Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A gran festa do viño de Amandi

A XLVI Feira do Viño volve a Sober os días 27, 28 e 29 de marzo

Anterior edición da Feira do Viño de Amandi.

Anterior edición da Feira do Viño de Amandi. / Concello de Sober

Sober

A próxima edición da Feira do Viño de Amandi —e xa van 46— celebrarase os días 27, 28 e 29 de marzo en Sober. «Para Sober, é o día máis importante do ano», declara o alcalde, Luis Fernández Guitián, «é unha homenaxe ás mulleres e aos homes que se dedican ao cultivo e á elaboración do viño. O viño é o motor do noso presente e do noso futuro».

A programación xa arrincou o mes previo: «No Mes do Amandi hai actividades de todo tipo; concertos, presentacións de libros, xornadas de maridaxe ou xornadas técnicas, relacionadas con temas de actualidade como os viños desalcolizados e as variedades resistentes ás enfermidades».

A inauguración da XLVI Feira do Viño será o venres 27 ás 19:30 horas, a cargo da adega Petrón de Doade, en lembranza de Epifanio Campo. A cita contará coa presenza de máis de 20 adegas, que abrirán os seus stands o sábado. Estas participarán nunha cata profesional da que sairán os viños gañadores da edición. A Cata Final Oficial será o domingo 29 ás 11:30 horas e a entrega de premios, ás 13:30 horas.

Música

Durante a feira non faltará a música, con Monoulious Dop (venres ás 23:30) ou a Orquestra Tania Veiras (domingo a partir das 19:30 horas), entre outros artistas. Ademais, o programa pón especial atención aos grupos galegos de baile, «pensando na xente nova». O chef Estrela Michelin Rafa Centeno, do restaurante Vértigo, dará o pregón o domingo 29 ás 13:00 horas. E este ano, o concello convidado de honra é Ribas de Sil.

«A Feira do Viño de Amandi está completamente consolidada. A xente ten marcado no calendario a finde de Ramos para vir a Sober», afirma Luis Fernández Guitián. A vila espera atraer unha importante afluencia de público de Monforte, Ourense ou Vigo.

«Todo parece indicar que vai vir un fin de semana de bo tempo, o que é moi importante. Pero aínda que o tempo non axude, o que si vai axudar seguro é o viño», conclúe o alcalde.

Tracking Pixel Contents