Campaña de tarxetas estrela

Comercio local con premio: O CCA Estrela de Marín sortea tarxetas regalo por un valor total de 1.000 euros

O premio de maio xa foi entregado, pero ti podes gañar o seguinte: completa a túa tarxeta con tres selos e entrégaa antes do 30 de xuño

O CCA Estrela de Marín reforza a súa programación de actividades de cara ao segundo semestre, con vistas á celebración do seu 20 aniversario: «Seguide confiando no comercio local. Temos de todo e para todos».

Juana, da peixería da praza, fai entrega da tarxeta regalo a María, familia do premiado José Luis Bouzas.

Juana, da peixería da praza, fai entrega da tarxeta regalo a María, familia do premiado José Luis Bouzas. / Centro Comercial Estrela de Marín.

Marín

O Centro Comercial Aberto (CCA) Estrela de Marín atópase no ecuador da súa campaña máis emblemática e agardada: a Campaña Estrela. A iniciativa repartirá un total de 1.000 euros en vales de compra entre marzo e outubro, cun sorteo mensual de 150 euros e unha pausa nos meses de xullo e agosto. O obxectivo é claro: premiar a fidelidade da clientela e incentivar as compras no comercio local.

Participar é moi sinxelo. Só hai que conseguir unha das tarxetas dispoñibles nos establecementos asociados, que contan con tres espazos para selar e un apartado para cubrir cos datos do cliente. Cada compra ou consumo permite obter un selo, e ao completar os tres, a tarxeta debe depositarse na urna da sede do CCA, sita na rúa Real número 10 e aberta en horario de mañá entre ás 9 e ás 14.00 horas.

As tarxetas premiadas pódense canxear durante un mes nos propios comercios participantes. A campaña xa repartiu tres das seis tarxetas previstas, e o último gañador foi José Luis Bouzas. A súa familia recolleu o premio da man de Juana, da peixería da praza, un xesto que simboliza o espírito colaborativo desta iniciativa. A próxima oportunidade para participar será en xuño, xusto antes do parón estival.

Novidade dixital

Este ano, a campaña —con 18 edicións ás costas— incorpora unha novidade dixital: un código QR que dá acceso a unha enquisa de valoración para coñecer a opinión da clientela. As persoas que respondan entrarán nun sorteo adicional de dous vales de 50 euros. 

«Unha das iniciativas máis esperadas do ano», en palabras de Jonathan Carreira, director xerente do CCA, que ilustra: «A xente preguntaba polas tarxetas antes de lanzala. É unha campaña moi arraigada en Marín e que funciona», di para engadir unha mensaxe directa á veciñanza: «Seguide confiando no comercio local. Temos de todo e para todos».

Cartel da Campaña Estrela 2025, que repartirá tarxetas regalo por valor de 150 euros ata outubro.

Cartel da Campaña Estrela 2025, que repartirá tarxetas regalo por valor de 150 euros ata outubro. / CCA Estrela de Marín

Campaña Estrela: Queres saber máis?

Accede aquí ás bases da campaña

Accede aquí á enquisa de satisfacción

Antesala do 20 aniversario do CCA Estrela de Marín

A campaña actual tamén serve como antesala dun ano moi especial para o colectivo, que a finais de 2025 celebrará o seu 20 aniversario. «Estamos a intensificar todo o noso traballo para dinamizar o comercio na vila. Queremos que abran novos negocios, non que se pechen máis», afirma Carreira, convencido de que o comercio local é chave para manter vivas vilas. 

Semana Estrela

Deste xeito, entre as accións destacadas do segundo semestre atópase a Semana Estrela, que terá lugar entre o 30 de xuño e o 4 de xullo. Durante eses días, os establecementos ofrecerán descontos superiores ao 50 %, sinalizados claramente cunha estética outlet para chamar a atención da clientela. Será unha oportunidade única para aproveitar grandes ofertas ao tempo que apoiamos ao noso comercio. 

Para o público mozo

Ademais, o CCA Estrela de Marín lanzará unha iniciativa pioneira dirixida á mocidade de entre 14 e 20 anos co obxectivo de conectar a veciñanza máis nova co comercio local: unha gamificación dixital na que 12 establecementos propoñerán pistas e retos que deberán resolverse no menor tempo posible. As persoas máis rápidas en lograr todos os retos recibirán vales de compra como premio.

Escaparate Estrela

Sen dúbida, o gran momento do ano será a posta en marcha do Escaparate Estrela, que representará nin máis nin menos que a acción de maior envergadura de toda a historia do CCA. Unha macroinstalación que reunirá nun escaparate colectivo produtos e servizos de múltiples negocios da vila, simbolizando a unión, a diversidade e a forza do comercio local como motor económico e social de Marín.

A persoa que máis se aproxime ao valor total do escaparate sen pasarse —seguindo a fórmula do mítico concurso O prezo xusto— levará todo o lote, valorado en miles de euros.

Esta proposta foi seleccionada pola Xunta de Galicia como unha das cinco mellores das presentadas polos centros comerciais abertos da comunidade, sendo a única da provincia de Pontevedra. O seu carácter innovador e o impacto positivo previsto no tecido comercial local foron claves para este recoñecemento.

Tracking Pixel Contents