Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Aguasantas presume de Entroido

Terá lugar durante esta fin de semana. Ademáis, Cerdedo e Carballedo celebrarán os seus tradicionais concursos de disfraces

A parroquia de Aguasantas celebra por segundo ano a recuperación do seu ancestral Entroido.

A parroquia de Aguasantas celebra por segundo ano a recuperación do seu ancestral Entroido. / FdV

Moncho González

Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade pon en marcha un ano máis o Concurso de Disfraces do Entroido 2026, unha iniciativa destinada a fomentar a creatividade artística e a participación cidadá durante as festas máis coloridas do calendario. O certame, aberto a persoas de todas as idades, desenvolverase nos dous núcleos principais do municipio: Cerdedo e Carballedo.

O concurso repartirá premios en metálico en varias categorías: individuais e por parellas, tanto en modalidade infantil como adulta, e tamén para grupos de máis de dez persoas, cun máximo de dez grupos participantes por desfile. A proposta busca incentivar a participación colectiva e que as familias e amigos poidan gozar do Entroido creando disfraces orixinais e divertidos.

O festival arrancará o domingo 15 de febreiro no Multiusos de Cerdedo, coas inscricións abertas para participantes individuais e parellas, que poderán anotarse ese mesmo día ou previamente, de xeito presencial no Concello ou a través da sede electrónica. Para os grupos, a inscrición é obrigatoria e onte remataba o prazo para tal fin.

O certame continuará o sábado 21 de febreiro no Pavillón de Carballedo, onde os participantes tamén deberán realizar un desfile previo dende a Praza da Chan ata o pavillón. Neste caso, a data límite de inscrición para grupos é o 20 de febreiro.

O Concello destaca que este concurso non só busca recoñecer a orixinalidade e o traballo creativo dos veciños, senón tamén fomentar a participación interxeracional, permitindo que nenos, mozos e adultos disfruten xuntos dunha das festas máis emblemáticas de Galicia.

Entroido de Aguasantas

A parroquia de Aguasantas, retoma este ano a súa tradición máis emblemática co Entroido, despois de que a iniciativa fose recuperada o pasado ano tras medio século de inactividade. A edición de 2026 consolídase como un fito para a comunidade, mantendo vivos os disfraces e rituais que caracterizan esta festa popular.

A xornada de hoxe comezará ás 15:30 h coa primeira gran Saída da Momada desde a Carballeira de Famelga. Esta comitiva de personaxes tradicionais percorrerá os lugares de Famelga, Campodanta, O Casal, O Quinteiro, O Igrexario de Valongo, Penelas e, finalmente, Aguasantas. A música correrá a cargo da Banda de gaitas Foula, encargada de poñer o ritmo a este desfile polas aldeas.

A festa non rematará co sol. Pola noite, a Casa Escola de Aguasantas converterase no epicentro da celebración cun picoteo seguido dunha gran foliada. A música volverá ser protagonista coa Banda de gaitas e percusión Foula de Cotobade, cedendo o testemuño xa de madrugada a un DJ para pechar a primeira xornada de troula.

O domingo a actividade comeza cedo. Ás 11:30 h, a Momada volverá saír, esta vez desde a alameda de Aguasantas, para percorrer os recunchos da aldea acompañados polo grupo Os Trazantes.

Un dos momentos máis esperados polos veciños terá lugar ao remate do percorrido matinal coa Corrida do Galo Infantil. Nesta proba de axilidade e risas, os máis pequenos da casa tentarán atrapar o galo, mantendo vivo un rito de iniciación típico destas datas.

Ao remate, a Casa Escola acollerá un xantar de confraternidade (previa reserva). A despedida definitiva chegará pola tardiña, cunha última saída da Momada pola parte baixa da aldea que culminará co Sermón e Queima do Entroido, de novo ao son de Os Trazantes.

Tracking Pixel Contents