Tradición, artistas locais e o maior festival de Rock: Redondela quenta motores para a festa máis épica do ano
As alfombras florais e as danzas das Espadas e as Penlas volverán encher as rúas de Redondela desde o mércores 18 ata o domingo 22 de xuño
O Redondela Rock ofrecerá unha potente aposta musical, con Herdeiros da Crus e América de Vigo como pratos fortes dun cartel no que non faltará a representación local
A verbena estará máis que garantida coa actuación de orquestras de primeiro nivel como Panorama City, Marbella, Gran Parada e Olympus

Presentación da programación da Festa da Coca 2025. No centro da imaxe: a concelleira de Cultura, Rita Pérez; e a alcaldesa Digna Rivas. / Concello de Redondela
A vila dos viadutos quenta motores para render homenaxe a unha das lendas mariñeiras máis emblemáticas da contorna. A Coca volverá ser protagonista entre o mércores 18 e o domingo 22 de xuño desta celebración declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, unha das máis agardadas do calendario estival e, sen dúbida, a máis épica de cantas se celebran.
Durante cinco días de festexos, Redondela ofrecerá unha ampla programación pensada para todos os públicos, onde as tradicionais alfombras florais e as danzas das Espadas e as Penlas volverán situarse entre os actos centrais.
Ademais, a edición de 2025 chegará cargada de novidades, entre elas o maior festival de rock da historia da vila, cun total de cinco concertos e máis de sete horas ininterrompidas da mellor música rock en directo, totalmente de balde.
«Redondela ten moito talento e é a nosa obriga poñelo en valor, tanto aos grupos que teñen xa unha longa traxectoria como aos novos valores da música local»
A música tradicional e a verbena completan esta «potente axenda musical˝, en palabras da concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, que destaca «grandes apostas» como Herdeiros da Crus e o Grupo América, ademais de orquestras do talle de Panorama City, de Saxos, Marbella, Gran Parada ou Olympus, nunha axenda que tampouco esquece aos máis pequenos da casa, con propostas como o espectáculo infantil e familiar a cargo de Uxía Lambona e a Banda Molona.
Consulta aquí a programación ao completo.
O pregón correrá a cargo de Manolo Caso Paco e co gallo das festas tamén se organizan viaxes en barco con visita guiada á illa de San Simón os días 19, 21 e 22

Durante cinco días de festexos, Redondela ofrecerá unha ampla programación pensada para todos os públicos, onde as tradicionais alfombras florais e as danzas das Espadas e as Penlas volverán situarse entre os actos centrais. / Concello de Redondela
Mércores 18: Homenaxes, pregón e inicio oficial da festa
A Festa da Coca comezará o mércores, día 18, ás 18.00 co desfile de Xigantes e Cabezudos polas rúas da vila xunto ao grupo de gaitas Airiños de San Simón. A orquestra de Saxos actuará ás 19:30 na Praza do Concello e a inauguración oficial da festa será ás 20:00 coa lectura do pregón a cargo de Manuel Conde Docampo. Coñecido como Manolo Casa Paco, é un referente no mundo do fútbol base en toda a bisbarra, e destaca pola súa activa implicación nas actividades culturais e tradicionais de Redondela.
A continuación celebrarase o acto solemne de relevo das Penlas, e as homenaxes ás persoas que traballaron nas alfombras florais e aos bailaríns da Danza das Espadas, antes de proceder ao acendido da iluminación da festa.
Pola noite: máis e mellor, coa actuación de Panorama City prevista para as 22.00 horas no campo da feira.
«Unha potente programación musical, cunha ampla oferta de grupos e estilos que van desde a música tradicional galega, ata o pop e o rock, con grandes apostas como Heredeiros da Crus e o Grupo América, pasando polas grandes orquestras con Panorama City e verbenas»
Xoves 19: Día grande da Coca e música para toda a familia
Os actos do xoves, festividade da Coca, comezarán ás 11.00 co traslado da Virxe A Gabacha da Igrexa de Vilavella á Igrexa de Santiago de Redondela, acompañado pola Danza das Espadas e as Penlas e a Banda de Música de Redondela.
Ás 12:00 será o desfile da Coca cos Mordomos e Diañiños, acompañada por Xigantes e Cabezudos ao son do grupo de gaitas Son do Castro. A Misa Maior será tamén ás 12:00 na Igrexa de Santiago de Redondela. Ás 13:00 horas será a procesión polas rúas, decoradas con alfombras florais, acompañada pola Banda de Música Municipal de Redondela. O baile de homenaxe da Danza das Espadas e das Penlas será na Praza da Constitución.
Xa pola tarde, os máis cativos disfrutarán do concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona ás 19:30 h na Alameda de Castelao; e despois, ás 22:00 h, será a quenda da orquestra Marbella no campo da feira.
Venres 20: O maior festival de rock da historia de Redondela
O venres comezará cunha alborada ás 10:30 h a cargo da Banda de Música Municipal de Redondela, e ás 11:30 h terá lugar o retorno da Virxe A Gabacha. Pola tarde, desde as 18:00 h, celebrarase o torneo Balonmán na Rúa na Xunqueira e Alameda de Castelao.
A gran cita chegará pola noitiña co Rock Redondela, o maior festival de Rock celebrado na historia de Redondela. Será no campo da feira, desde as 19.30 horas con entrada de balde. Nesta ocasión son os redondeláns Perfectos Extraños, Retroblues e Elevën os que subirán ao escenario para animar ao seu público.
A mítica banda galega Herdeiros da Crus, que actuará a media noite, presentará o seu último álbum Trankimasin. América de Vigo ofrecerá un gran espectáculo co seu tributo a toda a historia do rock and roll, facendo un repaso dos grandes éxitos de todos os tempos con dous pases, o primeiro ás 21.30 horas e o segundo ás 01.30 para pechar o festival.

Antonio Pinacho
Sábado 21: Alfombras en Vilavella e noite con Grande Amore
O sábado volverá a comezar coa alborada e a elaboración das Alfombras Florais nas rúas de Vilavella, un espectáculo visual único.
Ás 22:00 h será a quenda do grupo Gran Parada, para dar paso ás 01.00h a Grande Amore. O trío formado por Nuno Pico, Clara Redondo e María Grep presentará o seu disco III, avalado polo público e a crítica. O picadiscos Rodri Vegas completará a oferta musical da noite.
Domingo 22: Desfile da Coca e clausura coa orquestra Olympus
O domingo, día 22 de xuño, o desfile da Coca será tamén ás 12.00 cos Mordomos e Diañiños, acompañada por Xigantes e Cabezudos ao son do grupo de gaitas do Carballo das Cen Pólas. Tamén ás 12:00 será a misa na Igrexa de Vilavella, coa posterior procesión polas rúas de Vilavella decoradas con alfombras florais e acompañada pola Danza das Espadas e das Penlas, coa Banda de Música de Chapela. O baile de homenaxe da Danza das Espadas e das Penlas será na Praza de Ribadavia.
As festas pecharanse cos concertos da Banda de Música de Chapela, ás 18.00 horas na alameda de Castelao; e a orquestra Olympus, que porá o gran broche de ouro a partir das 22.00 horas no campo da feira.
A alcaldesa, Digna Rivas, salienta tanto a calidade da programación musical como «a aposta decidida deste goberno polos grupos e artistas locais, que estarán presentes en toda a programación».
«Redondela ten moito talento e é a nosa obriga poñelo en valor, tanto aos grupos que teñen xa unha longa traxectoria como aos novos valores da música local», subliña para invitar a veciños e visitantes a gozar destes cinco días de festa.
Deporte na rúa
O deporte tamén estará presente na programación coa competición «Balonmán na rúa» o venres desde as 18.00 horas na pista da Xunqueira e a Alameda Castelao. O domingo será a quenda da patinaxe con “Patina na rúa” ás 19.00 na pista da Xunqueira.
Viaxes á illa de San Simón
Co gallo da Festa da Coca os días 19, 21 e 22 organízanse viaxes en barco á illa de San Simón con visita guiada ao prezo de 6 euros por persoa. Haberá saídas desde o peirao do museo Meirande e desde o porto de Cesantes. Poden mercarse as entradas no museo Meirande (986 458 891), na oficina de turismo de Redondela (986 401 713) e en www.crucerosangel.com

A lenda da Coca, unha das máis importantes e queridas da contorna, é moito máis ca un mito: é memoria viva, tradición compartida e identidade común. / Concello de Redondela
A Coca: o corazón dunha lenda viva
No corazón da vila dos viadutos latexa unha historia antiga, tan fonda coma as augas que bañan Redondela. A lenda da Coca, unha das máis importantes e queridas da contorna, é moito máis ca un mito: é memoria viva, tradición compartida e identidade común.cam
Nesta vila, a lenda non morre: baila, canta e respira ao ritmo da súa xente
Contan que, hai séculos, un temible dragón agochábase baixo a ponte da illa de San Simón. Desde alí, saía para raptar ás mozas máis fermosas da vila, sementando medo entre a xente mariñeira.
Mais un día, os homes do mar, valentes e decididos, embarcáronse nunha xesta heroica: armados coas súas espadas e coa forza da esperanza, venceron á besta e trouxeron o seu corpo ata o centro da vila. Alí, entre danzas e vítores, celebraron a súa vitoria cunha coreografía que aínda hoxe emociona: a Danza das Espadas.
Cada ano, Redondela revive esta historia durante o Corpus Christi. A figura da Coca percorre as rúas acompañada polas Penlas e polos danzantes, nun desfile onde mito e realidade se confunden, e onde a beleza da tradición brilla con luz propia. Porque nesta vila, a lenda non morre: baila, canta e respira ao ritmo da súa xente.
- Evacuada en helicóptero una trabajadora atrapada por una mano en una máquina en Moraña
- El trabajo del Aeródromo Militar de Santiago: «Si Rusia nos amenaza podemos responder en solo 15 minutos»
- Roban un coche en Vigo, lo empotran y el conductor, borracho y sin carné, se va a la terraza de un bar
- El grupo de israelíes expulsado por un hostelero de Vigo: «Le dijimos que estaba manipulado por los medios, que no conoce la verdad»
- Muere un motorista de O Rosal al chocar con un coche cuyo conductor se dio a la fuga
- Condenados a 22 y 15 años de cárcel los dos acusados de incendiar dos «vitrasas» en Vigo
- Organizan una despedida sobre ruedas para Brais, el joven motorista de O Rosal fallecido ayer
- «Nunca hemos querido ser un festival grande, pero sí un gran festival»