Unha nova FP máis moderna, inclusiva e territorial

O vindeiro curso escolar traerá consigo a maior oferta de prazas da historia da FP galega | Os centros do Morrazo reforzan e amplían a súa oferta formativa

Ciclo de madeira.

Ciclo de madeira. / GVA Europa Press

M. González

Morrazo

A Formación Profesional en Galicia vive unha transformación profunda que ten xa impacto directo nos centros educativos da comarca do Morrazo. No curso 2025-2026 acadarase en Galicia unha cifra récord de 49.164 prazas de novo ingreso, 2.450 máis ca no ano anterior, cunha expansión sen precedentes en ciclos, másteres e programas adaptados.

FP acelerada

Entre as novidades máis destacadas está a posta en marcha das formacións aceleradas, un modelo pioneiro en Galicia que ofrece certificados profesionais en apenas catro a seis meses. Estas formacións, que contarán cun total de 968 prazas en 44 grupos por toda Galicia, permiten adaptarse rapidamente ás necesidades do mercado laboral local.

Galicia estreará tamén a FP Básica Adaptada, enfocada ao alumnado con necesidades específicas, como ferramenta para garantir que ninguén quede fóra do sistema educativo. Será unha vía con apoio personalizado e colaboración con entidades de educación especial.

Xunto a isto, medran as opcións de FP para adultos, creando novos itinerarios de recualificación profesional, especialmente útiles nunha contorna como o Morrazo, con sectores en transformación e persoas que buscan segundas oportunidades.

FP Dual e especialización

A modalidade de FP Dual Intensiva, con formación en empresa, ofrece 6.346 prazas no curso 2025-2026. Ao tempo, Galicia reforza os másteres de FP (+32 %) e os títulos de alta especialización (+24 %), con 2.192 E 775 prazas respectivamente.

A combinación de FP moderna, inclusiva e conectada co tecido empresarial e dun Bacharelato máis flexible e adaptado representa unha resposta estratéxica aos desafíos do futuro: despoboamento, desemprego xuvenil e desigualdade de oportunidades.

Todo isto tradúcese en máis ciclos, máis itinerarios e máis futuro para a mocidade.

Tracking Pixel Contents