
O Hospital Público Álvaro Cunqueiro cumpre unha década de funcionamento
Nestes dez anos de actividade, a infraestrutura converteuse en todo un punto de referencia no sistema sanitario nacional

Fachada do Hospital Público de Vigo Álvaro Cunqueiro. / FdV
O Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo celebra este 2025 unha década ao servizo da cidadanía. Desde a súa inauguración en xuño de 2015, o complexo hospitalario experimentou un crecemento sostido e notable na súa actividade asistencial, consolidándose como un referente no sistema sanitario, non só galego, senón nacional.
A apertura deste hospital permitiu á área sanitaria de Vigo contar cunha infraestrutura para facer fronte ao hínterland máis poboado de Galicia. A día de hoxe, o Álvaro Cunqueiro conta cun equipo con preto de 3.800 traballadores.
A infraestrutura destacou dende un primeiro momento pola súa arquitectura moderna, inspirada nas velas dun barco, e pola súa aposta pola «arquitectura curativa», que busca mellorar o benestar dos pacientes a través do deseño. Ademais, ao longo destes dez anos de actividade, o edificio experimentou unha mellora en materia de eficiencia enerxética, coa ampliación da instalación fotovoltaica ata acadar os 5.422 paneis solares, ao tempo que se puxeron en marcha iniciativas innovadoras como o ecopastoreo con cabras para o mantemento das zonas verdes.
Por outra banda, nesta década realizáronse obras e melloras por importe de preto de 7 millóns de euros. Destacan a unidade de enfermidades raras, a unidade infanto-xuvenil de saúde mental, a unidade de hospitalización a domicilio, a unidade de rehabilitación cardíaca, o hospital de día de procesos médicos, a unidade de diagnóstico do aparello dixestivo, o centro de crise ou a reforma da área de necropsias.
Principais indicadores

Tratamento a un paciente con hemofilia. / FdV
Máis alá destas melloras, os principais indicadores asistenciais reflicten unha evolución moi positiva da prestación sanitaria grazas á posta en servizo do novo hospital público de Vigo.
En primeiro lugar, produciuse un incremento continuo, tanto en ingresos programados como non programados, superando os 358.000 ingresos acumulados desde a apertura do novo hospital. Isto supón unha media de preto de 100 ingresos diarios e preto de 2,5 millóns de estadías (2.436.871) ao longo destes 10 anos.
Así mesmo, nesta década realizáronse 122.986 cirurxías, medrando ano a ano tanto as programadas como as ambulatorias. Este dato indica unha progresión ascendente co fin de ofrecer a mellor atención sanitaria á poboación que ten como referencia este centro hospitalario, mellorando a eficiencia e a satisfacción do paciente.
Actividade en consultas e urxencias
Durante esta década tamén se rexistrou unha tendencia á alza na actividade de consultas externas e urxencias no Hospital Álvaro Cunqueiro, o que indica un maior acceso e confianza da poboación neste centro. Así, no período 2015-2025 atendeuse a case 1,8 millóns de pacientes en urxencias, experimentando unha evolución significativa desde 2020, ao pasar de preto de preto de145.000 persoas atendidas nese ano ás máis de 210.000 en 2024.
En canto ás consultas externas, atendéronse máis de 3,7 millóns de persoas, cunha media de consultas nos últimos anos en torno ás 400.000 persoas/ano.
Estes indicadores mostran incrementos sostidos ou estabilización en cifras altas, o que reflicte tanto o crecemento da demanda como a capacidade do hospital para responder con calidade e eficiencia.
Ademais, nunha enquisa anónima realizada recentemente, máis do 90 % dunha mostra de 1.509 pacientes intervidos entre os meses de marzo e maio de 2024 nos hospitais públicos Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro, mostraron un nivel global de satisfacción de todo o proceso, cualificando a súa experiencia cunha nota media de 4,68 puntos sobre 5.
Ampliación de servizos
Cando o Hospital Público Álvaro Cunqueiro abriu as súas portas en xuño de 2015 fíxoo con 7 servizos, unidades ou consultas: Hemodiálise, Consultas de Nefroloxía, Anatomía Patolóxica, Unidade de Soporte Vital, Soporte Hemoterápico, Farmacia e Laboratorios. Progresivamente e ata o mes de setembro foron incorporándose os restantes servizos, consultas e unidades.
Por outro lado, ao longo da historia do hospital desenvolvéronse áreas de vangarda como o quirófano híbrido, o TC intraoperatorio, a UCI aberta ou o Laboratorio de Resposta Hospitalaria; así como outros servizos multidisciplinares coma o Centro de Simulación Médica, Fibrose Quística, Xenética e Patoloxía Molecular, e Medicina Materno Fetal.
Así, actualmente, no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, no CHUVI, existen 46 servizos, dos cales 42 se sitúan no Álvaro Cunqueiro. Entres eles atópanse Análises Clínicas, Anxioloxía e Cirurxía Vascular, Admisión, Alergoloxía, Anestesioloxía e Reanimación, Anatomía Patolóxica, Cardioloxía, Cirurxía Cardíaca, Control de Xestión, Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, Cirurxía Oral e Maxilofacial, Cirurxía Pediátrica, Cirurxía Plástica, Cirurxía Torácica, Dermatoloxía, Aparello Dixestivo, Endocrinoloxía e Nutrición; así como Obstetricia e Xinecoloxía, Xeriatría, HADO, Hematoloxía e Hemoterapia, Microbioloxía e Parasitoloxía, entre outras especialidades.
12 fitos destacados do Hospital Público Álvaro Cunqueiro (2015-2025)

Primeira intervención co robot Da Vinci. / FdV
1. Apertura e reordenación asistencial
O traslado de consultas e servizos desde o antigo Hospital Xeral finalizou en setembro de 2015. A posta en marcha do hospital marcou a maior transformación hospitalaria de Galicia en décadas, centralizando a atención especializada da área de Vigo.
2.Tecnoloxía e espazos de vangarda
O hospital dispón dun dos quirófanos híbridos máis avanzados de Europa, o robot cirúrxico Da Vinci ou o o TC intraoperatorio máis avanzado de España, entre outras innovacións tecnolóxicas.
3. Cirurxía innovadora e especializada
Lidera avances cirúrxicos en áreas coma Cardioloxía, Neurociruxía, Psiquiatría e Anestesioloxía ou Ciruxía Pediátrica, recopilados nas fotografías destas páxinas.

Equipo médico da operación pioneira a un paciente con TOC. / FdV
4. Investigación e terapias avanzadas
Destaca en innovación biomédica, con logros coma o rexistro dunha patente europea en Cardioloxía ou o recoñecemento nacional do Servizo de Hematoloxía en terapia celular.
5. Humanización da atención sanitaria
Exemplos destacados de humanización no hospital son UCI aberta, os avisos por SMS a familiares durante cirurxías ou o programa Aproxima-FarmaVigo.
6. Referente en atención materno-infantil e pediátrica
O Hospital Público Álvaro Cunqueiro lidera os nacementos en Galicia e conta cun Banco de Leite materno referente para as provincias de Pontevedra e Ourense, ademais de incorporar técnicas innovadoras coma a crioanalxesia.

Ciruxía punteira para a escoliose. / FdV
7. Saúde mental
O Servizo de Psiquiatría reorganizou toda a rede da área sanitaria, abrindo novas USM (Tui, Ponteareas), unha Unidade de Hospitalización e unha unidade Infanto-Xuvenil.
8. Modelo farmacéutico integral
O Servizo de Farmacia é dos pioneiros nacionais na xestión de proveedores e puxo en marcha iniciativas coma a administración pioneira dunha terapia xénica en Galicia para AME ou outra, recentemente e por primeira vez en España, contra a Hemofilia B.
9. Docencia e simulación clínica punteira
O CHUVI é centro docente unificado, participa en másteres e programas de sendas especializacións e dispón dun Centro de Simulación Médica.
10. Traballo e especialización multidisciplinar
Destacan a Unidade de Imaxe Avanzada Cardiovascular, a creación de consultas monográficas en Neumoloxía (asma grave, fibrose quística, intersticiais, etc.), a colaboración entre Reumatoloxía, Cardioloxía e outras especialidades.

O Hospital Álvaro Cunqueiro, pioneiro en aplicar a crioanalsexia en pediatría. / FdV
11. Rehabilitación e resposta á pandemia
Lidera técnicas minimamente invasivas para a dor crónica, o ictus ou columna, con dispositivos como as ondas de choque. Na pandemia abríronse dispositivos COVID-auto, desenvolveuse técnica de pooling e unha unidade post-COVID con seguimento prolongado.
12. Produción científica e investigación
Acolle o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, integrado por 65 grupos de investigación. É un centro de excelencia que pertence á rede nacional de centros de investigación científica biomédica do Instituto de Salud Carlos III. Tamén conta co Biobanco do IISGS, que contén unha das máis importantes coleccións de tecidos e cerebros de España.

Equipo médico a cargo dunha artroscopia. / FdV
- Solo tres concellos de Galicia están «libres» de radón
- Olvídate de Samil: esta es la playa con el agua más caliente de Galicia (y está casi vacía)
- De Gustavo López a Jennifer López: las manos gallegas que en su día cuidaron al Celta trataron a la diva del Bronx en Pontevedra
- Turistas maleducados
- Un empresario de Santiago detenido por pertenecer a una organización criminal que defraudó 69 millones de euros con bebidas alcohólicas
- La estafa de la academia Vive Formación supera los 300.000 euros y el centenar de afectados
- «Sé que va a ser difícil, pero quiero volver a la normalidad»
- Comienza la revolución de Celta360