Financiamento do 70% para producir e impartir formacións para empresas e asociacións a través da UVigo

O Centro de Posgrao e Formación Permanente xestionará as propostas

Microcredenciais.

Microcredenciais. / UVigo

Vigo

Ata o vindeiro 31 de outubro, as empresas, entidades e asociacións poderán solicitar participar das axudas  do Plan de desenvolvemento de microcredenciais da UVigo para financiar a produción e impartición de microcredencias universitarias. Estas son formacións de curta duración, focalizadas na adquisición de coñecementos habilidades ou competencias específicas, co obxectivo de recualificar e mellorar a empregabilidade de traballadores e traballadoras de entre 25 a 64 anos.

A recente sinatura do convenio da Xunta de Galicia coas tres universidades públicas do SUG permitiralle á Universidade de Vigo ofertar máis de 26 accións formativas e emitir preto de 1550 microcredencias, con temáticas abertas a todos os ámbitos do coñecemento.

As organizacións interesadas poderán financiar máis dun 70 % das súas formacións, que se impartirán ata a primavera de 2026. O acceso está aberto a todas as persoas, sen necesidade de posuir unha titulación universitaria, unicamente cumprindo os requisitos de acceso a cada microcredencial. O convenio terá en conta bolsas para o 25 % do alumnado, incluso a matrícula pode ser gratuíta en casos especiais. Este plan está enmarcado no convenio coa Xunta e financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Formacións segundo as súas necesidades

Ata finais de outubro, ou ata que se esgoten os fondos dispoñibles, as empresas ou entidades que queiran solicitar unha formación poderán mostrar o seu interese a través desta convocatoria. As iniciativas serán consideradas pola Comisión de Calidade da UVigo e a Comisión de Estudos do Centro de Posgrao e Formación Permanente, centro que xestiona as titulacións propias desta universidade.

Máis dunha ducia de solicitudes de microcredenciais están tramitándose xa no Centro de Posgrao e Formación Permanente. O obxectivo final é a recualificación dos e das traballadoras, que unha vez superen a formación, obterán unha certificación dixital, válida para toda a Unión Europea. Ademais son acumulables e poden combinarse en credenciais máis amplas.

Catálogo de titulacións propias da Universidade de Vigo

O Centro de Posgrao e Formación Permanente ten agora mesmo as preinscricións abertas para máis de 15 formacións que comezan o vindeiro mes de setembro. Ademais nas próximas semanas o catálogo irase completando con estas microcredenciais que parten das necesidades reais das entidades, asociacións e empresas, e son unha formación a medida das súas necesidades.

A oferta actual de titulacións comprende dende mestrados oficiais como o Mestrado interuniversitario en biofabricación, ata unha ampla oferta de formación permanente con títulos de especialista cunha extensa traxectoria, títulos de experto/a, diplomas avanzados ou os novos mestrados de formación permanente, como o Mestrado en ciberintelixencia e ciberoperacións en sectores estratéxicos para a seguridade nacional, en colaboración con Indra, e o Mestrado de formación permanente en enfermería práctica avanzada en urxencias e coidados intensivos, un mestrado modular e práctico en colaboración co Grupo Ribera Povisa.

Grandes novidades

Outros títulos que repiten un ano máis son o ETIV, o título de especialista en Tradución para a Industria do videoxogo da Facultade de Filoloxía e Tradución, que oferta xa a súa oitava edición, o título de experto/a en Escritura e reescrituras literarias da Idade Media, e o título de especialista en Electrónica para compoñentes da automoción, en colaboración coa empresa BorgWarner Emissions Systems Spain, que rematou a súa sétima edición.

Entre as novidades deste ano, teñen un novo título de experto/a en Auga, termalismo e saúde, que se impartirá en Ourense, o de experto/a en Interpretación simultánea de voz a texto, impartido de forma virtual, ou os de experto en Abordaxe do paciente crítico en enfermería ou en Urxencia e emerxencia en enfermería.

Estas formacións completaranse coas microcredenciais que se ofertarán nos vindeiros meses e a última convocatoria de cursos de capacitación dixital no ámbito do transporte, mobilidade e loxística 100 % financiados polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU no que poden inscribirse persoas sen necesidade de proba de acceso a universidade ou de formación universitaria previa.

Este ano as inscricións nas formacións contarán con dúas convocatorias de preinscrición e matrícula. Unha oportunidade para formarse e adquirir credenciais na Universidade de Vigo

Tracking Pixel Contents