Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Budiño presenta un espectáculo único polo Día das Letras Galegas en Vigo

O compositor e gaiteiro levará ao Teatro Afundación o 15 de maio un concerto que celebra a identidade cultural galega cunha mirada contemporánea

Budiño.

Budiño. / Pedro Cid

Vigo

O 15 de maio hai unha cita sinalada no calendario cultural de Vigo: o Teatro Afundación converterase no escenario dun dos directos máis esperados da tempada, o novo espectáculo de Budiño, chamado a ser un dos grandes protagonistas da música galega neste ano.

Un concerto único, creado expresamente para esta cita, no que o artista proporá unha experiencia envolvente e chea de matices. A súa inconfundible sonoridade, que fusiona tradición e vangarda, cobrará nova vida nun formato escénico coidado ao detalle, acompañado dunha potente produción audiovisual pensada para emocionar desde o primeiro momento.

A cita, ademais, chega nun contexto especialmente significativo, coincidindo co Día das Letras Galegas, o que reforza o carácter simbólico dun espectáculo que celebra a identidade cultural galega desde unha perspectiva contemporánea.

Pero se hai un elemento que converte este concerto nunha ocasión irrepetible é a banda que acompañará a Budiño sobre o escenario: unha formación sólida, versátil e chea de talento, na que cada integrante achega unha personalidade artística propia. Xunto a el estarán Marina Vidal (voces, percusión tradicional, violín e baile), Fran Barcia (voces, acordeón, percusión e teclado) e Ismael Marcos (voces, saxo, percusión tradicional e baile), configurando un directo dinámico, potente e cheo de riqueza sonora.

A esta formación súmase como gran novidade Cristian Silva, quen participará con voces, zanfona, percusión tradicional e guitarra, ampliando o universo sonoro do espectáculo e achegando novos matices que fan desta proposta algo verdadeiramente especial.

A noite contará tamén coa colaboración dos pandereiteiros de O Fiadeiro, nun encontro artístico que mestura raíz, ritmo e emoción, e que promete momentos de gran intensidade sobre o escenario.

E, como toda gran cita, haberá espazo para a sorpresa: convidados especiais que aparecerán ao longo da velada e que contribuirán a facer desta noite unha experiencia única e irrepetible. Todo está pensado para que o público viva algo máis ca un concerto: unha experiencia completa, onde a música, a posta en escena e a emoción se fusionan para crear unha noite inesquecible.

¿Quén é Budiño?

Xosé Manuel Budiño (Moaña) é unha das figuras fundamentais da música galega contemporánea, un creador que fixo da gaita un instrumento universal, capaz de dialogar coa tradición e coa vangarda sen perder a súa identidade.

Formado na escola de gaitas Semente Nova de Moaña e posteriormente na Universidade Popular de Vigo, Budiño iniciou moi novo un camiño marcado pola curiosidade e pola experimentación. Máis adiante entra en contacto co Laboratorio de Creatividade Musical de Jazz en Vigo, onde amplía horizontes e comeza a desenvolver o seu interese pola composición e pola fusión de estilos. A súa traxectoria arrinca no ámbito da música tradicional, pero pronto abre horizontes cara a outras linguaxes, incorporando influencias do jazz, do pop ou da música clásica, nunha busca constante dun son propio.

Xosé Manuel Budiño.

Xosé Manuel Budiño. / Pedro Cid

O seu traballo é recoñecido con numerosos premios, entre eles o Premio da Música da Academia da música española á mellor canción en galego por «Ardora», varios Premios Opinión ao mellor disco galego ou a distinción como hóspede de honra da cidade de Bos Aires.

Compositor incansable e innovador por convicción, a súa obra nace da raíz galega, mais constrúe un universo sonoro contemporáneo e aberto ao mundo. Esa capacidade de mesturar tradición e modernidade converteuno nun artista singular, admirado tanto polo público como pola crítica especializada.

O debut en solitario chegou en 1997 con Paralaia, un disco que marcou un punto de inflexión na música galega e que foi recoñecido internacionalmente. A partir de aí, a súa traxectoria discográfica consolidouse como unha das máis sólidas do panorama galego, cunha serie de traballos destacados como Arredor (2000), Zume de Terra (2004), Home (2007), Volta (2010), Sotaque (2013), Fulgor (2019) e Branca Vela (2023).

O arquitecto do son

Máis alá da súa condición de gaiteiro e compositor, Budiño consolidouse ao longo das últimas décadas como un dos produtores musicais máis singulares da escena galega. A súa traxectoria neste ámbito revela unha visión sonora coherente, na que tradición e modernidade dialogan cunha identidade propia perfectamente recoñecible.

Budiño con unha gaita.

Budiño con unha gaita. / Pedro Cid

Mais o seu labor como produtor non se limita á súa obra. Ao longo da súa carreira, Budiño colaborou con numerosos artistas e formacións, exercendo como creador de atmosferas e facilitador de encontros musicais. A súa capacidade para integrar músicos de procedencias diversas —dende a escena folk europea ata o ámbito do jazz ou da canción de autor— converteuno nun referente á hora de abordar proxectos híbridos e transversais.

Neste sentido, o seu estudo «Ardora» funciona non só como espazo de gravación, senón tamén como laboratorio creativo, onde se experimenta coa tradición galega dende unha perspectiva contemporánea.

Faceta internacional

A proxección internacional define boa parte do percorrido artístico de Budiño, un creador que levou a súa música moito máis alá das fronteiras galegas, situando a gaita en escenarios de referencia arredor do mundo.

Budiño.

O artista Budiño. / Pedro Cid

Actuou en espazos de prestixio como o Royal Concert Hall de Glasgow, o Wales Millennium Centre de Cardiff, o Coliseu do Porto ou o Auditorio da Unesco en Beirut, entre moitos outros. A súa traxectoria escénica abrangue países de Europa, América, Asia e África, con concertos en China, Dinamarca, Noruega, Portugal, Líbano, Xordania, Siria, México, Arxentina, Colombia, Marrocos, Cabo Verde ou Canadá.

Viaxeiro convencido e creador inconformista, Budiño representa unha maneira de entender a música galega sen fronteiras: ancorada na tradición, pero sempre en movemento. Dende Galicia ao mundo, a súa traxectoria é a dun artista que fixo da identidade un punto de partida e da innovación, o seu destino.

Tracking Pixel Contents