Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Soutomaior presenta o proxecto 'Conscientes, medra en verde', un novo modelo de xestión do lixo

O concello presentará este venres, 14 de novembro, no Multiúsos o seu novo modelo de residuos, cun acto que dará comezo ás 20:00h aberto a veciñanza para que coñezan o novo tempo para a xestión do lixo que chega a Soutomaior

Presentación do o novo modelo de recollida e tratamento de residuos.

Presentación do o novo modelo de recollida e tratamento de residuos. / Concello de Soutomaior

Soutomaior

O Concello de Soutomaior presentou onte o proxecto Conscientes, medra en verde, unha nova iniciativa de xestión do lixo que marcará un antes e un despois na recollida e tratamento dos residuos no municipio.

O acto contou coa presenza do alcalde, Manu Lourenzo, do concelleiro de Medio Ambiente, Pablo Garrido, da técnica municipal de Medio Ambiente, Sara Teijeira, e dos representantes da empresa Urbaser, Gustavo Villasuso, xerente, e Ismael Bouza, coordinador de Servizos Urbanos.

Un modelo moderno, ambicioso e sostible

O novo servizo suporá importantes melloras na prestación á veciñanza, coa renovación integral dos colectores, a implantación de novas illas de reciclaxe, o incremento dos días de recollida e o reforzo da recollida da fracción resto.

Presentación de Conscientes, medra en verde.

Presentación de Conscientes, medra en verde. / Concello de Soutomaior

Ademais, incluirá o reparto gratuíto de composteiros individuais, a posta en marcha dun punto limpo na nave de Urbaser —onde se poderán depositar voluminosos—, e un servizo de recollida a domicilio de restos de poda.

O contrato tamén prevé un servizo de atención telefónica e presencial, así como a creación dunha oficina de atención á cidadanía no núcleo urbano. Soutomaior contará, ademais, con novos puntos limpos móbiles, coa xestión da recollida de animais domésticos falecidos e cun novo centro de compostaxe comunitaria que se unirá ao xa existente na zona do Peirao.

Nas próximas semanas comezará a renovación de todos os colectores do municipio e a implantación dun sistema dixital de xestión mediante tarxetas, que permitirá facer un seguimento telemático da reciclaxe de materia orgánica no contedor marrón.

Este sistema ofrecerá datos en tempo real sobre o nivel de enchido dos colectores e o uso do servizo por parte da veciñanza, mellorando así a eficiencia e a transparencia na xestión.

Dous grandes obxectivos

O proxecto Conscientes ten dous grandes obxectivos: a xestión ecolóxica do lixo e a mellora na prestación do servizo.  

O Concello de Soutomaior impulsa Conscientes, medra en verde, un proxecto pioneiro para unha xestión máis ecolóxica e eficiente do lixo.

O Concello de Soutomaior impulsa Conscientes, medra en verde, un proxecto pioneiro para unha xestión máis ecolóxica e eficiente do lixo. / Concello de Soutomaior

Hai un ano o Concello aprobou as ordenanzas fiscais e os pregos técnicos vinculados á xestión do lixo. Estes documentos adaptáronse ás esixencias da normativa europea e ao incremento do canon de Sogama imposto pola Xunta de Galicia, o que obrigou a actualizar as taxas.

Desde o Goberno local destacouse que, malia estas obrigas, Soutomaior conseguiu converter un problema nunha oportunidade. «Por pouco máis de tres euros ao mes, a veciñanza disporá dun servizo de recollida con melloras inimaxinables ata o momento», sinalaron fontes municipais.

O alcalde, Manu Lourenzo, subliñou que «o proxecto Conscientes é froito de meses de traballo para ofrecer un servizo máis ecolóxico e eficiente. Grazas á colaboración das técnicas municipais, da empresa concesionaria e da sociedade, hoxe Soutomaior pode contar cun modelo moderno, sostible e cun custe moi inferior ao doutros concellos do país».

Pola súa banda, a técnica de Medio Ambiente, Sara Teijeira, destacou que «a renovación do contrato permitirá avanzar no incremento da reciclaxe en Soutomaior. Con Conscientes búscase integrar o medio ambiente en todas as áreas municipais, como un concepto transversal e non como unha cuestión illada».

Tracking Pixel Contents