XIV FEIRA DO DEZAOITO DE TROÁNS - CUNTIS

Troáns celebra con xabarín a Feira do Dezaoito

O evento celebrarase este sábado na carballeira da parroquia de Cuntis, cunha proposta que combina tradición, gastronomía e produtos locais

A carne do xabarín, protagonista estrela da festa.

A carne do xabarín, protagonista estrela da festa. / Turismo de Cuntis

M. González

Este sábado, a carballeira de Troáns, en plena natureza da parroquia de Cuntis, acollerá a tradicional Feira Histórica do Dezaoito, unha cita organizada en colaboración co Concello de Cuntis que acada xa a súa décimo cuarta edición e se consolidou como referente do calendario festivo local.

A gastronomía será a gran protagonista durante toda a xornada. Destaca o afamado “Menú Xabarín”, con empanada, polbo, carne de xabarín, pan, café e postre. Tamén haberá posibilidade de xantar, ao marxe das reservas xa pechadas, xabarín, empanadas, polbo, churrasco e carne ao caldeiro.

Cabe destacar que para este menú había habilitado un prazo de reserva ata a xornada de onte, e que finalmente encheu o cupo dispoñible, polo que preto de 600 persoas ateigarán a carpa habilitada para a ocasión.

O evento, organizado pola Asociación Cultural Festa do Dezaoito en colaboración co Concello de Cuntis, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chamadoiro - Cabaleiros (Troáns) e Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis, inclúe actuacións musicais coa presenza da charanga Os Encerellados de Campo Lameiro, e a citada agrupación tradicional local. Para os máis pequenos, a xornada inclúe xogos tradicionais e inchables a cargo de Eventilandia

O alcalde de Cuntis (dereita), no xantar dunha edición anterior.

O alcalde de Cuntis (dereita), no xantar dunha edición anterior. / Turismo de Cuntis

Hai preto de 20 anos que Peña Agro Xabarín decidía xuntar ás súas familias ao completo para xantar xabarín en boa compañía. En pouco tempo, esta xuntanza derivou na recuperación dunha feira que, hai moitos anos, era unha das de maior sona da bisbarra, según declaracións dos antepasados dos organizadores.

Desde a organización, animan a artesáns e feirantes a participar en edicións futuras para recuperar outra parte importante da esencia desta Feira histórica do Dezaoito. Para a edición deste ano, a peña disporá de máis de 260 kilos de carne de xabarín que preparará Fuchela, e que de bo seguro fará as delicias dos presentes.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, quixo destacar a importancia desta celebración para o municipio: «A Feira do Dezaoito é unha data sinalada para Cuntis e, en particular, para a parroquia de Troáns. É unha oportunidade magnífica para desfrutar da nosa rica gastronomía, das nosas tradicións e de momentos de convivencia en familia e entre amigos. Convidamos a todos e todas a achegarse a Troáns este 21 de xuño e participar nesta festa que, edición tras edición, se consolida como un referente na nosa comarca. Estamos convencidos de que será un éxito, grazas ao esforzo de todos os organizadores e colaboradores».

Segundo Manuel Abalo, membro da Peña Agro Xabarín, máis da metade dos comensais son persoas que repiten ano tras ano. Só falta que chegue o día, sentarse á mesa e deleitarse. Bo proveito!

Tracking Pixel Contents