A maxia do comercio local conquista Marín
O 'Escaparate Estrela' preséntase como unha iniciativa que combina compras, sorteos e actividades culturais co obxectivo de dinamizar o comercio local de Marín

Momento no que se descubriu o Escaparate Estrela.
Marín prepárase para vivir un dos eventos máis especiais do ano: O Escaparate Estrela, unha iniciativa impulsada pola asociación Estrela de Marín, coa colaboración do Concello de Marín e o cofinanciamento da Xunta de Galicia, que enche as rúas da vila de ilusión, premios e actividades para toda a familia.
Durante once días, do 1 ao 11 de outubro, o comercio local será o protagonista absoluto. Máis de 100 establecementos mariñenses únense nesta campaña para premiar a fidelidade dos seus clientes e poñer en valor o dinamismo e a calidade da oferta comercial da vila.
Como participar
Participar é moi sinxelo. Entre o 1 e o 11 de outubro, as persoas que compren nos establecementos adheridos á campaña poderán acumular tíckets de compra ata chegar aos 60€ (podendo xuntar un máximo de 4 tíckets). Por cada 60 euros acumulados, o cliente obtén unha oportunidade para participar e intentar acertar o valor total do Escaparate Estrela, un impresionante conxunto de máis de 100 produtos do comercio local valorado en miles de euros.

Cartel promocional. / Cedida
Ademais, quen descargue a aplicación móbil 'Comercio de Marín' disporá dunha oportunidade extra, potenciando así a dixitalización e a conexión entre comercio e clientela. Os tíckets deberán proceder de establecementos diferentes, o que anima a descubrir novas tendas e a diversificar as compras dentro da vila.
O formulario para rexistrar as compras e introducir o valor estimado do escaparate estará dispoñible o sábado 11 de outubro, de 11:00 a 19:00 horas. E ese mesmo día, durante a Gran Gala de O Escaparate Estrela, revelarase o valor real do premio. Quen máis se achegue ao prezo correcto, sen pasarse, levará todo o escaparate.
Máis de 100 establecementos participantes
A lista de establecementos adheridos é ampla e diversa, reflectindo a riqueza e variedade do tecido comercial de Marín. Participan tendas de moda, perfumarías, librarías, xoiarías, restaurantes, bares, ópticas, floristerías, centros de estética, carnicerías, peixerías, zapatarías e moitos máis. Cada un deles achega un produto ou servizo ao gran premio final, convertendo o escaparate nunha auténtica mostra do mellor que Marín pode ofrecer.
O día grande
O sábado 11 de outubro será o día grande, unha xornada chea de actividades pensadas para todas as idades e que converterá o centro de Marín nun espazo de festa, ilusión e apoio ao comercio local.
A programación comezará ás once da mañá coa apertura oficial do evento, que incluirá a presentación pública do macro escaparate e a habilitación do formulario para rexistrar as compras e participar no sorteo. Nese mesmo momento lanzarase tamén a aplicación móbil “Comercio de Marín”, unha ferramenta dixital creada para reforzar a conexión entre comerciantes e clientela.
Poucos minutos despois, a Alameda Rosalía de Castro acollerá a actuación musical de Brassica Rapa, que porá as primeiras notas festivas da mañá. En caso de choiva, o concerto trasladarase ao Multiusos.
Ás once e media terá lugar no Museo Manuel Torres o espectáculo 'Luigi Ludus', unha proposta de maxia especialmente dirixida a bebés e nenos e nenas de entre un e catro anos, para a que será necesaria inscrición previa. Á mesma hora, e ata as doce e media, desenvolveranse os chamados 'Escaparates Máxicos', pequenas actuacións de ilusionismo que levarán a maxia directamente aos establecementos comerciais. Liuba estará en Bebé Katy, Gonza Martini en Xanela e Oliver en Centrovisión, enchendo de sorpresa e diversión as rúas da vila.
A mediodía, ás doce e media, celebrarase na Praza de Abastos o sorteo presencial de 500 euros da 18ª Campaña Aniversario, unha cita xa tradicional que reforza o compromiso do comercio local coa veciñanza. Paralelamente, entre as doce do mediodía e as seis da tarde, a Alameda converterase nun escenario aberto cheo de ilusión e humor coa 'Alameda Máxica', onde actuarán artistas de prestixio como Lore Lavand, Mago Koko e Álex Louzao, ofrecendo distintos pases ao longo da xornada.

Presentación do 'Escaparate Estrela'. / Cedida
Xa pola tarde, entre as catro e as sete, os máis novos poderán gozar dunha zona de lecer con xogos de gaming, postos de realidade virtual, máquinas arcade e tamén dunha minifeira con xogos tradicionais, pensada para divertir a grandes e pequenos.
Ás sete da tarde pecharase o formulario para rexistrar as compras e dará comezo a gala final do evento, presentada pola cantante Lucía Pérez. O público poderá desfrutar ademais da actuación de Elesky e do concerto especial previsto no 'Escenario Alameda'.
A continuación, ás oito e media da tarde, celebrarase a Gran Gala Internacional de Maxia, que contará coa participación de recoñecidos magos como Lore Lavand, Luigi Ludus, Oliver e Liuba, Gonza Martini e o Mago Teto.
Como broche final, ás nove e media da noite, o artista Pablo Méndez ofrecerá unha espectacular performance que precederá o momento máis esperado do día: o desvelamento do valor real do Escaparate Estrela e o anuncio da persoa gañadora, que se levará o impresionante premio composto por máis de cen produtos achegados polos comercios locais de Marín.
Unha iniciativa con impacto
O Escaparate Estrela é moito máis que un simple concurso: trátase dunha auténtica campaña de dinamización comercial e social que busca reforzar o sentimento de pertenza á comunidade, fomentar o consumo responsable e de proximidade, impulsar a dixitalización do comercio local mediante a nova aplicación 'Comercio de Marín' e, ao mesmo tempo, encher de vida, cultura e maxia as rúas da vila, consolidando a Marín como un referente de actividade, colaboración e espírito comunitario.
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- La borrasca Claudia pone a Galicia en alerta por riesgo de inundaciones, fuertes vientos y mala mar
- Condenan a un supermercado a indemnizar a 76 trabajadores gallegos por practicar «esquirolaje organizativo» durante una huelga
- Augas alerta al Concello ante el «riesgo de desabastecimiento de más de 400.000 personas» en Vigo
- Una pareja crea el primer local de alquiler de trasteros de Vilagarcía
- La Xunta mantiene en el aire el disuasorio planeado en la autovía
- Desde Moaña con rumbo a La Martinica
- El mejor centollo de Galicia se va al restaurante preferido del rey emérito