O rei do curral volve á mesa en Vila de Cruces
A Festa Gastronómica do Galo de Curral celebra a súa XXXII edición con degustacións, música, tradición, cata maridaxe e produto criado en liberdade

O alcalde Luis Taboada dirixíndose á veciñanza e asistentes á cita do ano pasado. / FdV
Moncho González
Vila de Cruces volverá converterse ao longo desta fin de semana nun gran escaparate da gastronomía galega coa celebración da XXXII Festa Gastronómica do Galo de Curral, unha cita declarada Festa de Interese Turístico Galego que reivindica un dos produtos máis singulares e identificativos do municipio. O alcalde la localidade, Luís Taboada, define esta celebración como unha das grandes marcas de identidade da vila e convida veciños, veciñas e visitantes a gozar dunha fin de semana na que se mesturan sabor, tradición e música.
Programa
A programación desta nova edición da cita gastronómica cruceña abrirase hoxe mesmo, a partir das 12.00 horas no Auditorio Xosé Casal cunha novidade que promete un gran éxito de convocatoria: a primeira cata maridaxe arredor do Galo de Curral. Dirixida polo prestixioso sumiller Nacho Costoya, combinará viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, subzona Ribeira do Ulla, con elaboracións preparadas por José Antonio Asorey Torres, ‘Muñeiro’, do restaurante Onde Antonio Mouriscade: empanada, salpicón e galo con patacas.
Xa pola tarde, ás 18.00 horas, a Praza do Concello acollerá o XXXII Festival de Bandas de Música de Galicia, coa participación da Unión Musical de Ponteledesma, a Banda da Escola de Música de Rianxo e a Banda de Música Artística de Merza. O certame, que constitúe un dos principais reclamos da fin de semana cruceña, contará ademais co cartel gañador de María Victoria Taboada Verde, veciña de Cumeiro, que deseñou un galo musical rodeado de pentagramas. A xornada rematará ás 23.30 horas coa orquestra Panamá.
A xornada de mañá, domingo, será o día grande. Desde as 11.00 horas, os grupos folclóricos O Arco de Merza e Vai Nela de Salgueiros animarán as rúas, antes da chegada dos coches antigos da Escudería Clásicos O Toxo. Ás 12.10 horas actuará o grupo local Xuntounos Ela e, ás 12.45, a actriz e presentadora María Mera pronunciará o pregón, que promete humor e sorrisos arredor dun produto que ela mesma define como un auténtico manxar.
A partir das 12.00 horas, a Praza do Concello acollerá tamén a exposición de medio cento de galos vivos e un punto de venda con arredor de 50 exemplares sacrificados, procedentes de 20 criadores. O galo de curral críase en liberdade, sen castrar, durante aproximadamente un ano, con alimentación artesanal a base de cereais, verduras e legumes, o que lle dá unha carne menos graxa, de engorde lento e sabor intenso.
A degustación incluirá máis de 500 racións a tres euros, en dúas versións: con patacas ou con fabas. As elaboracións correrán a cargo do cociñeiro José Antonio Asorey Torres, responsable do restaurante Onde Antonio Mouriscade. O galo adóbase o día anterior con viño branco, allo, perexil, loureiro, sal e pementa, e estófase durante máis de dúas horas e media. O broche musical chegará co concerto en directo do cantante venezolano Carlos Baute, ás 13.10 horas, e coa orquestra Capitol, ás 18.30 horas.
- Una boda de altura, mucho baile, visita a Urgencias y una luna de miel sobre ruedas
- Un vigués pide el indulto para su hermana, condenada en A Lama a seis años de prisión y diagnosticada de TEA tras los hechos
- La Comisión Europea denuncia a España por no depurar las aguas residuales: en Galicia pone el foco en seis localidades
- Luz verde al inicio de la revolución para la Praza de España de Vigo: el Concello aprueba la primera licencia del ámbito
- Los estudiantes que hicieron el examen de Historia de España, en la que hubo problemas, pueden respirar tranquilos: los correctores serán «flexibles»
- Muere un joven de Soutomaior en una salida de vía en Ponte Caldelas
- El emotivo homenaje de la hija de Toño Castro a su padre, el central del Compos que sigue vivo en la memoria
- El Celta Fortuna jugará la final por el ascenso