Redondela presume do seu «tesouro da ría» nunha fin de semana para saborear
A XXXIX Festa do Choco regresa do 8 ao 10 de maio cunha proposta que mestura gastronomía, música e tradición

Presentacion Festa do Choco 2026. / Cedida
Redondela prepárase para vivir unha das súas citas máis emblemáticas coa celebración da XXXIX Festa do Choco, tres días nos que a vila se converte no epicentro gastronómico da ría. Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, a proposta volve poñer en valor un produto estrela: o choco, ao tempo que ofrece unha ampla programación cultural e de lecer pensada para todos os públicos.
Durante a fin de semana, o Campo da Feira e outros espazos do municipio serán escenario dunha celebración que combina sabor, música e tradición, cun ambiente que cada ano atrae a milleiros de visitantes.
Co choco como fío condutor, a vila abre as súas portas durante tres días para ofrecer unha experiencia completa, na que o sabor, a música e o mar se dan a man nun ambiente único que convida a toda a veciñanza.
O protagonista da ría
O auténtico corazón da festa latexa na carpa de degustación, que abrirá as súas portas o venres coa inauguración oficial no Campo da Feira e permanecerá en funcionamento durante toda a fin de semana en horario continuo. Neste espazo, distintos establecementos locais ofrecerán unha ampla variedade de elaboracións con choco, desde as receitas máis tradicionais ata propostas máis innovadoras.

Ampla variedade de elaboracións con choco. / Cedida
Empanadas, choco na súa tinta, á feira, á prancha ou en croquetas serán só algunhas das opcións para degustar este «tesouro da nosa ría», que se converte tamén nun motor económico para o sector hostaleiro e comercial da vila.
Pero a experiencia vai moito máis alá da mesa. Ao longo dos tres días, organizaranse rutas marítimas pola illa e a enseada de San Simón, con saídas desde Cesantes e o Museo Meirande, así como rutas de marisqueo a pé polo porto durante as tardes do venres e do sábado. Propostas que permiten coñecer de preto a orixe deste produto e reforzan a conexión entre a festa, o mar e a tradición que define a identidade de Redondela.

Elaboracións con choco. / Cedida
Música, pregón e ambiente festivo
A programación musical será outro dos grandes piares da festa, cun cartel que combina artistas recoñecidos e grupos locais. O venres, tras a inauguración, actuarán a Orquestra de Saxos, o Grupo América de Vigo e o DJ JJ Compota, garantindo ambiente ata a madrugada.
O sábado continuará a actividade coa actuación do grupo tradicional Airiños de San Simón, o concerto de Tanto Nos Ten e a gran verbena coa Orquestra Combo Dominicano, ademais da sesión do DJ Airan.

Orquestra Combo Dominicano. / FdV
O domingo será a quenda da música máis tradicional e do ambiente familiar, con pasarrúas da Banda de Música de Chapela, actuacións das pandeireteiras Froles Mareliñas, do grupo O Carballo das Cen Pólas e da Rondalla de Redondela, que darán paso ao concerto de peche a cargo de Pa Ti Na Má.
Un dos grandes protagonistas da fin de semana será Miguel Ángel Revilla. O coñecido político e comunicador terá un papel destacado nesta edición, xa que manterá un encontro co público cunha charla no auditorio do Multiúsos da Xunqueira o sábado pola tarde. Para asistir a este coloquio, o público poderá recoller entradas gratuítas no propio Multiúsos o mesmo día a partir das 16.00 horas, cun máximo de dúas por persoa.

Migule Ángel Revilla e Digna Rivas na Festa do Choco 2025. / FdV
Xa o domingo, Revilla será o encargado de dar o pregón oficial na carpa do Campo da Feira, converténdose nun dos momentos centrais da festa.
A Festa do Choco consolídase así como unha das grandes citas do calendario festivo galego, cunha proposta que vai máis alá da gastronomía para converterse nun encontro coa cultura, a tradición e o carácter mariñeiro de Redondela.
- «Las primeras medidas para reducir las bajas laborales irán este mes. Estoy seguro de que bajarán las cifras»
- Una plantilla de 70 personas, entre ellos 30 socorristas, se ocupará este verano del parque acuático y complejo de Monterrei
- La ambiciosa transformación de la avenida de Madrid de Vigo alcanza uno de sus hitos: «Ahora empezará lo más visible»
- Aparece un hombre de Vigo ensangrentado en el enlace de la Autovía do Morrazo en Meira y dice que fue secuestrado
- Detenido en Vigo tras darle puñetazos a su pareja en plena calle y simular que la penetraba
- A juicio en Pontevedra por apropiarse de la herencia de 400.000 euros de su hijo de 10 años
- Qué mira un tribunal en una oposición de Educación: errores habituales y claves para defender la programación
- Los mejores MIR que llegan a Vigo: un optometrista que quiere ser oftalmólogo, el que estrena Dermatología y una historia de amor