San Xoán de Poio 2025

Un verán sen tempo para o aburrimento

O programa municipal aposta por campamentos teatrais, dixitais e multiaventura ao longo dos meses estivais

Participantes nun campamento na praia.

Participantes nun campamento na praia. / Gustavo Santos

M. González

O San Xoán marca o inicio das vacacións de verán para toda a rapazada e mocidade, un dos momentos máis agardados do ano. O Concello de Poio pon en marcha un completo programa de actividades durante os meses estivais, cunha oferta variada que combina ocio, aprendizaxe, cultura e convivencia. O obxectivo é ofrecer alternativas enriquecedoras para que a infancia e a xuventude poidan desfrutar das súas vacacións cunha programación que se adapta aos seus intereses e idades.

As tres iniciativas principais promovidas polo Concello son o Campamento Dixital, a Semana Máxica e o campamento cultural Teatreirxs, propostas pensadas para fomentar a creatividade, o coñecemento e o contacto coa natureza. A estas accións súmanse dúas actividades impulsadas pola Xunta de Galicia no marco da súa campaña Acción de Verán: o campo de voluntariado “Costa Azul” e o minicampamento “As pegadas da historia”, que tamén se desenvolverán no municipio.

Campamento cultural “Teatreirxs”: teatro en todas as súas formas

Entre os días 23 e 27 de xuño, o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó acollerá o campamento “Teatreirxs”, unha proposta gratuíta orientada a achegar o mundo do teatro a nenos e nenas desde unha perspectiva integral. Durante cinco sesións de mañá (de 9:30 a 13:30 h), os participantes descubrirán que o teatro é moito máis que interpretar: é crear, xogar, imaxinar e colaborar.

As crianzas formarán a súa propia compañía teatral asumindo roles tanto artísticos como técnicos, e culminarán a experiencia coa posta en escena da obra “Os vellos non deben de namorarse”, coincidindo co Ano Castelao. A actividade xa non dispón de prazas libres posto que ven de completar o aforo dispoñoble nas últimas horas.

Semana Máxica: campamento con acampada, praia e excursións

Outra das citas destacadas será a Semana Máxica, unha experiencia inesquecible pensada para alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO. Desenvolverase en Samieira, entre o 4 e o 8 de agosto, en diferentes quendas de tres días, e incluirá actividades ao aire libre, xogos, excursións, praia e moita diversión. A apertura do prazo de inscrición está prevista para principios de xullo.

Campamento Dixital: formación en competencias dixitais con fondos europeos

Como gran novidade deste verán, o Concello de Poio ofrecerá o Campamento Dixital, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios e dentro do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia impulsado polo Ministerio de Xuventude e financiado cos fondos Next Generation da UE.

Esta proposta terá lugar na Aula Cemit de Poio e está dirixida á rapazada de 9 a 17 anos, cun enfoque práctico, divertido e responsable sobre o uso da internet e as ferramentas dixitais. Organizaranse dúas edicións:

  • Do 18 ao 22 de agosto para nenas e nenos de 9 a 13 anos.
  • Do 25 ao 29 de agosto para mocidade de 14 a 17 anos.

Ambas as dúas desenvolveranse en horario de mañá e serán completamente gratuítas. O prazo de inscrición abrirase nas próximas semanas.

Dúas propostas máis

A programación de verán de Poio tamén inclúe dúas actividades promovidas pola Xunta de Galicia a través da súa campaña Acción de Verán 2025.

Por unha banda, celebrarase unha nova edición do campo de voluntariado “Costa Azul”, unha iniciativa medioambiental dirixida a mozos e mozas de 18 a 30 anos de todo o Estado, que terá lugar a finais de xullo. O programa céntrase na limpeza do litoral por terra e mar en zonas como Lourido, Combarro, a Illa de Tambo e Chancelas, combinando compromiso ambiental, convivencia e lecer.

E como novidade deste ano, desenvolverase tamén o minicampamento “As pegadas da historia”, entre o 14 e o 18 de xullo, para rapazada de 9 a 18 anos. Esta proposta combinará actividades náuticas (surf, kayak, surf skate), xogos de orientación, salvamento acuático, veladas nocturnas e visitas culturais a espazos emblemáticos como o Mosteiro de Poio, o Museo de Colón ou o Bosque de Colón.

Con esta ampla oferta, o Concello de Poio reafirma o seu compromiso coa mocidade, ofrecendo alternativas de calidade, gratuítas e inclusivas para desfrutar dun verán activo, creativo e enriquecedor.

Tracking Pixel Contents