Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Mostra do Encaixe transformará o fío en arte

A XXXV edición do evento celebrarase do mércores 1 ao domingo 5 de abril, demostrando que Camariñas é o corazón da artesanía galega

Fotografía da anterior edición da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña.

Fotografía da anterior edición da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. / Concello de Camariñas

Camariñas

Camariñas será o corazón da artesanía en Galicia do 1 ao 5 de abril, coa celebración da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. Esta intención xa quedou plasmada no cartel promocional, deseñado polos irmáns Pedro e Estefanía Orgaz, últimos gañadores do concurso de Noveis Deseñadores da Mostra. A peza representa o mapa de Galicia tecido con encaixe de Camariñas, usando as cores da nosa bandeira para darlle aínda máis sentido á idea. Este ano, o lema do evento é «Onde o fío se converte en arte».

Unha das principais novidades desta edición é a celebración dun pleno extraordinario da corporación municipal no propio recinto da Mostra. Será o mércores 1 de abril ás 15:30 horas, antes da inauguración oficial, e servirá para ratificar o cambio de nome da Avenida Ambrosio Feijoo por Avenida das Palilleiras.

Calendario de desfiles

A apertura da nova edición da Mostra será o 1 de abril ás 15 horas,co tradicional encontro de encaixeiras e encaixeiros da Costa da Morte no que tamén participará o alumnado das escolas infantís municipais. O acto de inauguración coas autoridades será ás 16:30 horas. Logo, a partir das 18 horas, comezarán os primeiros desfiles: os máis pequenos do ‘PequEncaixe’ serán os encargados de estrear a pasarela e seguidamente, os Grandes Deseñadores. Entre medias haberá unha actuación de Luar na Lubre.

Os cativos das escolas municipais desfilarán de novo o xoves 2 ás 12:45 horas, o sábado 4 ás 12:30 horas e o domingo 5 no acto de clausura, que comezará ás 19 horas. Durante os cinco días as firmas da categoría de ‘Grandes Deseñadores’, que se irán desvelando nos próximos días, subirán ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe.

O desfile de ‘ArtEncaixe’ estrearase o xoves, 2 de abril, a partir das 12:45 horas. Os artesáns, que tamén se irán coñecendo nos próximos días, chegarán de diferentes puntos de Galicia para demostrar a versatilidade do encaixe. Ese mesmo xoves debutarán os participantes do XXXII Concurso de Noveis Deseñadores, no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participarán un total de 34 mozas e mozos.

Ademais, esa xornada terá lugar o espectáculo de costura en directo do deseñador andaluz José Perea, a partir das 12:45 horas, no bloque de desfiles da mañá. As delegacións internacionais desfilarán por primeira vez tamén ese día, ás 18:00 horas. Repetirán o venres 3 ás 16:45 horas e o sábado 4 ás 18:00 horas.

O venres 3 ás 20:40 horas celebrarase o encontro entre grandes e noveis deseñadores e o domingo 5, a partir das 16:30 horas, darase a coñecer o fallo do xurado. Por outra banda, o desfile de ‘Encaixeiras Senior de Camariñas’, no que veciñas e veciños do municipio amosan ao público as creacións que fixeron durante o ano, será o domingo 5 ás 19:00 horas, no acto de clausura do evento.

Máis actos programados

Amais da música de Luar na Lubre, os asistentes gozarán de Sebastián Allones Dans, gañador do concurso de talentos ‘Da rúa á lúa’ (sábado 4 ás 12:30 horas); de ‘Fíos de Salitre’ de Mascarada O Cansorriño (domingo 5 ás 19 horas) e da música de agrupacións folclóricas como Abrindo Rejo e Golpe de Mar, entre outras. A actuación da clausura da Mostra correrá a cargo de Antía Muíño (domingo 5 ás 19:30 horas).

Durante os cinco días do evento haberá demostracións artesanais, presentacións de libros, teatro ou monólogos. Ademais, as familias poderán deixar aos cativos no Parque Infantil e habilitarase a 'Zona PonteFriki', un espazo con zona gaming, obradoiros e merchandising de manga e anime.

O Concello repetirá ‘Gourmet entre encaixes’, un espazo dedicado ao sector alimentario que acollerá degustacións de produtos como o rodaballo. Esta será o sábado e haberá Cantos de Taberna durante a mesma.

Tracking Pixel Contents