Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Achegando a festa a toda a veciñanza de Cerdedo Cotobade

Obradoiros, música, mercados e actos tradicionais levan o espírito do Nadal a centros sociais, auditorios e pavillóns de todo o concello

O pasado mércores Papá Noel visitou as escolas do concello acompañado polo alcalde, Jorge Cubela.

O pasado mércores Papá Noel visitou as escolas do concello acompañado polo alcalde, Jorge Cubela. / Concello de Cerdedo Cotobade

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

M. González

O Concello de Cerdedo-Cotobade deseñou este Nadal unha programación ampla e diversa, coa que busca achegar as celebracións a todas as parroquias e ofrecer propostas para públicos de todas as idades. Dende comezos de decembro e ata a visita dos Reis Magos, o municipio está a ser un espazo de encontro no que a cultura, a música, a tradición e a participación veciñal foron os grandes protagonistas.

As festas deron comezo o 5 de decembro co tradicional acendido do alumeado de Nadal, un momento simbólico que marcou o inicio dun calendario cargado de actividades. A partir dese día, os centros socioculturais do municipio acolleron diversos obradoiros de decoración de Nadal, dirixidos especialmente ao público infantil e familiar. Estes talleres, celebrados en Tenorio, Cerdedo e Carballedo, permiten fomentar a creatividade dos máis pequenos e crear un ambiente festivo compartido entre xeracións.

A programación inclúe tamén citas xa consolidadas no calendario cultural local, como o mercado de Nadal de Carballedo, celebrado o 12 de decembro. Ao día seguinte tivo lugar outro obradoiro de decoración no Centro Cultural Antonio Fraguas, reforzando a aposta do Concello por unha programación repartida e accesible.

A música e a tradición ocupan un lugar central durante estas datas. O Festival Tradicional Os Abrentes de Cerdedo, que celebra mañá a súa undécima edición, poñerá en valor a música popular galega, converténdose nun dos eventos máis destacados do Nadal no municipio. A este sumanse as audicións de Nadal da Banda de Música de Tenorio (o domnigo 21) e da Escola de Música de Cerdedo (o luns 22), que permitirán ao alumnado amosar o traballo desenvolvido ao longo do ano.

Un dos momentos máis esperados será o Concerto de Nadal “Broadway in Cerdedo”, a cargo da Banda de Música de Cerdedo, que terá lugar o dia 27 de dece mbro no auditorio municipal. Unha proposta diferente, pensada para todos os públicos, que combina pezas coñecidas cun formato atractivo e coidado, e que de bo seguro encherá o espazo de público.

Os máis pequenos serán un ano máis, protagonistas indiscutibles das celebracións. As festas infantís de Nadal, organizadas nos pavillóns de Cerdedo (o día 21) e Carballedo (o día 27), ofrecen xogos, animación e actividades pensadas especificamente para eles. Ademais, o 17 de decembro Papá Noel visitou os colexios do municipio, levando ilusión ás aulas e mantendo viva unha das tradicións máis esperadas polos nenos e nenas.

Xa no tramo final das festas, o calendario continúa no mes de xaneiro cos Cantares de Reis, o día 3, no Centro Antonio Fraguas, recuperando unha tradición popular que forma parte da identidade cultural galega. Pero sen dúbida, o gran colofón chegará o 5 de xaneiro coa visita dos Reis Magos, unha xornada que volverá converter Cerdedo-Cotobade nun escenario de festa e ilusión.

Durante a mañá dese día, Melchor, Gaspar e Baltasar realizarán un longo percorrido por numerosas parroquias, visitando casas do pobo, centros sociais e antigas escolas unitarias, achegándose directamente á veciñanza e facilitando que nenos, nenas e maiores poidan velos sen necesidade de desprazarse. Este percorrido matinal, xa tradicional, destaca polo seu carácter próximo e pola implicación das comunidades locais.

Pola tarde, a partir das 17.00 horas, dará comezo a cabalgata dos Reis Magos, que incluirá a visita ao Centro de Día-Fogar dos Maiores, un xesto simbólico que pon o foco tamén nas persoas maiores do municipio. A continuación, o desfile continuará ata a Praza do Concello, onde terá lugar a recepción oficial dos Reis Magos, antes de trasladarse ao novo local social, no que se celebrará unha festa con animación para poñer o broche final ás festas.

Con esta programación, o Concello de Cerdedo-Cotobade aposta por un Nadal participativo, descentralizado e vencellado ás tradicións, no que a cultura, a música e a convivencia veciñal serven como fío condutor.

Tracking Pixel Contents