
A cultura sae ao encontro en 'Marín, Vila do Libro'
A vila mariñeira convértese do 16 ao 18 de maio nun epicentro literario e artístico, cunha celebración que mestura literatura, música, tradición oral e vangarda

Presentación do evento Marín, Vila do Libro. / Cedida
Marín está a piques de converterse no gran escenario da cultura galega co nacemento de Marín, Vila do Libro, un festival que transformará a vila durante os días 16, 17 e 18 de maio nun espazo onde a palabra será a verdadeira protagonista. Nesta primeira edición, os libros sairán das estanterías para invadir as rúas, os espazos públicos vestirán literatura, e a lingua galega vibrará con forza nunha fin de semana chea de propostas para todos os públicos.
Inspirado no modelo europeo das booktowns, este encontro forma parte dunha rede que aposta polos libros como ferramenta de dinamización cultural, social e turística. E esta localidade será durante tres xornadas un punto de encontro entre autoras, lectores, músicos, artesáns e crianzas. A Alameda Rosalía de Castro, a Rúa Real ou a Praza do Reloxo converteranse en escenarios vivos cunha programación moi diversa.

A programación foi presentada na Biblioteca Pública Vidal Pazos por parte da alcaldesa, María Ramallo, e o director do festival, Enric Bono. / Cedida
A palabra toma as rúas
Ao longo do festival, o municipio acollerá máis de 30 actividades que combinan literatura, música, tradición oral, obradoiros creativos e propostas familiares. Grandes nomes da literatura galega e nacional subirán ao escenario: Manel Loureiro abrirá o ciclo Os libros da miña vida, Francisco Castro repasará a súa traxectoria, e Elena Gallego Abad, Sebastià Bennasar, Tamara Andrés, Silvia Penas, Ismael Ramos, Richard Pazos ou Irene Rega achegarán o seu universo literario en conversas, recitais e encontros que converterán Marín nun fervedoiro creativo.
Tamén haberá espazo para xéneros como a novela negra ou a ciencia ficción, con obradoiros como Matar é fácil ou o debate A atracción irresistible da ciencia ficción, ademais de propostas para coñecer o proceso editorial, fabricar papel artesanal ou encadernar un caderno coas túas propias mans.

A alcaldesa, María Ramallo, e o director do festival, Enric Bono na presentación do programa. / Cedida
Para os máis pequenos, a festa tamén está asegurada: contacontos, obradoiros, actividades manipulativas e mesmo un espazo para crear minilibros farán que a lectura e a imaxinación se vivan en familia.
Poesía oral, tradición e vangarda
A música será un dos fíos condutores da fin de semana, cun protagonismo especial da tradición oral galega. Este ano, o Día das Letras Galegas está dedicado ás cantareiras, transmisoras da nosa lírica popular durante xeracións, e Marín súmase á homenaxe cun programa onde tradición e vangarda dialogan en igualdade: desde aturuxos e regueifas ata batallas de freestyle.
As actuacións de grupos como Leilía, Fentos e Frouma e As Chaneiras poñerán en valor a forza ancestral da voz colectiva e da música feita co corpo e coa palabra. Mais tamén haberá espazo para a innovación: o colectivo Gallos del Norte ofrecerá un espectáculo de freestyle inclusivo, no que se mesturan rap e pandeireta, creando unha ponte única entre estilos e xeracións.
Completan a programación musical a Banda Municipal de Música, o grupo Trompos Os Pés, diversas corais locais, e a proposta participativa Axúdame a cantar, promovida pola editorial Galaxia, que nos convida a recoñecer o legado das pandeireteiras... e a sumarnos ao seu canto.
«Referente cultural e literario»
Marín inicia unha nova etapa, consolidándose como un referente no panorama literario galego. Tal e como sinala o director do proxecto, Enric Bono: «Marín comeza a escribir a súa propia historia como referente cultural e literario en Galicia». Pola súa banda, a alcaldesa, María Ramallo, anima á cidadanía a nutrirse do evento: «Carrexemos todas as historias que poidamos porque virán con nós como equipaxe da nosa vida».
Con acceso libre á maior parte das actividades, Marín, Vila do Libro convida a vivir unha experiencia onde cada libro é unha viaxe, cada recital unha celebración, e cada rúa, un capítulo aberto para descubrir. Porque cando os libros saen á rúa, a cultura latexa máis forte.
- Desaparece la heredera de la histórica discoteca Daniel: «Por aquí hasta vino el rey»
- Ni Tui ni Baiona: este es el pueblo más bonito de la provincia de Pontevedra según la revista Viajar
- La portavoz del PSOE de Mos, Victoria Alonso, renuncia a su acta de concejala
- La playa de arena negra más bonita de España está en Galicia: custodiada por un barco naufragado y en una aldea con solo dos habitantes
- Habla la embarazada que se fugó de Asturias para que no le quiten el bebé: 'Mañana me provocan el parto, volveré para el juicio
- Ni Rodas ni Samil: un portugués en Galicia descubre la playa con el agua más «caliente y cristalina» cerca de Vigo
- Contactos entre las Fuerzas Armadas e ingenieros españoles especialistas en análisis de amenaza electrónica rusa
- El histórico pesquero «Capricorn» desvela su precio