Catro décadas de evolución no sector agrario

Irmáns Picaño soubo evolucionar co paso do tempo e converterse nun referente na comarca da Estrada

Adrián, Fernando e Iván, nas novas instalacións de Toedo.

Adrián, Fernando e Iván, nas novas instalacións de Toedo. / Bernabé

M. González

A Estrada

Lonxe de acomodarse, a empresa familiar Irmáns Picaño soubo evolucionar co paso do tempo e converterse nun referente no ámbito agrario da comarca da Estrada. A súa historia comeza hai 40 anos, cando Fernando Picaño e o seu irmán abriron un pequeno local na rúa Iryda, xunto ás súas parellas. Aquela modesta tenda foi o xerme dun proxecto que hoxe conta con tres establecementos —dous no polígono de Toedo e un no centro da vila— e unha ducia de traballadores.

A primeira xeración deu paso á segunda, formada por Adrián e Iván, fillos de Fernando, que asumiron o liderado da empresa sen medo ao reto. “Este é un traballo que require moito sacrificio”, recoñece Fernando, pero a paixón pola actividade e o compromiso co territorio son máis fortes.

A comezos deste ano, Irmáns Picaño deu un novo paso adiante coa apertura dunha agroferretería no polígono de Toedo. Nela, os clientes poden atopar desde ferramentas tradicionais e produtos de uso diario no campo ata tecnoloxía punteira e solucións para sectores como a apicultura, a horta, a equitación ou a poda. Todo iso sen esquecer os artigos estrela da empresa: pensos e fertilizantes.

“A nosa idea inicial era abrir en Santiago, xa que cada vez temos máis clientes de municipios como Vedra ou Boqueixón. Pero decidimos seguir apostando pola Estrada. Aquí nacimos, aquí medramos, e cremos que somos nós, os estradenses, quen debemos contribuír a tirr do noso pobo”, explica Iván.

O polígono industrial, onde concentran boa parte da actividade, ofrece ademais vantaxes prácticas. “Moitos dos nosos clientes veñen en furgonetas ou camións, polo que precisan espazo e comodidade para cargar. No centro iso cada vez é máis complicado”, apunta Fernando.

A súa experiencia dálle perspectiva sobre como cambiou o mundo agrario nas últimas décadas. “No ano 85 había explotacións pequenas, con cinco ou dez vacas. Máis tarde desapareceron as medianas, de trinta. Agora quedan poucas, pero moito máis grandes. A xente nova vai para as cidades, e os maiores xa non poden traballar”.

Por iso, Fernando ten claro que o segredo da súa permanencia é adaptarse. “Se non cambias co tempo, acabas quedando atrás”, di. E esa adaptación faina da man dos seus fillos, que achegan novas ideas e unha visión renovada do negocio. Con todo, o patriarca ten claro que o máis importante é a liberdade: “Mentres eles estean a gusto, eu tamén o estou. Se algún día deciden tomar outro camiño, non serei eu quen llo impida”.

Así, Irmáns Picaño segue medrando, sen esquecer de onde vén, pero con ollos postos no futuro.

Tracking Pixel Contents