Soutelo de Montes lembra a Avelino Cachafeiro
Concertos, pasarrúas e ruada para homenaxear ao mítico gaiteiro e o seu legado

Presentación do cartel deste ano. / Lois Docampo
M. González
A música tradicional galega volverá soar con forza este sábado 23 de agosto en Soutelo de Montes, que acollerá a 46ª Festa do Gaiteiro. O evento, que pretende consolidar á parroquia como capital da gaita en Galicia, contará cun amplo programa de actividades culturais e musicais, ademais do acto central de homenaxe ao inesquecible Avelino Cachafeiro, coñecido como “O Gaiteiro de Soutelo”.
A programación foi presentada no seu día pola alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, acompañada por Bautista Alberte, sobriño e voceiro do legado do gaiteiro, e polo músico Rubén Troitiño, coorganizador da cita.
No acto de presentación, a rexedora local destacou a importancia desta celebración como símbolo de identidade:
“No noso concello temos moitas cousas destacadas, pero posiblemente a Festa do Gaiteiro sexa a máis importante de todas elas. Neste eido somos, indiscutiblemente, a principal referencia de toda Galicia. Agardamos que a música da gaita de Soutelo faga vibrar e sentir a toda a nosa terra”.
O certame conta co apoio da Xunta de Galicia, do programa +Música da Deputación de Pontevedra e da entidade Abanca.
Un programa cheo de música

Asistentes á cita do ano pasado. / José Lores
A xornada comezará ás 11:00 horas cun pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas de Forcarei, seguido da recepción oficial das autoridades na Praza do Gaiteiro. Ao mediodía celebrarase un dos momentos máis solemnes: a ofrenda floral a Avelino Cachafeiro diante do seu monumento. Acto seguido intervirá a alcaldesa e terá lugar o pregón, a cargo do músico e profesor vigués Xaime Estévez, antes de pechar esta parte co Himno Galego, interpretado tamén pola Banda de Gaitas de Forcarei.
A música continuará co concerto de Os Terribles de Donas ás 12:30 horas, que dará paso ao tradicional xantar popular. Xa pola tarde, subirán ao escenario Lus de Keikoa (16:00 h) e Os Abrentes de Cerdedo (17:15 h). Non faltará tampouco a ruada aberta, un encontro no que participan músicos e afeccionados, mantendo viva a esencia desta celebración.
O evento conta co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e de Abanca
Para rematar, a noite encherase de folclore e enerxía cos concertos de Ardentía (22:00 h) e Francisco Castro e A Banda dos Borges (23:30 h).
A Festa do Gaiteiro chega á súa 46ª edición tras un ano especial. Na edición de 2024 conmemorouse o centenario do recoñecemento de Avelino Cachafeiro como Mellor Gaiteiro de Galicia, título que recibiu en xullo de 1924. Por aquel motivo, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, foi a encargada de pronunciar o pregón, nunha festa que excepcionalmente se celebrou o 31 de agosto.
Este 2025 a cita recupera a súa esencia habitual: un día enteiro no que a música tradicional, a memoria histórica e a convivencia popular volven fundirse para reivindicar a forza da gaita como símbolo cultural de Galicia.
- Adiós al bosque que plantó y cuidó durante décadas Arturo, un vecino de As Lagoas: Adif taló la mayoría de los 50 ejemplares de árboles que era refugio climático y de aves
- Las zonas de bajas emisiones ya son una realidad en Vigo: así funciona la primera fase y vehículos afectados
- El conductor de un vehículo persigue al de un autobús hasta la estación de Cangas y le rompe una puerta y el limpiaparabrisas
- El norte de Portugal reclama 300 millones en infraestructuras y pone el puente con A Guarda entre sus prioridades
- Abel Caballero reprende a Rafael Louzán por sembrar dudas con la sede de Vigo para el Mundial 2030: «Estamos mejor que otros»
- Povisa, 53 años después: del hospital de los médicos vigueses a la incertidumbre de Vivalto
- Marruecos recupera el abastecimiento de almeja fina y se aprovecha de la crisis del sector marisquero gallego
- EE UU aborda y destruye el atunero ecuatoriano «Montecristi» por su supuesta vinculación con el narcotráfico