Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Marín pon a máscara

O Concello programa preto dun mes de actividades con especial protagonismo para a rapazada. O desfile para os máis pequenos terá lugar esta tarde, a partir das 16.30 horas. Ao remate, Festa Infantil

Participantes no desfile do ano pasado.

Participantes no desfile do ano pasado. / FdV

Moncho González

Marín

O Concello de Marín vive de cheo o o seu particular Entroido 2026, que se estende ata o vindeiro 8 de marzo, combinando tradición, festa popular e actividades para tódalas idades, consolidando así a cita como un dos eventos culturais e festivos máis destacados da comarca.

A programación comezou o onte, cos tradicionais Cantos de Taberna polos bares da vila, organizados polo Concello en colaboración coa comparsa Saljariteiros para dar o pistoletazo de saída a unhas xornadas cheas de cor e ambiente festivo que se prolongan durante case un mes.

Durante a xornada de hoxe, e confiando en que o tempo dea un respiro, as actividades céntranse na infancia cun Desfile Infantil que percorre as rúas da Alameda, Real, Praza do Reloxo, Sol, Concepción Arenal e Ezequiel Masonni, rematando no Parque Eguren, onde se desenvolverá unha gran festa infantil con música, obradoiros e filloas de balde.

Para mañá, domingo 15 de febreiro, celébrase o esperado Gran Desfile de Entroido de adultos, con saída na Praza do Regueiro e percorrido polas principais rúas de Marín ata o Parque Eguren, onde se entregarán os premios ás comparsas e grupos participantes. Previamente, pola mañá, terá lugar un pasarrúas con diferentes comparsas locais. Os Paparrulos sairán desde a Barriada da Cañota; Os da Caña farán o propio desde a Rúa Landín Pazos; pola súa banda, os Amigos dos Rapaces partirán da Rúa Lameira.

O Entroido de Marín 2026 continuará cunha programación variada entre semana: deste xeito, o luns 16 terá lugar o Velorio do Enterro da Sardiña, a Festa do Merengue na Lemeiriña, ás 12.00 horas, acompañados por Pousos da Area. Pola tarde, a partir das 17.00 horas, festa infantil coa animación de Dolcevita, e ludoxornadas ata as 21.00 horas no Museo.

O martes 17 terá lugar o 2º Torneo de Chave Enterro da Sardiña, nos Campos de Petanca municipais da Bda. Virxe do Carme, organizado pola A.C.D Gharaboto. Durante esta xornada non faltarán os xogos para a rapazada, obradoiros e a entrega de premios do Concurso de Orellas e Filloas.

O tradicional Enterro da Sardiña celebrarase o mércores 18 de febreiro pola noite, unha das citas máis simbólicas desta festa, que percorre as rúas da vila antes de despedir a que representa o espírito do Entroido.

O sábado 21 de febreiro a festa trasládase a Seixo, cos desfiles, homenaxes e animación a cargo da Charanga Noroeste e o Grupo Cultural Ronsel; e o venres 27 de febreiro haberá unha xornada de Entroido Solidario para apoiar o Día Mundial das Enfermidades Raras, no multiusos.

A celebración pecharase oficialmente o domingo 8 de marzo co Desfile de Entroido de San Xulián, organizado pola comparsa Os da Caña, que marcará o remate dunha programación extensa e participativa.

Tracking Pixel Contents