ENSINO MORRAZO

CPR Eduardo Pondal: Os intercambios europeos como ferramenta educativa integral

O colexio participa nestas iniciativas a través de proxectos como Erasmus+
e da Unesco

Alumnado do centro participanto nos proxectos europeos.

Alumnado do centro participanto nos proxectos europeos. / Cedida

Moncho Gonzalez

Cangas

As aulas de 2º e 3º da ESO do colexio Eduardo Pondal de Cangas amenceron medio baleiras na segunda semana de maio. Non foi por casualidade nin por ausencia, senón por unha moi boa razón: os intercambios internacionais. Máis da metade do alumnado destes niveis participou en experiencias de mobilidade que os levaron a Alemaña e Francia, dentro de programas educativos que van moito máis alá do ensino tradicional.

Desde o ano 2018, o Pondal mantén unha estreita colaboración co instituto Gesamtschule de Osnabrück, en Alemaña, dentro da rede de colexios asociados á UNESCO. Esta iniciativa, nacida como un proxecto puntual, converteuse en pouco tempo nunha actividade anual consolidada, onde o alumnado de 3º da ESO viaxa para convivir co seu correspondente alemán durante unha semana e logo recibe a súa visita en Galicia. A experiencia é plena: conviven en fogares, participan nas clases, comparten excursións, lecer e vida cotiá.

Estas iniciativas impactan profundamente no desenvolvemento persoal e académico do alumnado

A esta consolidada colaboración alemá, engadiuse este curso un novo proxecto dentro do programa Erasmus+, dirixido ao alumnado de 2º da ESO. A escola socia é o colexio Pierre Valdo, de Lyon (Francia), co que se estableceu tamén un sistema de mobilidade en dobre sentido, no que as familias acollen e viaxan.

A preparación destas experiencias comeza meses antes, cando o alumnado participante se coñece a través de plataformas virtuais. Segundo afinidades e intereses, organízase a distribución das familias de acollida. Durante a estadía, os mozos e mozas integran totalmente a vida local: asisten ao centro educativo, comparten actividades co grupo anfitrión e coñecen os hábitos culturais, gastronómicos e sociais do país visitado.

Segundo o profesorado, “vivir con outra familia e adaptarse a novos contextos é unha aprendizaxe única, tanto a nivel lingüístico como emocional”. Porén, o intercambio non se limita só ao momento da viaxe. Ao longo de todo o curso escolar, o alumnado traballa en proxectos comúns cos centros europeos. No caso de Erasmus+, este traballo conxunto realízase a través da plataforma eTwinning, mentres que con Alemaña se utilizan outras ferramentas de comunicación colaborativa.

Alumnado do centro participanto nos proxectos europeos.

Alumnado do centro participanto nos proxectos europeos. / Cedida

Este ano, o proxecto co centro alemán xirou arredor dos Xogos Populares, no marco da protección da UNESCO do patrimonio inmaterial. O alumnado do Pondal aprendeu a xogar á cachisa nas clases de Educación Física e mesmo elaboraron os utensilios no obradoiro de madeira. Pola súa banda, os estudantes alemáns achegáronse ao axedrez viquingo. Durante a semana de intercambio, compartiron competicións en equipos mesturados por xénero e nacionalidade, fomentando o respecto, o traballo en equipo e a diversidade cultural.

En setembro, será o colexio de Cangas quen reciba novamente os correspondentes de Osnabrück. Xa se están a preparar novas actividades, entre as que destaca unha exhibición de danzas populares galegas.

O proxecto con Francia estivo centrado no tema da auga, no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU. Mentres o alumnado do Pondal traballou sobre o ODS 14 (Vida submarina), o alumnado de Lyon centrouse no ODS 6 (Auga limpa e saneamento). Durante a visita dos franceses a Cangas, en xaneiro, organizáronse presentacións, saídas ao litoral e encontros institucionais, como a recepción por parte da alcaldesa, Araceli Gestido.

A viaxe a Lyon, no mes de maio, serviu para coñecer os retos da subministración de auga nunha cidade de gran tamaño, ademais de explorar a riqueza histórica e arquitectónica da cidade mediante xincanas e visitas guiadas.

A conciencia da importancia do desenvolvemento das competencias lingüística e plurilingüe impulsou este tipo de actividades, inda que o crecemento das persoas participantes transcendeu este eido, xa que afectou moitos máis aspectos da súa formación, como o cívico, o social, o sobre todo o persoal. Cada participante leva consigo moito máis que un recordo: leva linguas, cultura, valores e amizades. Como resume o lema do programa Erasmus+, todas estas experiencias teñen un obxectivo común: “Enriquecendo vidas, abrindo mentes”.

Tracking Pixel Contents