A 42 Mostra encherá Cangas durante 15 días co mellor das artes escénicas
A MITCFC aposta este ano polas coproducións con compañías de teatro galegas

Retrato Machi Salgado. / Diego Seixo
Do 22 de xuño ao 6 de xullo, Cangas transformarase nun auténtico referente escénico coa celebración da 42ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (MITCFC). Durante quince días, a vila acollerá 26 espectáculos en cinco espazos distintos, co Auditorio Municipal como escenario principal para as funcións nocturnas.
Nesta edición, a Mostra dá un paso máis no seu compromiso coa escena teatral galega, apostando por coproducións, estreas e propostas contemporáneas e innovadoras, sen esquecer o teatro de rúa ou as montaxes máis populares. Con 5 coproducións, 8 estreas absolutas e 7 en Galicia, espectáculos que van desde a danza, a performance e o teatro máis contemporáneo e innovador, até o teatro de rúa e o máis clásico e popular.

Estrea absoluta Atómico Teatro. / Julio Fer
Unha programación con grandes estreas
A programación da MITCFC 2025 chega cargada de estreas e coproducións que amosan a diversidade e o compromiso coa creación escénica contemporánea. Entre as máis destacadas atópanse O espírito de Vania, unha relectura libre de Chéjov dirixida por Machi Salgado; A beleza faranos libres, unha proposta que funde teatro e cinema para reflexionar sobre a paisaxe, o amor á terra e a ameaza do extractivismo; ou Coa cabeza nas nubes, da compañía SÖA, que combina música, danza e teatro nunha peza chea de lirismo e forza escénica.
Tamén haberá espazo para o novo circo con perspectiva de xénero, da man da compañía vasca Rojo Telón, que presenta Gala, unha montaxe vibrante e visual con selo feminino, coincidindo co seu décimo aniversario.

Estrea en Galicia La Zaranda. / Víctor Iglesias
A oferta escénica amplíase con estreas en Galicia como La reina brava, da irreverente compañía andaluza Las Niñas de Cádiz; Todos los ángeles alzaron el vuelo, de La Zaranda, recoñecida pola súa intensidade dramática e poética; ou Julio César, do Teatro do Chapitô, unha versión tan cómica como brillante dun clásico universal.
Tamén se presentarán en Galicia dúas propostas de impacto: a performance provocadora e irreverente Se nota, se siente, el beige es incluyente, da artista e performer Miss BEIGE (Ana Esmith), e Lubbert, espectáculo de teatro físico asinado polo catalán Inda Pereda, multipremiado a nivel internacional por crítica e público.

Estrea en Galicia Performance de MISS BEIGE (Ana Esmith). / Iván Pinilla
A dramaturxia terá o seu espazo propio co xa consolidado Torneo de Dramaturxia de Galicia, que chega á súa novena edición e mantén o espírito lúdico e creativo que o fixo tan popular entre o público. Ademais, celebrarase un encontro entre autoras e autores de Baleares, Cataluña, Galicia, Madrid, Murcia e Valencia, onde se presentará o Manual de prácticas na dramaturxia e nas artes escénicas, un documento colaborativo que recolle boas prácticas no sector.
A programación enriquécese tamén cun amplo programa paralelo de actividades culturais, pedagóxicas e sociais, que inclúe obradoiros profesionais, conferencias, cinefórum, exposicións de artistas plásticas galegas, presentacións de libros e encontros profesionais entre asociacións do ámbito teatral e audiovisual.
Recoñecemento á tradición e á creación feminina
A MITCFC é pioneira no compromiso coa igualdade de xénero, sendo o primeiro festival galego, estatal e europeo en aplicar a paridade tanto na súa programación como na organización interna. O proxecto Mulleres en Acción traballa pola igualdade nas artes escénicas, a dignificación laboral das mulleres artistas e a loita contra o acoso nos escenarios e no audiovisual.

Mercedes Peón, espectáculo e Premio Mulleres en Acción. / Maider Jiménez
Este ano, a Mostra celebra o 25 aniversario de Mulleres en Acción cunha programación especial que pon no centro a tradición oral das cantareiras e pandeireteiras, en consonancia coa homenaxe das Letras Galegas. O pregón correrá a cargo das Fillas Bravas do Grupo Chévere e contará con interpretación en lingua de signos. A seguir, Mercedes Peón presentará Ósmose, unha proposta escénica e audiovisual que mestura creación contemporánea, arquivos persoais e arte visual. As rúas de Cangas encheranse tamén co son das pandeireteiras do Morrazo, testemuña viva da forza desta tradición e do seu relevo xeracional.
Precisamente, a figura de Mercedes Peón será recoñecida co Premio Mulleres en Acción 2025, en agradecemento á súa brillante traxectoria artística e investigadora. Leva máis de 25 anos poñendo en valor o papel das mulleres na música tradicional galega, e é tamén a impulsora do proxecto Somos Pandeireteiras, que busca derrubar os marcos androcéntricos para situar as tocadoras no centro do relato cultural.

Premio Xiria á cia A Panadaría. / Cedida
Como cada ano, a MITCFC tamén distingue o talento escénico cun segundo galardón. Nesta 42ª edición, o Premio Xiria ao Labor Teatral será para a compañía A Panadaría, polo seu teatro innovador, esixente e comprometido. O xurado destacou o seu estilo propio, a súa aposta pola comedia como ferramenta crítica e a capacidade para tratar temas de actualidade cunha clara perspectiva feminista.
A emoción tamén terá o seu espazo nesta edición cunha sentida homenaxe a Henrique Harguindey, tradutor, profesor e un dos fundadores da Mostra, recentemente falecido. Como tributo, representarase As gardiás ou o nó do tecelán, a última obra que Harguindey traduxo ao galego, pola compañía Teatro de Ningures.
Consulta toda a programación, datas, horarios e a venda de entradas: mostrateatrocangas.gal
- Rescatan en Vigo a un hombre desaparecido que llevaba 11 días oculto entre rocas en Tombo do Gato
- Multa de 10.000 euros y 3 meses sin licencia para el furtivo de los 800 kilos de pulpo
- El grupo de israelíes expulsado por un hostelero de Vigo: «Le dijimos que estaba manipulado por los medios, que no conoce la verdad»
- Detectan «barbaridades» en las embarcaciones de recreo
- Una asociación pedirá anular judicialmente la concesión de la Medalla de Galicia a Leonor
- El empresario detenido por la UCO en Santiago es uno de los tres cabecillas de la red criminal que defraudó 69 millones
- Muere Marta Jiménez, colaboradora de ‘El Hormiguero’, durante un salto base en Huesca con tan solo 34 años
- Las rampas de Gran Vía a Praza América serán semiabiertas y contarán con árboles