Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cinema sobre rodas para conquistar á cativada

O Festivaliño On the Road achegará curtametraxes internacionais e actividades audiovisuais ao público infantil no centro de Vilagarcía

Festivaliño On The Road.

Festivaliño On The Road. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Moncho González

Vilagarcía

O Festivaliño On the Road volverá formar parte da programación de Santa Rita cunha proposta cultural especialmente dirixida ao público infantil e familiar. A iniciativa celebrarase o sábado 23 de maio en dúas sesións, de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas, na rúa Baldosa e en Valentín Viqueira, arredor da caravana A caixiña dos mistos, convertida nun pequeno cinema itinerante pensado para achegar o audiovisual á cativada dun xeito próximo e participativo.

No interior deste espazo móbil proxectaranse curtametraxes nacionais e internacionais destinadas a nenos e nenas de ata 12 anos. A programación incluirá pezas de animación e historias breves cun enfoque educativo, creativo e adaptado ás diferentes idades. As sesións, de entre dous e vinte minutos, permitirán ofrecer unha experiencia dinámica e accesible para o público familiar.

Un dos principais atractivos da proposta é precisamente o seu formato. O Festivaliño aposta por sacar o cinema ás rúas e integralo dentro do ambiente festivo da cidade, transformando o espazo público nun lugar de encontro arredor da cultura audiovisual. A presenza da caravana converte ademais a actividade nun elemento moi visual e facilmente recoñecible para os máis pequenos.

A iniciativa consolídase así como unha das actividades familiares máis orixinais da programación das festas de Santa Rita en Vilagarcía, ampliando a oferta cultural con contidos pensados especificamente para a cativada.

Tracking Pixel Contents