IES Paralaia: Un referente en innovación educativa
O centro mantense á vangarda educativa, tecnolóxica e internacional no Morrazo, consolidado como un dos institutos máis innovadores e dinámicos da comunidade

VIII Premios Provinciais á Xuventude, Deputación de Pontevedra. / IES A PARALAIA
Moncho González
O IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña consolídase como un dos centros máis innovadores e dinámicos de Galicia, cunha aposta decidida por situar a educación do século XXI no centro do seu proxecto pedagóxico. A súa traxectoria, marcada por unha visión estratéxica de futuro, convérteo nun referente na implantación de metodoloxías activas, programas de innovación e liñas de traballo transversais que buscan o desenvolvemento integral do alumnado.
Un modelo educativo adaptado aos novos tempos
Con anos de experiencia en programas pioneiros, o centro leva implementado con éxito iniciativas como E-Dixgal, que promove o uso didáctico das tecnoloxías en aula; STEMBach, orientado á excelencia científica no Bacharelato; Observa_Acción, programa de intercambio de boas prácticas docentes entre centros; e EduExchange, que impulsa a internacionalización do ensino mediante estadías educativas no estranxeiro.
Estes programas permiten ao centro adaptarse con garantías aos retos educativos contemporáneos, incorporando innovación metodolóxica, pensamento crítico e transversalidade curricular como elementos chave da aprendizaxe.
O instituto mantén o seu compromiso ambiental fomentando hábitos sostibles
Internacionalización: portas abertas a Europa
O IES A Paralaia vén de obter en 2025 a acreditación Erasmus+ para todas as ensinanzas de Formación Profesional, un fito que lle permitirá deseñar e xestionar de forma autónoma os seus propios proxectos europeos de mobilidade. Esta acreditación supón unha g ran oportunidade para o alumnado de ciclos formativos, que poderá realizar prácticas profesionais e experiencias formativas en países da Unión Europea, enriquecendo o seu perfil académico e laboral.
Ademais, o centro participa tamén no programa EduMob a través da etapa da ESO, ofrecendo ao alumnado de 1.º de bacharelato estadías de dúas a tres semanas en centros educativos franceses, promovendo a inmersión lingüística, a autonomía persoal e a aprendizaxe intercultural.
STEMBach: excelencia científica e agora tamén humanística
Pioneiro na comarca do Morrazo na implantación do STEMBach, o bacharelato de excelencia en ciencias, o centro afonda agora no seu compromiso coa calidade ampliando esta modalidade á rama de Humanidades e Ciencias Sociais. Esta nova liña desenvolverase en colaboración coa Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, establecendo pontes entre o ensino medio e o universitario e reforzando as competencias académicas do alumnado nunha contorna de traballo preuniversitaria.

Alumnado na Aula 4.0. / IES A Paralaia
Aula 4.0: educación conectada coa industria do futuro
Un dos grandes avances do IES A Paralaia é a creación da súa Aula 4.0, un espazo de referencia en Galicia dentro da Formación Profesional, especialmente nas familias de Electricidade e Fabricación Mecánica. Este proxecto, cofinanciado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU, incorpora tecnoloxías de última xeración como os xemelgos dixitais, a fabricación aditiva (impresión 3D), domótica KNX, e sistemas de automatización industrial.
A Aula 4.0 ten como obxectivo preparar ao alumnado para os desafíos da Industria 4.0, achegándoo ás demandas reais do mercado laboral e favorecendo a súa empregabilidade nun contorno cada vez máis tecnolóxico e globalizado.
Compromiso coa sustentabilidade e os ODS
O centro tamén destaca pola súa implicación activa cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030. A través dunha ampla variedade de proxectos ambientais e sociais, foméntase a conciencia ecolóxica, o pensamento crítico e a participación cidadá entre o alumnado.
Un exemplo notable é o grupo «Malas Herbas» de 2.º de bacharelato, que obtivo o segundo Premio Provincial á Xuventude por un estudo sobre compostaxe na comarca, participou no III Cumio do Clima e publicará un artigo en colaboración con investigadores das universidades de Vigo e Santiago.
O compromiso co medio tamén se materializa noutras accións como: Prácticas de laboratorio para Educación Infantil; Xerminación de sementes para proxectos de reforestación; Agricultura ecolóxica na horta escolar; Intervencións artísticas sobre a protección dos océanos; Campañas de limpeza e conservación das praias locais.
Ademais, o alumnado de 1º de bacharelato resultou gañador do concurso europeo “Solvers Next Generation” cun proxecto innovador: un libro verde sobre os problemas da mocidade actual, que lles permitirá viaxar a Bruxelas e presentar as súas propostas ante institucións europeas.
Un ecosistema educativo transformador
A suma de todas estas iniciativas converte ao IES Plurilingüe A Paralaia nun ecosistema educativo integral, onde conflúen a excelencia académica, a formación tecnolóxica avanzada, a internacionalización, o compromiso social e o respecto polo medio ambiente.
Un modelo educativo de vangarda, que responde aos desafíos do presente e prepara ao seu alumnado —coa mirada posta no futuro— para ser cidadáns críticos, competentes e comprometidos cun mundo en constante transformación.
- El empresario detenido por la UCO en Santiago es uno de los tres cabecillas de la red criminal que defraudó 69 millones
- El restaurante flotante de Roberto Vilar en Silgar
- Rescatan en Vigo a un hombre desaparecido que llevaba 11 días oculto entre rocas en Tombo do Gato
- Hosteleros divididos por la actitud de los peregrinos
- Turistas maleducados
- El pueblo costero de Galicia donde se come muy bien en primera línea de playa: «El refugio del fin del mundo»
- Solo tres concellos de Galicia están «libres» de radón
- Las nuevas comandas: café con gato