
O corazón de Cangas do Morrazo volve latexar con forza
O Concello estrea a obra de peonalización das rúas Eduardo Vincenti e Montero Ríos, coa que se transformou a Alameda Vella nun espazo «amable, accesible e pensado para as persoas»

O equipo de Goberno de Cangas na Alameda Vella. / Concello de Cangas
Unha vila é un gran corpo habitado por tódala veciñanza, que se mantén vivo coa rutina do día a día, co comercio local, coas súas rúas. O corazón dese ser común vai mudando en cada localidade. En Cangas do Morrazo, sería a súa Alameda Vella, e este pasado sábado retomou o seu latexo coa inauguración oficial da obra de peonalización das rúas Eduardo Vincenti e Montero Ríos.
A actuación contou cun orzamento total de 1.187.671 euros. Trátase dunha acción estratéxica para avanzar cara un modelo urbanísticode recuperación de espazos para a cidadanía.
Deste xeito, como apuntan desde o consistorio, a peonalización da contorna transforma a coñecida como Alameda Vella nun espazo «amable, accesible e pensado para as persoas».
O acto de inauguración deste sábado, onde acudiron ducias de veciños e veciñas para gozar do pasarrúas de Lume de Carozo, o concerto da banda Belas Artes e o espectáculo ‘Un circo de contos’, de Dani Blanco, foi a constatación dese obxectivo.
Un proxecto que transforma e unifica

Aspecto final da obra de peonalización das rúas Eduardo Vincenti e Montero Ríos. / Concello de Cangas
A obra une de xeito harmónico o casco vello de Cangas coa Alameda Vella e os Xardíns de Félix Soage. O deseño aposta por recuperar o espírito do que fora, no seu día, o “gran salón urbano de Cangas”, un espazo de convivencia e encontro que conecta, visual e funcionalmente, o mar co centro histórico.
Para levala a cabo, aproveitouse o firme existente para crear unha plataforma única de granito, eliminando as barreiras arquitectónicas e facendo accesible todo o espazo.
Neste sentido, a través do novo pavimento continuo de pedra, a eliminación de bordillos e o redeseño dos accesos lógrase que as persoas gañen prioridade na zona, ao tempo que os vehículos quedan limitados e redirixidos, mantendo o acceso a vivendas e garaxes.
A veciñanza xa goza deste espazo, cuxa reforma contou cun orzamento total de 1.187.671 euros
Por outra banda, tamén se executou unha renovación parcial das redes de saneamento e pluviais, adaptouse a rede de rega dos xardíns e substituíuse e ampliouse a iluminación pública co modelo Pescador.
Ademais, entre as melloras técnicas e de servizos, cómpre destacar a incorporación de franxas podotáctiles para accesibilidade, a reposición e mellora dos servizos urbanos afectados, así como a instalación de mobilario urbano renovado, incluíndo bancos de pedra e fontes adaptadas.
Con esta actuación, o Concello de Cangas reafirma o seu compromiso coa mobilidade sostible, a accesibilidade universal e a mellora da calidade de vida no espazo público.
Unha intervención qué moito máis ca unha obra

Novo aspecto da Alameda Vella de Cangas. / Concello de Cangas
A finalización das obras de transformación da Alameda Vella de Cangas, cuxo nome oficial é Alameda José Félix Soage, supón todo un «fito» para o municipio, como declara a súa alcaldesa, Araceli Gestido.
A intervención non é só unha obra urbanística, senón unha recuperación do corazón da vila, «un espazo cheo de memoria, encontro e identidade que, durante anos, perdeu protagonismo».
«A súa contorna fala de quen somos: un pobo mariñeiro, orgulloso da súa historia e da súa xente», recoñece Gestido.
O reloxo meteorolóxico, símbolo do vínculo co mar, e a praza de abastos, doada polo benfeitor José Félix Soage, eríxense na alameda como os estandartes da identidade canguesa; unha alameda convertida agora nun grande espazo pensado para camiñar, convivir, dinamizar o comercio e fortalecer o tecido social.
Os traballos de humanización completáronse con varias accións na contorna, como a reparación de bancos ou a limpeza de grafitis do palco da música. A obra foi executada pola empresa Construcciones Obras y Viales (COVSA) e deu comezo o pasado mes de novembro. Trala súa inauguración, a feira semanal xa retomou o pasado venres a celebración na Alameda Vella.
Así as cousas, desde o Concello de Cangas aseguran que o proxecto é «a xoia da coroa dun modelo de vila máis amable, máis accesible e máis viva».
- El restaurante flotante de Roberto Vilar en Silgar
- Turistas maleducados
- Hosteleros divididos por la actitud de los peregrinos
- Solo tres concellos de Galicia están «libres» de radón
- El pueblo costero de Galicia donde se come muy bien en primera línea de playa: «El refugio del fin del mundo»
- Málaga valora renunciar al Mundial 2030, A Coruña se encuentra «en serio riesgo» y Vigo avanza
- Boris Izaguirre se deja enamorar por Baiona acompañado por Rafa Durán: «Manché con un percebe a Fraga»
- La embajada de Israel, sobre la expulsión de los israelíes en Vigo: «Una Europa en la que los judíos tienen miedo de hablar hebreo»