Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

ESPECIAL DÍA DE GALICIA

A nova (r)evolución da música galega

Os ritmos tradicionais reinvéntanse, ao tempo que ducias de artistas demostran como triunfar na nosa lingua

Fillas de Cassandra, Mondra, Baiuca e Tanxugueiras.

Fillas de Cassandra, Mondra, Baiuca e Tanxugueiras. / FdV

«A tradición é a alma eterna de Galiza, que vive no instinto popular e nas entrañas graníticas do noso chan», escribía Castelao fai 80 anos. Unha tradición que, aínda que as cousas cambien -e moito- co paso de tempo, segue viva cando o pobo a coida e a mantén con vida. Isto non quere dicir que todo deba ser inmutable; a tradición pode ser a base de propostas frescas, tal e como están a demostrar multitude de artistas actuais na nosa comunidade.

A música en galego parece estar atravesando un bo momento, especialmente, a que bebe directamente da nosa tradición sonora. Todo o mundo lembra o incrible fenómeno que desataron as Tanxugueiras fai tres anos, cando se presentaron ao Benidorm Fest para tentar representar a España en Eurovisión. Non o lograron, pero a súa canción, Terra, converteuse nun himno cantado máis alá desas fronteiras que Aida Tarrío e Sabela e Aida Maneiro proclamaban que non existían. Ben o demostraron.

O trío de pandereteiras foi o primeiro grupo en galego en conseguir colgar o cartel de ‘sold out’ no Coliseum da Coruña e non deixan de colleitar éxitos coa súa música, que combina o estilo tradicional galego con xéneros máis modernos. Colaboraron con Shinova, Andrés Suárez, Valeria Castro ou Hard GZ, sen abandonar a súa lingua nin a súa esencia.

E non se pode falar de (r)evolución musical galega sen mencionar ao produtor e artista galego Alejandro Guillán, máis coñecido coma Baiuca. O seu proxecto, pioneiro en fusionar a música tradicional galega con electrónica de vangarda, leva un lustro activo e presentouse xa en diversos puntos do globo, desde México, Colombia ou Ecuador ata Marrocos, Sudán ou Reino Unido, entre outros.

Baiuca toma melodías do cancioneiro popular e mestura instrumentos tradicionais galegos con sintetizadores, cun resultado que se potencia aínda máis en directo coas cantareiras-pandereteiras Alejandra e Andrea Montero e os visuais do cineasta galego Adrián Canoura. Unha combinación espectacular que abriu camiño a un novo concepto de mestizaxe musical.

Outro dos nomes que está a axitar o panorama musical xogando tamén coa electrónica e o ‘aturuxo’ é o do dúo vigués Fillas de Cassandra. María Soa e Sara Faro cantan coa vista posta na tradición oral e a mitoloxía, facendo bailar ao público sen parar e espertando emocións ao tempo que teñen sempre presente o feminismo e a reivindicación. As súas costas, o disco ‘Acrópole’ e ‘Hibernarse’, ademais de diversas colaboracións e ata a composición dunha canción para cinema, ‘Cuando nadie ve’, da banda sonora de ‘Soy Nevenka’.

Oliveira dos cen anos

Ademais, desde Vigo tamén xurdiu un dos fenómenos máis relevantes da música galega (e en galego) dos últimos anos, o himno do Centenario do Real Club Celta de Vigo. ‘Oliveira dos cen anos’ suscitou polémica cando se fixo público que o seu autor sería o madrileño (de pai vigués) C. Tangana, pero a peza silenciou calquera crítica ao estrearse.

Tangana non compuxo só o himno; buscou inspiración e ideas en personalidades galegas coma o escritor Pedro Feijóo, o músico Rodrigo Romaní (Milladoiro), Alfredo Dourado (A Roda), a Coral Casablanca, as pandereteiras As Lagharteiras ou a peña celista Tropas de Breogán. Á produción, colaboradores habituais do madrileño coma o catalán Alizz ou pablopablo.

O traballo en equipo de tanta xente conseguiu crear un himno que vai máis alá do fútbol; un cántico á terra, á identidade galega, que se reforzou cun vídeo musical impactante gravado en Vigo. A ‘Oliveira dos cen anos’ xa é historia e, ademais, marcou o inicio dunha nova estratexia por parte do equipo celeste, co galego por bandeira.

Moitos máis nomes

O panorama musical galego ten moitas outras voces que están a demostrar que é posible despuntar cantando no noso idioma e que alimentan co seu traballo unha escea cada vez máis rica e variada. Do folk de Caamaño & Ameeixeiras ou Abril ao ‘neotradicional’ máis bailable de Mondra, pasando polo punk de Grande Amore, o pop de The Rapants, a cumbia de Ortiga, sen esquecer aos artistas que xa levan máis tempo ao pé do cañón, coma Sés, Guadi Galego ou Carlos Ares.

Tracking Pixel Contents