Cuntis dá comezo á súa particular maratón festiva de febreiro
A localidade celebra esta fin de semana unha nova edición do Tapalacón, antesala do Entroido e da Festa do Lacón con Grelos

Ambiente que presentaba un dos establecementos participantes na edición de 2025. / Turismo de Cuntis
Moncho González
O Tapalacón 2026, organizado polo Concello de Cuntis coa colaboración dos establecementos hostaleiros, desenvolverase entre hoxe e o domingo 8 de febreiro cunha ruta de tapas que combina innovación culinaria e receitas tradicionais, acompañada de música en directo e animación polas rúas.
Durante tres días, veciñanza e visitantes poderán degustar diferentes propostas gastronómicas elaboradas a partir do lacón con grelos como ingredientes principais en varios locais do municipio. O horario será o venres e sábado de 19.30 a 23.30 horas, mentres que o domingo as tapas serviranse de 12.30 a 15.30 horas.
Participan nesta edición seis establecementos cunha oferta variada e prezos populares. A Tenda da Ponte ofrecerá un montado de lacón á feira de balde e un “tacolacón” por dous euros. O Parladoiro apostará pola súa “BurgerParla” por 1,50 euros, mentres que O Moncho servirá unha fajita de lacón por un euro. No Fogar do Pensionista poderá degustarse gratuitamente unha bomba de lacón con grelos; O Paseo presentará un rolo de lacón con grelos tamén sen custo; e A Bolera completará a ruta con croquetas caseiras do mesmo produto, igualmente de balde.

Lacón con grelos, o protagonista da festa. / Turismo de Cuntis
Ademais da oferta gastronómica, o Tapalacón contará cunha intensa programación musical que contribuirá a crear ambiente festivo durante toda a fin de semana. A animación correrá a cargo da Agrupación de Música e Baile Tradicional de Cuntis, o Grupo Folclórico Hai que Roelo e a Charanga 112, que percorrerán os distintos locais participantes.
Desde o Concello destacan que o Tapalacón se consolida como unha cita de referencia no calendario festivo local, co obxectivo de dinamizar a hostalería, promover os produtos tradicionais e atraer visitantes á vila termal nunha fin de semana previa ao Entroido.
Obradoiros de cociña
Paralelamente á celebración do Tapalacón, o Concello de Cuntis ven organizando unha serie de cursos de cociña centrados na elaboración do lacón con grelos, prato emblemático da gastronomía local.
As sesións estarán impartidas por Montse Fernández Búa e desenvolveranse en distintas parroquias do municipio co obxectivo de achegar esta tradición culinaria á veciñanza.
Os cursos que aínda están pendentes de levarse a cabo terán lugar ás 20.00 horas nas seguintes datas e localizacións:
• 10 de febreiro: Piñeiro (Escola Unitaria).
• 11 de febreiro: Couselo (Escola Unitaria).
• 12 de febreiro: Portela (Escola Unitaria).
• 18 de febreiro: Arcos de Furcos (Escola Gándara).
• 19 de febreiro: Cequeril (Escola Unitaria).
As persoas interesadas poden inscribirse no teléfono 986 53 36 00.
Con esta iniciativa, o Concello pretende reforzar a transmisión da gastronomía tradicional e promover o coñecemento do prato máis representativo de Cuntis.
Cuntis vivirá de novo un mes de febreiro por todo o alto, que terá o seu colofón coa celebración dunha nova edición da súa Festa do Lacón con Grelos, os vindeiros 21 e 22.
- Varios heridos y destrozos en el Twenty de Vigo en una pelea entre ultras del Celta y el Lyon
- Sorprendidos manteniendo relaciones sexuales dentro de un coche en el aparcamiento de un supermercado de Redondela
- La hélice del crucero «Spirit of Discovery» quedó al aire frente a la costa gallega: hubo un fallecido y más de 100 heridos
- Unos padres de Ponteareas ceden la representación legal de su hija con discapacidad a sus hermanos por falta de «competencias digitales»
- Locales de hostelería de Vigo ya exigen consumición mínima a los clientes para poder sentarse y limitan el número de carritos de bebé
- Las huelgas y el cambio de pacientes de Povisa lastran las listas de espera del Chuvi
- Cortes de tráfico en Vigo: el Celta - Lyon y la llegada de aficionados franceses alterarán la circulación
- Inhabilitado y condenado al pago de 913.000 euros un empresario de Vigo por llevar una fabricante de maquinaria a la quiebra