Portugal, Francia, República Checa e Letonia confirma o crecemento dun evento que naceu para poñer en valor a tradición mazanceira estradense e que hoxe é xa unha referencia internacional.

A feira abrirá as súas portas ás 12.00 horas baixo a gran carpa instalada na Praza da Constitución, onde os asistentes poderán degustar máis de vinte referencias diferentes de sidra elaboradas por produtores de distintos puntos de Europa. A organización prevé superar rexistros anteriores, tanto en participación como en consumo, cun total de 5.000 litros de sidra dispoñibles para a degustación, mil máis que na pasada edición.

Escaparate internacional da cultura da sidra

O atractivo da Feira da Sidra da Estrada reside na súa capacidade para reunir tradicións sidreiras moi diversas nun mesmo espazo. Xunto a nomes históricos de Asturias, Euskadi ou Cantabria estarán presentes lagares galegos e produtores internacionais procedentes de Portugal, Francia, República Checa ou Letonia.

A Feira da Sidra de A Estrada reúne tradicións sidreiras moi diversas nun mesmo espazo.

A Feira da Sidra de A Estrada reúne tradicións sidreiras moi diversas nun mesmo espazo. / FdV

Entre os participantes figuran sidrerías de referencia como Bereziartua, Astarbe, Carral, Cabueñes, Sidra Salvaxe ou Val de Traba, ademais de representantes locais como A Casa da Sidra, Peroja, Camiño, López Pampín ou Rabiosa, demostrando a vitalidade dun sector que segue medrando arredor da mazá e da elaboración artesanal.

A feira converte así A Estrada nun punto de encontro para profesionais, afeccionados e visitantes interesados en descubrir diferentes estilos de elaboración e degustación, desde as sidras naturais tradicionais ata propostas máis innovadoras.

Máis vasos, máis sidra e máis público

Un dos indicadores do crecemento do evento é a venda de vasos conmemorativos, que permiten acceder ás degustacións ilimitadas durante a xornada. Nesta edición puxéronse á venda 4.000 unidades, unha cifra récord que evidencia o interese que esperta a cita entre o público.

A previsión municipal é que milleiros de persoas pasen pola Praza do Concello ao longo da xornada, reforzando o impacto económico e turístico dunha celebración que cada ano atrae visitantes de toda Galicia e tamén doutras comunidades.

Música, gastronomía e ambiente festivo

A programación non se limita á degustación de sidra. Durante toda a xornada haberá espectáculos musicais. Pola mañá actuarán Galifunk e Señora DJ, mentres que pola tarde será a quenda de Son das Tabernas. Ás 19.00 horas celebrarase ademais a entrega do Grolo de Ouro, que este ano será para Leire Alkorta, xerente de Sagardoaren Lurraldea .

A festa comezará xa esta mesma noite coa estrea de “Son de Lagar”, unha proposta musical asociada á feira que contará coa participación de Kid Mount, Ünder & Diego Flâneur e Kike Varela na Praza da Constitución.

A oferta gastronómica completará unha experiencia que vai moito máis alá do saboroso caldo. A feira encaixa perfectamente dentro da estratexia municipal de promoción da mazá, a sidra e os produtos de proximidade, nun territorio historicamente ligado aos pomares e á elaboración sidreira.

Ruta da Sidra

O éxito da Feira da Sidra non é casual. A Estrada leva anos impulsando a recuperación da súa tradición sidreira a través da Ruta da Sidra, da plantación de novos pomares e do apoio aos produtores locais. A mazá converteuse nun elemento identitario do municipio e nun motor de dinamización económica e turística.

A XIII edición da feira chega así nun momento de plena consolidación. O aumento do número de lagares participantes, o crecemento do volume de sidra dispoñible e a resposta do público confirman que a aposta realizada hai máis dunha década, segue dando os seus froitos.

Tracking Pixel Contents