Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O IES de Rodeira: un referente da Formación Profesional en Galicia

O centro cangués reforza a súa aposta por unha formación práctica e vinculada ás empresas, con máis de 300 alumnos, ciclos en modalidade Dual Intensiva e proxectos innovadores orientados ao futuro laboral

IES Rodeira.

IES Rodeira. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cangas

Nun momento no que a Formación Profesional se consolida como unha das vías máis directas cara ao emprego cualificado, o IES de Rodeira sitúase como un centro de referencia para o alumnado que procura unha formación útil, actual e moi vencellada ás necesidades reais das empresas.

O centro, situado en Cangas, consolidouse nos últimos anos pola súa oferta en tres grandes familias profesionais: Administración e Xestión, Electricidade e Electrónica, e Informática e Comunicacións. Sobre todo, destaca pola súa aposta decidida por unha formación práctica, flexible e conectada co tecido produtivo. O seu catálogo de ciclos permite deseñar itinerarios formativos adaptados a diferentes perfís e intereses, con opcións en réxime ordinario, modalidade modular a distancia e FP Dual Intensiva.

Charla diculgativa no IES Rodeira.

Charla diculgativa no IES Rodeira. / Cedida

A resposta do alumnado confirma o atractivo desta proposta educativa. Na actualidade, máis de trescentas persoas están matriculadas nos ciclos formativos do instituto, cun crecemento moi significativo nalgúns estudos, como o CFGS de Administración e Finanzas, que incrementou a matrícula en máis dun 400% nos últimos tres cursos.

FP dual intensiva

Un dos grandes sinais de identidade da oferta formativa do IES de Rodeira é a FP Dual Intensiva, unha modalidade que combina a aprendizaxe no instituto coa formación remunerada na empresa. Esta fórmula permite ao alumnado vivir unha inmersión real no mercado laboral, cunha distribución equilibrada da formación: aproximadamente o 50% no centro educativo e o 50% na empresa.

WhatsApp Image 2026 05 26 at 07.02.49 (3)

O centro favorece unha aprendizaxe práctica e vinculada ás necesidades do tecido produtivo. / Cedida

Ademais de favorecer unha aprendizaxe práctica e vinculada ás necesidades do tecido produtivo, esta modalidade presenta un elevado grao de empregabilidade, que nalgúns casos se achega mesmo ao 100%.

Entre as propostas máis destacadas do centro atópase o Ciclo Superior de Asistencia á Dirección, único en Galicia nesta modalidade. Está dirixido ao alumnado que xa rematou o ciclo de Administración e Finanzas e permite obter, nun só curso académico, unha segunda titulación superior complementaria. A formación desenvólvese de setembro a febreiro no centro, en horario vespertino, e continúa de marzo a xullo con prácticas remuneradas en empresas e entidades colaboradoras como Pérez Rumbao, a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, Celtamotor ou Tecnomicra Mecanizados.

Alumno en clase.

Alumno nunha clase práctica. / Cedida

A partir do curso 2026/27, o IES de Rodeira dará tamén un novo paso coa incorporación da modalidade Dual Intensiva no Ciclo Medio de Instalacións de Telecomunicacións, mantendo ao mesmo tempo a opción ordinaria para o alumnado que así o solicite. A instalación de sistemas de seguridade, fibra óptica, redes Ethernet, megafonía, sonorización ou sistemas domóticos son algunhas das áreas nas que o alumnado poderá formarse e desenvolver a súa carreira profesional.

Unha metodoloxía práctica

A aposta do IES de Rodeira pola FP vai máis alá da oferta de ciclos. O centro defende unha metodoloxía práctica, orientada ao mundo laboral e baseada na aprendizaxe a través da experiencia. O alumnado participa en obradoiros, talleres, xornadas de emprendemento e actividades nas que se traballan competencias clave como a comunicación, o traballo en equipo ou a iniciativa empresarial.

Xornada de emprendemento.

Xornada de emprendemento. / Cedida

Un bo exemplo desta filosofía son as xornadas de emprendemento organizadas polo propio alumnado de Asistencia á Dirección. Esta actividade, integrada na súa formación e avaliable como parte do curso, abre o centro á contorna e reúne emprendedores locais, alumnado e público xeral.

A dimensión internacional é outro dos puntos fortes. Grazas á súa acreditación Erasmus+, o alumnado de FP ten a posibilidade de realizar prácticas en empresas no estranxeiro, unha experiencia que supón un valor engadido tanto no plano académico e profesional como no persoal.

Mirando cara o futuro

De cara ao vindeiro curso, o centro prepara ademais a posta en marcha da RodaTenda, unha tenda educativa que servirá como espazo real de simulación profesional para o alumnado do Ciclo Básico de Servizos Comerciais. A RodaTenda nace así como unha ferramenta pedagóxica para transformar a aula nun escenario profesional realista, no que poñer en práctica coñecementos e desenvolver competencias profesionais desde o primeiro momento.

Con esta combinación de formación especializada, contacto directo coas empresas, prácticas remuneradas, innovación educativa e oportunidades internacionais, o IES de Rodeira confirma que a FP é unha aposta segura polo futuro.

Tracking Pixel Contents