atlanTTic celebra o seu 15 aniversario amosando os últimos avances en telecomunicacións
O centro de investigación convida a cidadanía a coñecer o seu traballo o 21 de novembro no Tinglado do Porto de Vigo

Investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic. / UVigo
O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, cumpre este ano o seu 15º. aniversario, consolidado como un referente en investigación e transferencia de coñecemento en tecnoloxías de telecomunicación e servizos dixitais.
A andaina de atlanTTic comezou en 2010 co obxectivo de impulsar o avance da sociedade a través da investigación de excelencia e da transferencia de coñecemento en ámbitos clave como as comunicacións, os servizos dixitais e a ciberseguridade. Quince anos despois, é un dos centros de excelencia da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, reúne máis de 200 profesionais e consolídase como un dos grandes referentes científicos e tecnolóxicos do ámbito galego e nacional, cun impacto que transcende as fronteiras.
Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic, destaca que «desde atlanTTic queremos lembrar que a investigación non é algo abstracto ou afastado: está aí, transformando silenciosamente o presente e construíndo o futuro. Queremos seguir deseñando ese futuro desde Galicia, conectando o talento, a innovación, o ecosistema de I+D e a sociedade».
«Está aí, pero non o ves»: atlanTTic sae á rúa
Como remate deste aniversario, o centro organiza o venres 21 de novembro a oitava edición da súa xornada de portas abertas, «Conecta con atlanTTic», que por primeira vez terá lugar no Tinglado do Porto de Vigo.
A partir da premisa «Está aí, pero non o ves», esta xornada convida o público a descubrir a ciencia que non se ve, pero que fai posible toda a tecnoloxía que nos conecta na vida cotiá.
O evento terá unha programación de mañá dirixida a centros escolares, mentres que pola tarde, de 16:00 a 19:00 horas, abriranse as portas ao público xeral. A entrada é de balde, con inscrición previa a través da web atlanttic.uvigo.es.
«A investigación non é algo abstracto, está aí, transformando silenciosamente o presente»
Durante a xornada, investigadores e investigadoras do centro amosarán de forma amena e participativa os seus últimos proxectos e avances en tecnoloxías de telecomunicación, con demostracións e experiencias interactivas.
Presentaranse proxectos de diversos ámbitos como as comunicacións B5G e 6G, a fotónica, a intelixencia artificial, as comunicacións cuánticas ou as tecnoloxías aeroespaciais. O público poderá ver en acción un dron con conectividade 5G e o robot cuadrúpede «Santi», capaces de operar e ser controlados en tempo real, ou maquetas de nanosatélites, entre outros.
En conxunto, unha mostra que permitirá descubrir como a investigación feita en Galicia impulsa o futuro das telecomunicacións. «É unha oportunidade única para coñecer de preto como a ciencia que se fai en atlanTTic transforma o noso día a día», destaca Llamas.
Un referente en innovación e excelencia
Ao longo destes 15 anos, atlanTTic consolidouse como un motor do ecosistema tecnolóxico galego, impulsando proxectos e infraestruturas de referencia que sitúan a nosa comunidade á vangarda da innovación, xogando un papel clave na creación dun ecosistema tecnolóxico sólido e competitivo no noroeste peninsular. Entre eles destacan o Vigo Quantum Communication Center (VQCC) ou a futura fábrica de semicondutores SPARC, que reforzan o liderado de Galicia en ámbitos como a fotónica integrada e as tecnoloxías cuánticas.
O seu persoal investigador traballa en áreas destacadas como as comunicacións B5G e 6G, a fotónica integrada, a intelixencia artificial, o procesamento de linguaxe natural, as tecnoloxías aeroespaciais, a ciberseguridade ou as tecnoloxías cuánticas, desenvolvendo proxectos con aplicación directa na industria e na vida das persoas.
O compromiso de atlanTTic coa transferencia de coñecemento reflíctese na creación dun ecosistema emprendedor con cinco empresas derivadas (spin-offs) activas –entre elas, Alén Space, hoxe parte do grupo GMV– que en 2024 superaron, no seu conxunto, os 5 millóns de euros de facturación. No período 2020-2024, o centro mobilizou 11,8 millóns de euros en contratos e convenios con empresas e 39,8 millóns en financiamento competitivo, o que o consolida, ano a ano, como centro líder da UVigo tanto en transferencia de coñecemento ao tecido produtivo coma na captación de fondos para a investigación. Un modelo que consolida a súa aposta pola investigación de excelencia, e a xeración de coñecemento con impacto real na sociedade e o tecido produtivo.
- Davila 12/12/2025
- Revés para un desarrollo urbanístico clave en Vigo, al exigir la Xunta un examen ambiental más riguroso
- El BNG urge la compra de Povisa: «Cuando la sanidad se convierte en un negocio, las empresas ven clientes, no pacientes»
- El hombre que intentó quemar viva a su expareja en Vigo: «Fóiseme a olla, prendinlle lume á miña exmoza»
- Davila 13/12/2025
- Salvador Beloso rescata la historia del tranvía de Vigo: «Nos lo arrebataron de manera injusta»
- Portugal se engalana de Natal: diez ciudades de cuento por Navidad
- Hacienda tumba en masa las reclamaciones de marineros por la exención de IRPF