O Hospital do Salnés celebra 25 anos coma referente de calidade, proximidade e innovación asistencial
A Xunta conmemora o aniversario do centro hospitalario, consolidado coma un piar fundamental da Sanidade Pública na bisbarra
A evolución do hospital combina a ampliación de infraestruturas, a incorporación de tecnoloxía avanzada e un modelo asistencial centrado na humanización

Hospital do Salnés na actualidade. / FdV
A Xunta conmemora o 25º aniversario do Hospital do Salnés, unha efeméride que pon en valor a evolución dun centro que, desde a súa posta en funcionamento hai dúas décadas e media, consolidouse coma un referente asistencial na comarca arousá, destacando pola proximidade, a calidade da atención e a súa capacidade de adaptación ás necesidades da poboación das súas localidades de referencia.
Situado en Ande-Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, este hospital naceu co obxectivo de prestar asistencia sanitaria pública integral e de calidade a unha poboación de arredor dos 75.000 habitantes pertencentes aos concellos de Cambados, Catoira, A Illa de Arousa, Ribadumia, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.
Actividade asistencial progresiva
Cómpre lembrar que o Hospital do Salnés iniciou a súa actividade asistencial a finais do ano 2000 coa apertura das consultas externas e do bloque cirúrxico, continuando coa hospitalización en agosto de 2001 e culminando en setembro dese mesmo ano coa posta en marcha do servizo de Urxencias e da hospitalización de adultos.
Desde os seus inicios, este centro contou cunha infraestrutura moderna e funcional, cunha superficie construída superior aos 12.000 metros cadrados. Dispoñía de dúas plantas de hospitalización con 84 camas -catro delas destinadas a neonatos-, tres quirófanos, unha área de urxencias con dez boxes asistenciais, unidade de observación e sala de xesos.

O Hospital do Salnés baséase nun modelo asistencial centrado na humanización. / FdV
O bloque obstétrico incorporaba sala de partos e salas de dilatación, mentres que a área diagnóstica incluía radioloxía, telemando dixital, TAC, ecografía e mamografía. Ademais, o hospital contaba con servizos de endoscopia, laboratorio operativo as 24 horas, farmacia hospitalaria, rehabilitación e unha área de consultas externas con 15 salas.
No momento da súa apertura, o hospital estaba dotado cun cadro de persoal de 187 profesionais, entre persoal médico, de enfermaría, técnicos e persoal de servizos, que constituíron a base do desenvolvemento asistencial posterior. Na actualidade, o Hospital do Salnés conta con 496 efectivos -98 facultativos, 309 profesionais sanitarios non facultativos e 89 traballadores de xestión e servizos-.
Ampliación e modernización
Co paso dos anos, o Hospital do Salnés experimentou unha evolución constante marcada pola ampliación das súas infraestruturas e a mellora dos seus recursos asistenciais. Así, en 2011 a Xunta impulsou un proxecto estratéxico de ampliación que permitiu incrementar a súa capacidade cirúrxica e adaptar os espazos ás novas demandas asistenciais. Esta actuación incluíu a construción de novas superficies, a remodelación de áreas existentes e a reorganización funcional do hospital de Ande.
Tras esa ampliación, o centro arousán pasou a dispoñer de 130 camas, 6 quirófanos, 9 postos de recuperación postanestésica, 57 locais de consulta, 2 paritorios, 2 salas de dilatación e 7 postos de Hospital de Día cirúrxico, o que permitiu aumentar tanto o volume como a complexidade das asistencias realizadas, mellorando ao mesmo tempo os circuítos de atención sanitaria.
Na súa apertura, o Hospital do Salnés contaba con 187 profesionais. Hoxe xa son 496 efectivos
A ampliación tamén supuxo unha profunda transformación da súa área de Urxencias, que incorporou novos espazos diferenciados para a atención de adultos, pediatría e obstetricia, así coma áreas específicas de triaxe, observación e seguimento, mellorando a capacidade de resposta e a calidade da atención.
En 2017, completando este proceso de modernización, activáronse as unidades de Coidados Postcirúrxicos e de Cirurxía Maior Ambulatoria, dotadas con postos de espertar, sillóns de reintegración ao medio e boxes específicos para coidados postanestésicos. Esta mellora permitiu optimizar os tempos de recuperación, incrementar a actividade cirúrxica ambulatoria e mellorar a experiencia dos pacientes.
En agosto de 2023 activouse a nova área de Esterilización do Hospital do Salnés, infraestrutura que duplicou a superficie anterior adicada a estes procesos asistenciais. Renovouse completamente o equipamento do anterior servizo de Esterilización para incorporar novas estacións de lavados, de sellados e empaquetados, termodesinfectadoras, esterilizadores de última xeneración, sistemas de monitorización e trazabilidade, cabinas de retorno, carros manuais e eléctricos de transporte, mesas de traballo e recepción de instrumental, estanterías etc.
Así mesmo, o Hospital do Salnés renovou recentemente as dependencias da súa base medicalizada do 061, onde enfermeiros, médicos e técnicos sanitarios dispoñen dunha moderna área específica con sala de traballo, vestiarios, dormitorios e almacén.
Calidade, humanización e recoñecemento
A traxectoria do Hospital do Salnés tamén está marcada polos recoñecementos á súa calidade asistencial e ao compromiso dos seus profesionais. Cómpre lembrar que no mes de maio de 2025, o centro sanitario de Ande recibiu a reacreditación IHAN (Iniciativa para a Humanización da Asistencia ao Nacemento e Lactancia) no Ministerio de Sanidade, consolidándose coma o único hospital público galego que conta con esta distinción internacional. Dito recoñecemento avala máis de 20 anos de traballo continuo na promoción dunha atención humanizada ao parto e á lactancia.
É o único hospital público galego coa distinción internacional IHAN
No eido das Urxencias, o Hospital do Salnés acadou tamén no ano 2025 a acreditación de calidade da Sociedade Española de Urxencias e Emerxencias -SEMES- converténdose no primeiro hospital comarcal de España en obter dito recoñecemento. Entre os indicadores valorados destacan a súa eficiencia organizativa, os tempos de resposta -cunha media de 8 minutos en triaxe e 33 minutos na atención- e a elevada actividade asistencial, con preto de 50.000 urxencias anuais.
Novas áreas e innovación
A aposta pola innovación e pola incorporación de novas áreas asistenciais constituiu outro dos piares da evolución do Hospital do Salnés durante estes 25 anos de actividade.
Desde 2020, o hospital de día oncohematolóxico deste centro arousán ofrece tratamentos e terapias sen necesidade de hospitalización aos pacientes do distrito sanitario, nunha área de 250 m2 con actividade de luns a venres en horario de mañá.

25 anos do Hospital do Salnés en cifras. / FDV
Así mesmo, en 2024 reformouse a unidade de Hospitalización a Domicilio -HADO- do centro hospitalario cunha área que pasou dos 60 aos 150 m2, cunha sala de traballo na que tamén se integrou unha sala de sesións clínicas, consulta médica, almacén e zona de área limpa para preparación de medicacións. Tamén se dispuxeron novos locais para HADO Psiquiatría e remodeláronse os vestiarios con duchas para o persoal.
Xa en marzo de 2026, o Hospital do Salnés incorporou á súa actividade cirúrxica a biopsia de próstata por fusión, unha técnica avanzada que combina resonancia magnética e ecografía en tempo real para mellorar a precisión no diagnóstico do cancro prostático, localizar con maior exactitude as lesións sospeitosas, reducir os falsos negativos e mellorar a toma de decisións clínicas.
Continuidade dos coidados e coordinación
Ao longo destes 25 anos, o Hospital do Salnés consolidou un modelo de atención baseado na proximidade, na continuidade dos coidados e na coordinación entre niveis asistenciais, contribuíndo a mellorar a accesibilidade e a calidade de vida da cidadanía.
O compromiso dos profesionais, xunto coa aposta institucional pola mellora continua, permitiu adaptar o hospital aos cambios demográficos, epidemiolóxicos e tecnolóxicos, mantendo sempre como eixo central a atención ao paciente.
25 anos ao servizo de O Salnés
A conmemoración deste aniversario é unha oportunidade para facer balance do camiño percorrido e recoñecer o gran labor dos profesionais que neste período contribuíron a consolidar o Hospital do Salnés como un centro de referencia no Sistema Sanitario Público galego.
Así mesmo, esta efeméride reafirma o compromiso da Xunta de Galicia coa excelencia, a innovación e a humanización da asistencia sanitaria, garantindo unha atención de calidade, próxima e adaptada ás necesidades presentes e futuras da poboación do distrito sanitario arousán.
- Herida muy grave una mujer tras una colisión frontal contra un camión en la N-550 a su paso por Pontevedra
- Buscan a un hombre de 43 años tras agredir a su expareja y secuestrar a su bebé en Ponte Caldelas
- Reino Unido ya vende sus pulpos en Galicia: su sector pesquero factura ya casi el doble que el gallego por la persistencia de su «plaga»
- Una nutria «enorme» sorprende a los bañistas en las playas de Coruxo
- De Doja a A Estrada para abrir boca
- Las gasolineras de bajo coste, camino de absorber más de la mitad de la oferta en Vigo: proyectan otra apertura junto a la avenida de Madrid
- Muere un presunto narco en un operativo contra el tráfico de drogas en Arousa
- Samil abre este miércoles la gira de verano de Cadena Dial con once conciertos gratis