A XXI Feira de Cultivos do Baixo Miño volve a Tomiño do 8 ao 10 de maio: así será o escaparate do viveirismo galego
O evento celebrarase na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián e terá como padriño ao paisaxista Íñigo Segurola
A programación contará con obradoiros, música en directo e o seu xa tradicional Mercado de Primavera

Presentación da XXI Feira de Cultivos do Baixo Miño. / Concello de Tomiño
Tomiño volverá florecer esta primavera cunha nova edición, e xa van 21, da Feira de Cultivos do Baixo Miño, un encontro que consolida o peso dun sector estratéxico para a comarca e que proxecta o territorio cara o futuro dende a innovación, a sostibilidade e a conexión coa veciñanza.
A feira celebrarase do 8 ao 10 de maio na Praza Pintor Antonio Fernández, en Goián. Será un espazo ao aire libre onde profesionais, empresas e público xeral compartirán coñecemento, tendencias e experiencias arredor da planta, a flor, a horta e as subministracións.
Unha cita «máis viva que nunca»
Organizado pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e polo Concello de Tomiño, o evento estase a converter «nun referente en Galicia», tal e como declara a alcaldesa tomiñesa Sandra González.
«A feira evolucionou ata converterse nun espazo aberto, dinámico e moi próximo á xente que nos permite achegar á veciñanza o sector agro e o viveirismo, motores económicos do noso concello», afirma.

Anterior edición da Feira de Cultivos do Baixo Miño. / Concello de Tomiño
Pola súa banda, a presidenta da Asociación de Cultivos do Baixo Miño, Nuria Castro, considera que a «a experiencia dos últimos anos demostra que sacar a feira á rúa foi un acerto para poder achegar o sector a un maior número de xente».
«Ano tras ano a resposta é extraordinaria, convertendo a feira nunha cita máis participativa, máis diversa e máis viva que nunca», valora Castro.
Íñigo Segurola, padriño da edición
A edición deste ano contará cun padriño de excepción, o recoñecido paisaxista e divulgador Íñigo Segurola, figura clave na popularización da xardinaría e o deseño verde.
A súa participación, a través dunha das charlas principais do programa, achegará unha visión experta sobre o papel da natureza nos espazos habitados e a importancia de integrar criterios sostibles no deseño paisaxístico.

Profesionais, empresas e público xeral comparten experiencias na Feira de Cultivos do Baixo Miño. / Concello de Tomiño
Xunto a el, a feira suma tamén a presenza da influencer Nuska Chousa, que representa unha nova xeración de comunicadores capaces de conectar co público a través das redes sociais. A súa participación reforza o carácter aberto, moderno e divulgativo do evento, ampliando o seu alcance máis aló do ámbito profesional.
Actividades da XXI Feira de Cultivos do Baixo Miño
Durante tres xornadas intensas, Goián acollerá este evento cheo de vida e cor, con expositores, charlas divulgativas, obradoiros, música en directo e propostas pensadas para todos os públicos nun formato aberto ao aire libre que facilita o contacto directo entre sector produtivo e sociedade.
Por unha banda, a programación inclúe un total de 14 propostas variadas e orixinais de obradoiros, pensadas para todos os públicos e niveis de experiencia. Estes espazos prácticos permitirán ás persoas asistentes achegarse de maneira directa a diferentes técnicas e coñecementos relacionados coa horticultura, a xardinaría, a decoración vexetal ou a sustentabilidade.
Tampouco faltará o Mercado de Primavera, o mercadiño con postos de venta de artesáns e outros proxectos. Abrirá o venres 8 de 17:00 a 21:00 horas; o sábado, de 10:00 a 15:00 e de 17:30 a 21:00 horas e o domingo, de 10:00 a 15:00 e de 17:30 a 19:00 horas.

A XXI Feira de Cultivos do Baixo Miño contará con 14 obradoiros diferentes. / Concello de Tomiño
Ademais, a Feira de Cultivos do Baixo Miño dá un paso máis alá da exposición e a dinamización do sector para apostar pola formación especializada cun curso de aplicación de produtos fitosanitarios nivel básico dirixido a profesionais e persoas interesadas en adquirir ou mellorar as súas competencias neste ámbito e obter a certificación oficial, obrigatoria para poder mercar e aplicar praguicidas. As inscricións abertas na web ata o 5 de maio.
A música tamén gozará de protagonismo nesta edición, grazas á celebración dunha sesión de micros abertos o sábado a partir das 13:30 horas. Esta proposta reforza o carácter cultural da feira e aposta pola creación local, ofrecendo un escenario aberto á experimentación e ao descubrimento de novas voces que contribúen a enriquecer o tecido artístico da comarca.
- Sin tren entre Vigo y Santiago a causa de un hombre subido a la catenaria, en Vilagarcía
- Argentina autoriza la entrada masiva de pesqueros extranjeros por el temporal: flota gallega, a la capa para protegerse
- La factura del jabalí: resembrar una hectárea de maíz cuesta más de 900 euros
- El Celta, un paso más cerca de Europa
- Adrián Senar, CEO de Kreios Space: «En dos años necesitaremos 2.000 o 3.000 metros cuadrados más para empezar a producir»
- Cae parte del techo del parking del Eroski de la avenida Portanet, en Vigo
- Una autovía en pleno Vigo: 'pillado' a 124 km/h en una carretera limitada a 50 km/h
- El Concello de Vigo encarga la primera fase de la ampliación de Tribuna y pide colaboración económica: «No hay excusas»