Anuario Ourense

O Concello de Boborás recibe o novo ano cargado de ilusións

A programación de Nadal garda varias citas para dar a benvida ao 2025

O tradicional Belén decora a Praza do Concello.

O tradicional Belén decora a Praza do Concello. / Cedida

Remata o ano, pero non as festas e no concello de Boborás teñen claro que non hai mellor forma de recibir o 2025 que cunha boa dose de maxia. As rúas da vila seguirán brillando durante a primeira semana de xaneiro para acoller as últimas actividades da programación do Nadal. O municipio contou un ano máis con atractivos como a tradicional Ruta dos Beléns de Figueiroa na parroquia de Cameixa ou a decoración da Praza do Concello, onde aínda se pode visitar a figura do Apalpador ou o tradicional pesebre.

Ademais, Boborás recibirá o novo ano cunha das citas máis esperadas entre a cativada: a visita a Pazolandia, o maior parque de atraccións de Galicia, organizado pola Deputación de Ourense no Pazo dos Deportes ‘Paco Paz’. A excursión será o día 2 de xaneiro e a saída está programada ás 10:15 horas dende o Colexio de Boborás. Os rapaces interesados en participar poden anotarse no Concello ou a través do formulario remitido ao centro escolar. Pazolandia está aberto dende o 26 de decembro ata o 4 de xaneiro.

Por outra banda, o 3 de xaneiro celebrarase o Concerto de Nadal da Banda de Música de Boborás e Orfeón do Carballiño. Terá lugar no Pazo de Almuzara ás 19:30 horas. Ao día seguinte, os Reis Magos acudirán a visitar as aldeas do concello. 

A figura do Apalpador non falta no Nadal de Boborás.

A figura do Apalpador non falta no Nadal de Boborás. / Cedida

Balance de 2024

A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, desexa a tódolos veciños e veciñas que o novo ano sexa «un ano de abundancia, de traballo e de moitos bos sentimentos e amor». Ademais, para pechar o ano, fai un balance deste último exercicio, ao longo do cal se fixeron «diferentes intervencións».

Un dos fitos destacados do ano é a inauguración das piscinas de Boborás, «un acontecemento social incrible para o noso municipio», segundo relata a rexedora. Así mesmo, pon en valor a instalación de auga quente no pavillón municipal, «varias reformas de alumeados led que ascenderon a unha totalidade de 160.000 euros», asfaltados de viais «en moi mal estado», humanizacións de diferentes núcleos do Concello ou a rehabilitación de lavadoiros «que estaban nun estado deplorable», entre outras actuacións.

Torres celebra tamén a concesión dunha axuda estatal, xestionada polo Ministerio de Industria e Turismo, para a posta en valor do Conxunto Histórico-Artístico do Pazo de Arenteiro. Trátase dunha subvención de máis de 2,5 millóns de euros, enmarcada no Programa de Mellora da Competitividade e de Dinamización do Patrimonio Histórico, e a única concedida na provincia de Ourense. Grazas a ela acometeranse melloras en cinco núcleos, Iglesario, O Pazo, Figueiredo, Requeixos e A Vila.

Tampouco faltan os propósitos e deberes para o 2025. «Iniciamos este ano con convenios diferentes e que serán asinados para seguir mellorando as infraestruturas dos nosos pobos, seguir humanizando os nosos núcleos, dotar de novas beirarrúas, novos asfaltados, seguir traballando no cambio ás luces led e tamén levar a cabo unha obra importantísima, o futuro centro de saúde», explica Patricia Torres. O novo centro de saúde estará no entorno do colexio, ocupará 700 metros cadrados e supón «unha inversión de máis de un millón e medio de euros».

Tracking Pixel Contents