Qué facer | XXXVII Festa da Ostra de Arcade

XXXVII Festa da Ostra: A xoia de Arcade celebra os seus días grandes cun programa de alto nivel

Estímase que máis de 30.000 persoas acudan á Festa de Interese Turístico, que terá lugar a vindeira fin de semana do 4, 5 e 6 de abril no Peirao de Arcade, con ducias de bivalvo a dez euros e os mellores albariños

A verbena estará máis que garantida coas actuacións de América de Vigo, París de Noia ou Olympus e tampouco faltarán o pasarrúas de Bassica Rapa e a tradicional lectura de pregón, este ano a cargo de “Celsiño”

A axenda comeza esta mesma fin de semana co curso de apertura de ostras, o programa especial en directo da Radio Galega ou a Carreira Infantil da Ostra

Foto de familia da presentación da XXXVII Festa da Ostra de Arcade.

Foto de familia da presentación da XXXVII Festa da Ostra de Arcade. / Concello de Soutomaior

Vigo

O concello de Soutomaior xa quenta motores para unha das grandes citas gastronómicas do ano en toda a provincia de Pontevedra. A XXXVII edición da Festa da Ostra, declarada de Interese Turístico, celebrará a súa fin de semana grande os vindeiros días 4, 5 e 6 de abril cun programa de alto nivel deseñado para pór en valor a calidade, singularidade e excelencia da gran xoia da nosa ría: a Ostra de Arcade

Poderá comprobarse —e de que maneira!— nas casetas de degustación do espazo do Peirao de Arcade, onde toda a veciñanza e mais os visitantes do concello poderán gozar de ducias de bivalbo por dez euros, maridados con algúns dos mellores albariños do Concello de Soutomaior, non en van capital dunha das cinco subzonas da D.O Rías Baixas. O prezo por botella será de 12 euros. 

Detalle de plato de ostras durante unha edición anterior da Festa da Ostra de Arcade.

Detalle de plato de ostras durante unha edición anterior da Festa da Ostra de Arcade. / Ricardo Grobas

A apertura de casetas terá lugar o sábado 5 de abril ás 12.00 horas e o domingo 6 ás 11.00 horas, pero a festa comezará antes, xa na noitiña do venres, con dúas grandes orquestras a cargo da verbena. América de Vigo e París de Noia inaugurarán o venres a partir das 22.00 horas unha axenda musical de primeiro orde que continuará o sábado co pasarrúas de Bassica Rapa e as actuacións de Olympus e Kubo; e a música en directo dos “Festicultores Troupe”, que porá o broche de ouro á festa a partir das 18:00 horas do domingo no Peirao de Arcade. 

Na festa, que arrincará esta mesma fin de semana con actividades de lecer como o curso de apertura de ostras, o programa especial en directo da Radio Galega ou a Carreira Infantil da Ostra, entre outros, non faltarán tampouco a tradicional lectura do pregón, que este ano correrá a cargo do contador de historias e monologuista Celso Fernández Sanmartín «Celsiño», ou a sempre agardada tirada de foguetes de artificio, prevista para a medianoite do sábado. 

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, durante o acto de presentación.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, durante o acto de presentación. / Concello de Soutomaior

«Levamos traballando dende hai meses para que esta edición da Festa da Ostra sexa a mellor ata o de agora. Invitamos a todo o mundo a degustar o produto estrela con sabor a mar por excelencia e a descubrir esa maridaxe perfecta entre a ostra e o albariño da nosa terra»

Manu Lorenzo

— Alcalde de Soutomaior

«A mellor edición ata o de agora»

Unha completa axenda que da boa conta «do agarimo e coidado» co que foi deseñada, tal e como subliñou o alcalde de Soutomaior, Manu Lorenzo, durante a presentación da programación, que tivo lugar o pasado martes na inmellorable contorna da Enseada de San Simón, co Peirao de Arcade como pano de fondo. 

«Levamos traballando dende hai meses para que esta edición da Festa da Ostra sexa a mellor ata o de agora. Invitamos a todo o mundo a degustar o produto estrela con sabor a mar por excelencia e a descubrir esa maridaxe perfecta entre a ostra e o albariño da nosa terra», expresou Lorenzo durante a cita, á que tamén asistiu o subdelegado do Goberno, Abel Losada, e na que o alcalde non quixo deixar de facer un chamamento a veciños e visitantes para gozar xuntos desta «festa de unión» que «enxalzará o produto máis típico da parroquia de Arcade».

Programa completo da Festa da Ostra 2025.

Programa completo da Festa da Ostra 2025. / Concello de Soutomaior

Festa da Ostra de Arcade 2025: programa completo

28, 29 e 30 de marzo

A festa arrincará esta mesma fin de semana co curso de apertura de ostras que terá lugar a partir de o venres no Obradoiro Luís Seoane en Alxán —as inscricións xa están abertas en liña a través da web do concello www.soutomaior.gal—; ou o especial da Festa da Ostra do programa “Pensando en ti” da Radio Galega, que terá lugar o sábado en directo dende o Multiúsos de Arcade e ao que están todas e todos os veciños convidados a asistir

A festa continuará o domingo coa celebración da Carreira Infantil da Ostra, onde pequenas e pequenos ata os 14 anos poderán desfrutar desta cita co deporte, acompañados dun adulto no caso dos menores de cinco anos. As inscricións xa están abertas en liña na páxina do concello: www.soutomaior.gal.

Venres, 4 de abril

Os días grandes desta festa serán, sen dúbida os 4, 5 e 6 de abril coa celebración dunha das citas máis agardadas no concello de Soutomaior

O venres 4 de abril abrirase a Festa da Ostra coas actuacións das orquestras América de Vigo e París de Noia. 

Sábado, 5 de abril

O sábado 5 de abril, a cita continuará coa apertura das casetas ás 12:00 horas, o pasarrúas de Bassica Rapa e, xa pola noite, chegarán as actuacións das orquestras Olympus e Kubo e a tirada de fogos de arteficio ás 00:00 horas. 

Domingo, 6 de abril

O  domingo 6 de abril, o día comezará ben cediño ás 10:00 da mañá co pasarrúas da Banda Artística de Arcade e Banda Cultural de Arcade dende o Calvario ata o Peirao. 

Ás 11:00 horas, terá lugar a apertura de casetas de degustación, unha hora máis tarde, ás 13:00 horas, terá lugar a lectura do pregón a cargo do contador de historias e monologuista Celso Fernández Sanmartín “Celsiño”. 

Xa pola tarde, a actuación dos “Festicultores Troupe” — a partir das 18:00 horas no Peirao de Arcade— porá o broche de ouro a unha axenda de primeiro orde á que, adiantan desde o concello, aínda lle quedan algunhas sorpresas por desvelar.

Tracking Pixel Contents