Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

71 empresas do sector forestal beneficiaranse das axudas da Xunta para a valorización da madeira

A Xunta de Galicia destina preto de 4,4 millóns de euros ao programa Xera-Valor este ano, un 11% máis respecto ao anterior, co obxectivo de pechar o ciclo produtivo na comunidade

Fotografía dunha sesión formativa no marco do programa Xera-Savia.

Fotografía dunha sesión formativa no marco do programa Xera-Savia. / FdV

Máis de 70 empresas do sector forestal-madeira galego poderán desenvolver proxectos para a valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais, así como mellorar a seguridade e a saúde no ámbito laboral da industria forestal e tamén do contract, grazas ás axudas do programa Xera-Valor, unha iniciativa impulsada pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), dependente da Consellería de Economía e Industria.

Nesta convocatoria, o Goberno galego destinará 4,4 millóns de euros, un 11 % máis que na anterior, co obxectivo de pechar o ciclo produtivo na comunidade.

Apoio ás pemes do sector

Fotografía dunha sesión formativa no marco do programa Xera-Savia.

Fotografía dunha sesión formativa no marco do programa Xera-Savia. / FdV

O programa Xera-Valor recibiu preto dun centenar de solicitudes (98), das que se admitiron a trámite 82. Delas, serán 71 finalmente as que se poidan beneficiar destes apoios, deseñados para poñer en valor e pechar o ciclo produtivo dos recursos forestais na comunidade a través do impulso da segunda transformación, de maneira que se aproveiten as oportunidades que está a xerar o incremento de produtos derivados da madeira en diversos eidos como o da construción.

As axudas están destinadas ás pemes do sector forestal-madeira, así como ás asociacións da cadea de valor e empresas que presten servizos de transporte de mercadorías por estrada, e ás pemes de calquera sector que desenvolvan solucións ecoinnovativas con madeira.

En canto á intensidade das axudas, é do 50 % ata un máximo de 60.000 euros en todas as liñas agás no caso de actuacións encadradas nas liñas 1 e 2, que ascenden a 250.000 euros. Ademais, os apoios poden ser do 70 % no caso da liña 3 se a actuación consume servizos web da Xunta ou se se trata de proxectos que empreguen a ferramenta gratuíta de rastrexabilidade FORTRA.

Seis liñas de axudas

A convocatoria deste ano incluíu como novidade a posibilidade de acceso a aqueles serradoiros que superen unha capacidade máxima de transformación de 20.000 metros cúbicos de madeira en rollo ao ano. Así mesmo, incluíronse axudas para afrontar as consecuencias provocadas polo nematodo do piñeiro, unha das principais pragas que afecta a esta especie.

As liñas de axudas foron: «Competitividade e valorización» (750.000 euros), «Mobiliario, contract e construción» (750.000 euros), «Dixitalización» (250.000 euros), «Certificacións, ensaios e informes» (150.000 euros), «Seguridade e saúde na contorna laboral» (400.000 euros) e «Ecoinnovación» (150.000 euros).

Actividades formativas para a cadea de valor

O Goberno galego apoia con preto de medio millón de euros o desenvolvemento dunha nova edición do programa Xera-Savia, do que se beneficiarán 9 asociacións, centros universitarios e colexios profesionais do sector. Grazas a esta acción, o persoal traballador na industria da madeira terá a oportunidade de participar en actividades de formación non regradas e accións divulgativas que impulsen o coñecemento e a competitividade. Concretamente, organizaranse 56 actividades formativas e de divulgación.

Nesta edición recibíronse un total de 12 solicitudes das que se admitiron a trámite 9 para a organización de 41 actividades formativas e 15 actividades de divulgación. Nomeadamente, resultaron beneficiadas as tres principais asociacións sectoriais (Fearmaga, Lugomadera e Asefoga), os dous clústeres sectoriais (Clúster da Madeira de Galicia e o Clúster da Biomasa de Galicia), as tres universidades galegas (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e o Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia) e o Colexio Oficial da Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia.

As actividades de formación non regrada representan o groso do importe das axudas concedidas cun total de 381.006,44 €, destacando o incremento de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías e a aplicación da intelixencia artificial no sector, con 19 actividades formativas programadas.

Tracking Pixel Contents