Soutomaior vive o Nadal
A localidade inicia as festas cunha ampla programación de actividades que se irán desenvolvemento ao longo do mes de decembro ata o 10 de xaneiro

Nadal en Soutomaior. / Cedida
Soutomaior xa respira ambiente de Nadal cunha programación ampla e diversa que converte o municipio nun espazo de encontro, convivencia e celebración para persoas de todas as idades. A Alameda de Talo Río é, un ano máis, o corazón das festas, acollendo a carpa de Nadal, que nesta edición incorpora melloras significativas para ofrecer maior comodidade e facer deste espazo un lugar acolledor durante toda a programación.
O alcalde, Manu Lourenzo, e a concelleira de Promoción Económica, Rosana Comesaña, presentaron un Nadal que aposta por vivir o concello en todas as súas dimensións, baixo o lema ‘Vivir o Nadal en Soutomaior’.
Deporte e solidariedade

San Silvestre en Soutomaior. / Cedida
Un dos grandes protagonistas do Nadal en Soutomaior será a III edición da carreira San Silvestre, que se celebrará o sábado 27 de decembro. Trátase dunha cita xa consolidada no calendario festivo do concello, concibida como unha carreira solidaria, inclusiva e adaptada, aberta á participación de toda a familia.
A proba terá un percorrido urbano duns dous quilómetros, pechado ao tráfico, e contará tamén cun itinerario adaptado de aproximadamente 180 metros para persoas con diversidade funcional. Ademais, permitirá a participación con acompañamento e ofrecerá medidas de apoio específicas no marco do programa Soutomaior Inclusivo, favorecendo unha experiencia accesible para todas as persoas participantes.
A San Silvestre mantén tamén o seu carácter solidario, coa recollida de alimentos non perecedoiros que serán destinados a Cáritas de Arcade e Soutomaior. Non haberá clasificación xeral, agás para os tres primeiros homes e mulleres, e entregarase tamén premios aos mellores disfraces individuais, infantís, xuvenís e colectivos, reforzando o ambiente festivo da xornada.
As inscricións, gratuítas, están abertas ata o 21 de decembro a través da web municipal. A recollida de dorsais realizarase a partir do 22 de decembro no Pavillón da Montesiña. A xornada do 27 de decembro completarase con actividades abertas ao público, sesións de quecemento, unha masterclass de zumba e música en directo para animar a tarde deportiva.
O Baile de Nadal

O baile de Nadal. / Cedida
Outro dos momentos máis destacados deste Nadal será o Baile de Nadal das persoas maiores, que se celebrará o domingo 28 de decembro na Casa do Pobo do Val Sobral. Como novidade importante, este ano amplíase o público destinatario, pasando a estar dirixido a persoas maiores de 55 anos, co obxectivo de facilitar unha maior participación e favorecer a convivencia.
O baile será gratuíto, estará amenizado polo Dúo Visión e contará con cotillón e chocolatada. Ademais, o Concello porá á disposición da veciñanza un servizo de buses lanzadeira, tamén de balde, desde Arcade e distintos barrios de Soutomaior para facilitar o desprazamento ata o lugar da celebración. As inscricións permanecerán abertas ata o 22 de decembro ás 14:00 horas a través da web municipal.
A programación continuará o 31 de decembro cunha proposta pensada para o público familiar, o espectáculo ‘A bailar para rematar o ano’, que terá lugar pola tarde na carpa de Nadal da Alameda de Talo Río. Xa entrada a noite, Soutomaior despedirá o ano cunha gran Festa de Fin de Ano, aberta a todos os públicos, protagonizada polo Trío Tic Tac e La Yaya DJ, nun espazo climatizado, con cotillón e ambiente festivo.
O Nadal en Soutomaior prolongarase ata comezos de xaneiro coa celebración da tradicional Cabalgata de Reis, mantendo vivo o espírito destas datas e ofrecendo propostas pensadas para compartir en comunidade.
- Cancelado el transporte de ría de primera hora entre Vigo y Moaña
- Persecución de película por Vigo: choca contra dos coches policiales y otros tres aparcados
- Mueren dos personas tras una colisión frontal entre un camión y un turismo en la LU-530 de Lugo
- El geriátrico privado rechaza asumir el ingreso del presunto homicida de Lavadores: «Es un riesgo en la convivencia del centro»
- Davila 11/01/2026
- La Guardia Civil destapa una red de clínicas estéticas que "aumentan" los labios de mujeres con ácido hialurónico ilegal
- Natura sortea el oso que vigiló sus tiendas durante treinta años
- Alertan sobre el «timo del aviso del banco» tras estafar 20.000 euros a un septuagenario de Sanxenxo