Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cambados prepárase para o Entroido 2026: desfile de carrozas, concursos e moito ambiente a partir deste sábado

As xornadas máis sinaladas da programación son o martes 17, no que se celebra o concurso de comparsas; o sábado 21, co esperado desfile de carrozas e maquetas, e o sábado 28, cando terá lugar o certame "A túa cara sóame"

Fotografía do desfile de Entroido en Cambados o ano pasado.

Fotografía do desfile de Entroido en Cambados o ano pasado. / Noe Parga

O Entroido está a piques de comezar en Cambados, despois de ter que adiarse os festexos por mor das condicións meteorolóxicas. Así, o Concello ten preparada unha programación chea de disfraces, música e actividades infantís que arrincará mañá, sábado 14 de febreiro, e rematará o sábado 28 por todo o alto co concurso "A túa cara sóame".

O evento que inaugurará a tempada será o festival infantil no Salón Peña. Haberá inchables, música e xogos de 17:00 a 20:00 horas. Ademais, desde o xoves 19 ata o domingo 22 abriranse inchables gratuítos para a cativada no Parque de Torrado, que estarán dispoñibles en horario de 17:00 a 18:00 horas.

Bailes e concursos de disfraces

As festividades polo Entroido continuarán o luns 16 de febreiro, día festivo en Cambados. O Salón Peña acollerá esa xornada dous bailes e concursos de disfraces: ás 17:00 horas será o turno da categoría infantil e ás 19:00, xuvenís e adultos.

Os nenos e nenas que queiran participar no certame poderán inscribirse ese mesmo día, 30 minutos antes do inicio da festa. Entregaranse dous premios ao mellor disfrace individual, de 75 euros cada un; un premio ao mellor disfrace en parella, de 150 euros e outro de 200 euros ao mellor disfrace grupal. Estas contías cambiaranse en formato de vales de compra para establecementos de Cambados Zona Centro.

Disfraces en Cambados no Entroido de 2025.

Disfraces en Cambados no Entroido de 2025. / Noe Parga

Por outra banda, a categoría xuvenil abrangue aos rapaces de entre 12 e 17 anos e, tanto nesta categoría coma na de adultos, tamén se repartirán vales de compra entre os mellores atuendos individuais, de parella e por grupos. Os premios ascenden a 125, 175 e 225 euros, respectivamente.

Ao día seguinte, no Auditorio da Xuventude de Cambados, celebrarase outro concurso, o de comparsas. Será a partir das 18:00 horas. Outorgaranse premios en metálico ás tres mellores comparsas. Espérase a participación de agrupacións doutras edicións, coma "Los lunes al col" e "Os martes paracetamol", compostas por veciños e veciñas da zona. Unha hora máis tarde terá lugar no Salón Peña o Baile de Entroido para adultos.

Desfile de carrozas de Cambados

O sábado 21, o municipio cambadés será o escenario do desfile de carrozas, «o máis espectacular da comarca», destaca o concelleiro Constantino Cordal. A cita atrae ano tras ano a ducias de veciños dos concellos da contorna, reafirmando o seu atractivo.

Desfile de Entroido en Cambados en 2025.

Desfile de Entroido en Cambados en 2025. / Noe Parga

O desfile contará coa presenza dunhas 20 carrozas. Cada unha delas recibe 250 euros por participar e os premios para as tres mellores clasificadas oscilan entre os 700 e os 500 euros. Ademais, todas as maquetas que realicen o pasarrúas reciben tamén unha bonificación de 150 euros.

As carrozas e maquetas sairán da Escalinata de San Tomé e farán o seguinte percorrido: Avda. de Galicia - Praza do Concello - Avda. de Vilariño - Avda. de Madrid - Rúa Real, rematando na Praza de Fefiñáns. E para culminar a festa, ás 20:00 horas terá lugar o concerto de Take It Easy na praza de Francisco Asorey.

Enterro da Sardiña

O Enterro da Sardiña é outra das datas imprescindibles do Entroido, que este ano móvese ao domingo 22 de febreiro. A partir das 18:30 horas, a comitiva paseará as súas bágoas e os seus traxes de loito desde a praza do Concello ata a praia de San Tomé.

Ese mesmo día, pero ás 13:00 horas, a veciñanza poderá gozar da actuación de Dani Barreiro na praza de Francisco Asorey.

A túa cara sóame

O evento que pechará as festas será o concurso "A túa cara sóame", que se está a converter nun clásico do Entroido cambadés. Ao igual que no programa da televisión, os veciños participantes imitarán un artista famoso nun show en directo para convencer ao xurado na Praza de Alfredo Brañas, o sábado 28 de febreiro a partir das 22:00 horas.

El concejal de Festexos con los participantes

Gañadores de "A túa cara sóame" 2025. / FdV

Segundo adianta o concelleiro de Promoción Económica, Comercio, Industria, Festas e Terceira Idade, Constantino Cordal, este ano contarase coa participación dos 'alter ego' de cantantes tan diversos como Shakira, Nek, Led Zeppelin ou Siloé. Os premiados gañarán vales de compra para gastar nos negocios da Asociación Cambados Zona Centro e nos establecementos colaboradores co concurso.

Tracking Pixel Contents