Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Pistoletazo de saída á semana grande do Entroido

Os concellos botan a andar a súa programación con desfiles, concursos e outros actos culturais para homenaxear a Don Carnal

Desfile do Entroido en Pontevedra.

Desfile do Entroido en Pontevedra. / RAFA VAZQUEZ

Moncho González

Pontevedra

Na comarca de Pontevedra, o Entroido non chega de golpe: anúnciase. Faino coas diferentes festas nos centros escolares, coas comparsas ensaiando e coa aparición dos disfraces que, pouco a pouco, van tomando o espazo público. Este sábado comeza oficialmente o tempo da máscara, pero en moitos concellos a festa arrincaba xa na véspera, como se a tradición necesitase un prólogo para abrir paso á transgresión.

Durante uns días, a rutina cede paso fronte ao humor, á crítica, á sátira e ao xogo colectivo. O Entroido na nosa comunidade é moito máis ca un desfile ou un concurso de disfraces: é unha linguaxe propia que mestura memoria e presente, herdanza rural e creatividade urbana. Nas prazas conviven as comparsas con referencias actuais e os personaxes tradicionais que lembran que esta festa naceu ligada ao calendario agrícola, ao inverno e á necesidade de rir antes da contención da Coresma.

Pontevedra cidade e os concellos da súa contorna preparan unha programación que combina música, desfiles, enterros simbólicos e actos para todas as idades. A diversidade é unha das grandes riquezas desta comarca: cada lugar achega o seu acento, a súa maneira de entender o disfraz e a sátira, mantendo un fío común feito de participación veciñal e orgullo cultural.

O Entroido é tamén unha celebración que se transmite por xeracións. Avós que explican aos netos como se vestían antes, asociacións que recuperan costumes esquecidos e escolas que converten as aulas nunha festa sen igual na que (case) todo está permitido. Todo iso constrúe un patrimonio vivo, que se reinventa cada ano sen perder o seu sentido orixinal.

Neste monográfico especial adicado ao Entroido da comarca de Pontevedra faremos un percorrido pola progamación e a oferta cultural dalgúns dos concellos donde máis se vive esta fantástica celebración.

Porque cando o Entroido chama á porta, a comarca enteira responde.

Tracking Pixel Contents