O Concello de Redondela lanza unha «resposta universal» contra a violencia machista
O programa de actividades de concienciación e visibilización intensifícanse co gallo do 25N
A gala de entrega de premios da quinta edición do Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético será o 28 de novembro

Presentación da campaña deste ano polo 25N no Concello de Redondela. / Concello de Redondela
«Traballamos todos os días do ano na prevención da violencia machista, con actividades para darlle visibilidade a esta problemática e concienciar á sociedade. Neste mes de novembro a programación refórzase aínda máis», declara Digna Rivas, alcaldesa do Concello de Redondela.
Durante este mes conmemórase o Día Internacional contra a Violencia Machista (25N) e, por iso, o goberno municipal impulsa unha serie de iniciativas destinadas á cidadanía e especialmente aos máis novos, «porque na educación está a base da prevención de condutas machistas».
Baixo o lema «Ante a violencia machista, resposta universal» e coa colaboración da Subdelegación de Goberno e a Universidade de Vigo, a programación deste 2025 vén cargada de novidades. Por exemplo, o nacemento do ciclo de teatro "Mestra Paulina".
A mostra contará con dúas sesións no Auditorio Multiusos da Xunqueira. A primeira, o próximo domingo 30 de novembro ás 18:00 horas da man de Talia Teatro e a obra DeSexo. A segunda será a peza Sophie, de Redrum Teatro, que se presentará o sábado 13 de decembro ás 20:00 horas.
«Previr dende o fogar»: o poder da educación
Outra das propostas novidosas deste ano é "Escola en Familia", co ciclo itinerante de charlas informativas "Previr dende o fogar", sobre educación afectiva-sexual nas distintas etapas de Infantil, Primaria e Secundaria. Está enfocado ás familias con nenos, nenas e adolescentes.
Cada mércores de novembro ten lugar un destes encontros nun centro educativo de Redondela. O mércores 12 desenvolveuse na Escola Unitaria de San Pedro de Cesantes e tratou a etapa de Infantil; este mércores 19, a de Primaria no CEIP Outeiro de Penas e o próximo 26 de novembro abordarase a Secundaria no IES de Chapela ás 17:00 horas.
«A erradicación da violencia machista require educación, prevención, acompañamento e recursos públicos suficientes. É unha responsabilidade compartida »
A iniciativa conta con servizo de obradoiros lúdico-educativos para favorecer a conciliación. Ademais, este venres 21 ás 19:00 horas celebrarase o contacontos «Eu non quero», xunto a Ana Mª Carreira, na Biblioteca Xela Arias de Chapela.
Con esta actividade dáse continuidade ao traballo que durante todo o curso se realiza en colexios e institutos co alumnado. «Deste xeito trasladamos ás familias as conclusións dos obradoiros que facemos coa rapazada, e dámos resposta ás súas dúbidas e inquedanzas», explica a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa. O obxectivo é continuar con esta Escola de Familias ao longo de todo o curso para abordar cada mes diferentes temáticas.
Por outro lado, durante o curso 2025/2026 desenvolveranse os obradoiros de "Falemos de Sexo", "Prevención de Trastornos de Condutas Alimentarias: violencia estética" e "Pataformas dixitais e sexualidade" para o alumnado dos centros escolares do concello.
«Respostas contra a violencia machista»
«A erradicación da violencia machista require educación, prevención, acompañamento e recursos públicos suficientes. É unha responsabilidade compartida que debe implicar a todas as administracións e, especialmente, ás entidades locais, que son a primeira porta á que acoden moitas mulleres cando buscan axuda. O obxectivo deste goberno municipal é que toda a sociedade se implique na loita contra a violencia machista», afirma Digna Rivas, rexedora de Redondela.

Imaxe da iniciativa «Respostas contra a violencia machista», celebrada este martes. / Concello de Redondela
Para cumplir con esa misión, outra das iniciativas organizadas polo Concello é "Respostas contra a violencia machista", que tivo que ser adiada pola chuvia e que se celebrou esta semana os días 18 e o 20 de novembro na Praza do Concello e na Alameda Rosalía de Castro de Chapela, respectivamente.
A actividade consistiu na instalación dunhas carpas onde a cidadanía podía achegarse e aportar as súas respostas ante esta lacra que, segundo datos da Delegación de Goberno, xa se cobrou 1.333 vidas dende o 1 de xaneiro de 2003 ata hoxe. Veciños e veciñas que se sumaron este martes deixaron as súas respostas: «Violencia machista, nunca máis», «Nin unha menos», «Se tocas a unha, tócasnos a todas», «Queremos o vivir sen medo», «Somos o berro das que xa non teñen voz», «O machismo mata, o feminismo non», entre outras frases.
Acto polo 25N
A programación polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller do Concello de Redondela completarase cun acto institucional o propio día 25. Comezará ás 12:00 horas na Praza do Concello coa lectura da Declaración Institución e os manifestos da Asociación Andaina de ppersoas con diversidade funcional e Asociación Lenda de Saúde Mental, representación dos Centros de Día e centros educativos do concello.
Despois, o público asistirá á perfomance "Coida todo o que amas", de Iria Sobrado, e realizarase unha entrega floral na árbore Ginkgo biloba na rúa Salgueiral.
V Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético
Unha cita que xa se converteu en indispensable cada mes de novembro en Redondela é o Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético. Este certame ten como obxectivo recoñecer e destacar o traballo dos e das profesionais do xornalismo que aborden de maneira ética e respectuosa os temas relacionados coa violencia de xénero, protexendo a intimidade das vítimas e das súas familias.

Entrega do Premio Sesé Mateo en 2023. / Concello de Redondela
O premio, dotado con 1.500 euros en efectivo, está aberto a traballos de calquera xénero xornalístico (noticias, artigos de opinión, reportaxes) sen límite de extensión e que fosen publicados en xornais en papel ou dixitais, ou ben emitidos en medios de comunicación radiofónicos ou audiovisuais entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025.
A gala de entrega de premios terá lugar o próximo venres 28 ás 10:30 horas, na oficina de Turismo do Concello de Redondela.
- El buque «Novaya Zemlya» descargará en Cuba tras el veto a hacerlo en España
- «Tuve que renunciar a mucho y adaptar mi vida para conseguir ser jueza»
- El emblemático Hotel Bahía de Vigo renueva su imagen: adiós a los azulejos azules y más de 5,4 millones de inversión
- Retenciones en Vigo: varios autobuses de turistas portugueses complican el tránsito en Beiramar
- El ourensano Diego Fuentes, futuro 'copadre': «Pensé que no tenía por qué ser peor que otro sistema porque al final se trata de conocer a alguien con quien establezcas una afinidad»
- ¿Por qué conviven vecinos y huéspedes en el Hotel Bahía de Vigo?
- Villa Elisa ya es propiedad municipal
- Punto y final a la burla de Cerdedo