As artes vivas protagonizan a 32ª edición da Bienal de Pontevedra: danza, música e perfomance enchen a provincia ata setembro

O ciclo contará con espectáculos gratuítos cada venres en diferentes municipios, ocupando espazos urbanos, patrimoniais, museísticos ou industriais

Presentación de la 32ª Bienal de Pontevedra.

Presentación de la 32ª Bienal de Pontevedra. / Cedida

A Bienal de Pontevedra regresa tras 15 anos de ausencia baixo o título 'Volver a ser humanos' para converter a provincia nun escenario do efémero, do sensible e do colectivo.

Esta 32ª edición da cita, na que as artes vivas toman protagonismo, arranca este venres 27 de xuño e estenderase ata o vindeiro 26 de setembro. Ao longo destes meses, cada venres —agás festivos—, terán lugar espectáculos de música, danza ou performance en diferentes espazos da cidade de Pontevedra e noutros municipios da provincia.

Así, a bienal activará espazos urbanos, patrimoniais e industriais en lugares como Ponteareas, O Grove, Sanxenxo ou Vigo.Todas as propostas serán de acceso gratuíto ata completar aforo.

A presentación do programa tivo lugar este mércores no Museo do Mar de Galicia, un dos espazos que tamén acollerá parte das actividades. No acto estiveron presentes os vicepresidentes da Deputación, Rafa Domínguez e Luisa Sánchez; o comisario do ciclo, Iñaki Martínez Antelo, e o artista portugués Vasco Araújo, que será o encargado de inaugurar hoxe o ciclo cunha acción participativa polas rúas de Pontevedra. 

«A Bienal medra fóra dos espazos expositivos tradicionais e faise corpo, presenza e voz tamén na rúa e na contorna», sinalou Rafa Domínguez, para quen esta edición é «a mostra cultural máis ambiciosa feita nunca na provincia».

Pola súa parte, Luisa Sánchez destacou a descentralización como un dos grandes logros do programa: «Chegar a lugares coma Ponteareas, O Grove, Sanxenxo ou Vigo é unha mostra do compromiso da Deputación por achegar a cultura contemporánea a todo o territorio, sen excepción». 

Artes vivas, un corpo en movemento

Iñaki Martínez, comisario do ciclo.

Iñaki Martínez, comisario do ciclo. / Cedida

As artes vivas, lonxe de ser unha categoría pechada ou unha disciplina establecida, constitúen un campo de creación híbrido, transdisciplinar e permeable, onde conflúen o espectáculo, a danza, a poesía, a música experimental ou a acción participativa.

O comisario, Iñaki Martínez, explicaba así o programa: «Traza unha dramaturxia expandida que nos convida a pensarnos desde o corpo e desde o encontro, no contexto dunha sociedade marcada pola incerteza e a fragmentación social».

Nun momento en que os discursos de odio gañan terreo, o contacto coa arte en directo é máis necesario que nunca

Xa o propio título da bienal, 'Volver a ser humanos', deixa claro o foco deste gran evento, onde participarán artistas como La Ribot, Janet Novás, María Salgado, Leonor Leal, Hugo Torres, Marta Fernández Calvo, Cris Balboa ou o colectivo Glovo, entre outros.

Se algo teñen en común todos estes creadores é que traballan desde o corpo «como arquivo, como ferida, como limiar, como refuxio». Así, aseguran desde a Bienal de Pontevedra, «nun momento en que os discursos de odio gañan terreo, afirmamos o valor do fráxil, do incompleto, do vivo, xa que pensamos que o contacto coa arte en directo é máis necesario ca nunca».

Primeira acción da bienal

Vasco Araújo, artista que inaugurará hoxe a Bienal.

Vasco Araújo, artista que inaugurará hoxe a Bienal. / Cedida

A primeira proposta do ciclo chega este venres 27 de xuño ás 20:00 horas, cunha performance coral participativa titulada 'Libertas – Da condición de persoa libre', do artista portugués Vasco Araújo.

A acción, que partirá do Pazo da Cultura, convida á cidadanía a unirse a unha marcha cantada polas rúas da cidade interpretando o histórico 'Coro dos escravos' da ópera Nabucco de Giuseppe Verdi, símbolo da loita contra a opresión. 

A proposta está aberta á participación cidadá, sen necesidade de experiencia previa, e conta con numerosos voluntarios inscritos. Recoméndase acudir vestidos de branco.

«Esta acción é unha marcha poética e política, na que as voces se unen para lembrar que a arte pode ser tamén unha forma de resistencia», explicou Araújo. «É unha chamada a pensar xuntos sobre o que significa a liberdade: quen a posúe, quen a impón, quen a perde».

Programa completo da Bienal de Pontevedra

Presentación da 32 Bienal de Pontevedra.

Presentación da 32 Bienal de Pontevedra. / Cedida

Tras a performance participativa de Araújo, o ciclo de artes vivas continuará todos os venres, excepto o 25 de xullo e o 15 de agosto, en lugares coma as naves de Aceros del Tea de Ponteareas, o Espazo Museístico Salgadeiras de Moreiras do Grove, a capela da Lanzada de Sanxenxo e o Museo do Mar de Galicia en Vigo.

A obra que clausurará a 32ª Bienal de Pontevedra terá lugar o venres 26 de setembro con La Ribot no salón de plenos da Deputación de Pontevedra.

O programa completo (dispoñible en liña con todos os detalles) é o seguinte:

Xuño

  • 27 de xuño: Vasco Araújo: Libertas - Da condição de pessoa livre (20:00 horas, rúas de Pontevedra)

Xullo

  • 3 de xullo: Cine, Arte e Guerra: O silencio do mar (19:00 horas; Edificio Castelao, Museo de Pontevedra)
  • 4 de xullo: Marta Fernández Calvo y Su Garrido Pombo - Una vajilla, una premonición (20:00 horas; claustro do Edificio Sarmiento, Pontevedra)
  • 9 de xullo: Cine, Arte e Guerra: Nausicaä del Valle del Viento (19:00 horas; Edificio Castelao, Museo de Pontevedra)
  • 11 de xullo: Nuria Vil - Flúor significa escuridade / María Salgado - Recordando a Stein (20:00 horas; Teatro Principal, Pontevedra)
  • 17 de xullo: Cine, Arte e Guerra: Culloden y El juego de la guerra (19:00 horas; Edificio Castelao, Museo de Pontevedra)
  • 18 de xullo: Janet Novás - She Night (20:00 horas; Naves de Aceros del Tea, Ponteareas)

Agosto

  • 1 de agosto: Federico Vladimir y Pablo Lilienfeld - Dragón, descansa en el lecho marino (21:00 horas; piscina do Complexo Deportivo Rías do Sur, Pontevedra)
  • 8 de agosto: Cris Balboa - Sinte (21:00 horas; Liceo Casino, Pontevedra)
  • 22 de agosto: Colectivo Glovo - Alleo+Trïade (20:00 horas; Museo das Salgadeiras de Moreiras. O Grove)
  • 29 de agosto: Marc Vives - SSSSS (20:00 horas; Museo do Mar de Galicia, Vigo)

Setembro

  • 5 de setembro: Nuria Sotelo, Luz Arcas y Quique Peón - Fóra de si (21:00 horas; capela de A Lanzada, Sanxenxo)
  • 12 de setembro: Hugo Torres - Bahía Botánica (20:00 horas; claustro do Edificio Sarmiento, Pontevedra)
  • 19 de setembro: Leonor Leal - El lenguaje de las líneas (20:00 horas; Teatro Principal, Pontevedra)
  • 26 de setembro: LaRibot - LaBOLA (20:00 horas; salón de plenos da Deputación, Pontevedra)
Tracking Pixel Contents