san paio 2025

A Estrada prepárase para un San Paio de récord

Música, deporte, cultura e actividades infantís, principais protagonistas do cartel deste ano

Ambiente nas rúas da Estrada nas festas do ano pasado.

Ambiente nas rúas da Estrada nas festas do ano pasado. / J. Lalín

M. González

A Estrada da o pistolezazo de saída a unhas esperadas Festas de San Paio, que este ano chegan cargadas de actividades para todos os gustos e idades, cunha programación que se estenderá do sábado 21 ao domingo 29 de xuño.

A xornada inaugural de hoxe arrinca co Encontro anual de Fillos e Amigos da Estrada e a misa polos estradenses falecidos na igrexa parroquial, ás 12:30 h. A tarde promete tamén espectáculos destacados, como a exhibición do club de natación sincronizada Sincroburbullas na piscina climatizada, o acendido do alumeado festivo e a xa clásica Carreira Nocturna Estradense.

O luns celébrase San Xoán con fogueiras que prenderán a noite en distintos barrios da vila, e o martes 24, os máis pequenos serán os protagonistas no “Día do Neno”, con inchables, festa da escuma e animación na Praza do Concello.

O mércores 25 marca o inicio oficial das festas de San Paio co esperado pregón a cargo da actriz María Mera, acompañado dun brindis popular con sidra estradense e viño galego. A tarde traerá exhibicións de baile e unha verbena animada polas orquestras Cinema e Tekila.

A xornada do xoves 26 estará centrada na honra a San Paio, patrón da vila, con misa solemne, procesión, desfiles e actuacións musicais a cargo da Brilat e Os Coribantes. A verbena da noite contará co espectáculo “Camiñantes e Cantantes”, con Pili Pampín, Manuel Manquiña e Pepo Suevos, ademais de actuacións da orquestra América e da Banda de Gaitas e Danzas Os Coribantes.

O venres 27 continuará coa música nas rúas, torneo de baloncesto, sesión vermú e procesión do Santísimo. A noite pecharase cunha segunda edición da Ruada na Estrada, onde participarán Tequexetéldere e A Ponte Vella, seguida dunha verbena con Combo Dominicano, La Última Legión e a Banda de Paramos.

O sábado 28 estará marcado pola Festa da Bicicleta, o V Festival de Música Tradicional da Estrada e unha noite de grandes concertos, entre eles a homenaxe a Frank Sinatra da Big Band Carlos Barruso e a actuación estelar de Herdeiros da Crus, rematando coa verbena da Gran Parada.

As festas pechan o domingo 29 cunha xornada festiva que inclúe pasarrúas, sesións vermú, concertos locais con G Face, Dr Zaius e Dalia Negra (no seu debut), os fogos artificiais de fin de festa na Cañoteira e unha última verbena coa orquestra Galilea. Como broche final, sortearase unha viaxe a Punta Cana entre os asistentes.

A Estrada xa está lista para recibir a veciños e visitantes cunha semana de celebracións que promete deixar momentos inesquecibles para todos os estradenses.

Tracking Pixel Contents