Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros ou cañas en Bueu

O concelleiro Daniel Chapela amplía o seu negocio, Boulevar Libraría Edicións, facéndose coa xerencia do Bar A Banda

Logo Bar A Banda.

Logo Bar A Banda. / FdV

Bueu

Quen dixo que non se pode combinar cultura con cañas e licor café? En Bueu teñen claro que non é así. O propietario de Boulevar Libraría Edicións, negocio situado nas galerías comerciais de Montero Ríos, con acceso desde Eduardo Vincenti –á altura da Casa do Concello– e desde Montero Ríos, ampliou o seu negocio co traspaso do Bar A Banda, un local de hostelería localizado na Banda do Río. Ambos os dous locais contan cun horario comercial de luns a domingo en quenda de mañá e de tarde.

Os amantes dunha boa cervexa Alhambra ou dun café Montecelio poderán desfrutar tamén, se antes se achegan á tenda, dunha ampla selección de libros en galego e en castelán, de editoriais como Anagrama, Tusquets, Xerais, Cuarto de Inverno, Aira ou da propia libraría, que conta tamén cun selo editorial propio. Na súa terraza, situada a pé de praia, pódese gozar tamén dunha ampla carta de viños –Santiago Ruíz ou Pizarras de Otero son algúns dos que posúe–, mentres se degusta un pincho gratuito con cada consumición (albóndigas, callos, mexilóns etc.). A maiores, todas as fins de semana conta con diferentes promocións, como cinco Estrella Galicia por 10€ ou o segundo combinado por tan só 5€, amén de contar con pinchos para os máis peques da casa de forma gratuíta.

Desde as nove da mañá e até o peche, o bar conta cunha carta de torradas de aceite e tomate (2,00€), marmelada e manteiga (2,00€), xamón serrano (3,50€), croissant (1,50€), croissant con nutella e plátano (2,90€) e bol de iogur con noces, arandanos e frambuesas (3,50€). Ademais, ofrece dúas promocións de almorzo, con café con leite grande, croissant e zume por 4,00€ e café con leite grande, torrada (aceite e tomate ou marmelada e manteiga) e zume por 4,50€. Así mesmo, o negocio proporciona un variado surtido de smoothies, xeados, tés xeados etc., cuxa tempada de venda iniciou coa apertura do negocio.

Con libreiros especializados en literatura galega, fantasía, novela romántica ou libro infantil e inclusivo, a libraría ofrece tamén ao longo do ano diferentes promocións e edicións limitadas, que van desde dous libros de peto por 9,90€ até edicións semirríxidas por 7,95€, 8,95€ e 9,95€. O negocio, que cumprirá un ano o vindeiro 4 de abril e que contará cun acto de aniversario ás 20:30h ese mesmo día, conta cunha canle de venda en liña a través do MarketPlace de Comercio do Morrazo, así como cunha libraría en Santiago de Compostela, no barrio de Vista Alegre. Entre os títulos xa publicados, destacan as obras Netchu, o neno momia, unha banda deseñada de Baltar Morgade Lores sobre un neno exipcio momificado que vive na Galicia presente, Inventaria, unha poesía reunida de Emma Pedreira, ou Un verán superheroico, libro infantil de Ana Vigo. Entre os títulos confirmados para este mesmo ano, que se poden consultar e adquirir en prevenda en boulevar.es, están Walden e outros escritos, de Henry David Thoreau, e Crónica dunha viaxe de seis semanas, de Mary Wollstonecraft Shelley e Percy Bysshe Shelley.

Tracking Pixel Contents