Novo plan eólico da Xunta: de 3.000 a 600 aeroxeradores e o 50% da enerxía para Galicia
» O Goberno galego reafirma o seu compromiso co aproveitamento e impulso das enerxías renovables cunha modificación do Plan Eólico que chega preto de 20 anos despois da súa última edición

Galicia conta con 3.900 MW de potencia instalada e, nos próximos cinco anos, uns 100 parques veranse obrigados a efectuar as repotenciacións. / SHUTTERSTOCK
Un novo Plan eólico para un novo contexto enerxético. Unha vez acadado o obxectivo de potencia de 6.5000 MW establecido pola última modificación da planificación, datada en 1997, a Xunta de Galicia elabora un novo instrumento con medidas para continuar co desenvolvemento sustentable da enerxía eólica.
Segundo avanzou no Parlamento galego a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, para comezar a elaboración do Plan destinaranse 780.000 euros e, se engadimos o desenvolvemento doutras ferramentas de apoio ao mapa industrial galego, a Xunta destinará en 2025 un montante total de 1,2 millóns de euros.
Ao ter en conta os prazos para a elaboración do Plan eólico e a entrada en vigor da Lei de recursos naturais, a Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os orzamentos conta con previsións legais transitorias para comezar a aplicar xa os principios básicos do novo Plan eólico. Deste xeito, Lorenzana xa anunciou diferentes accións como, entre outras, as medidas para repotenciar os parques de aeroxeradores máis antigos.
Na actualidade, Galicia conta con 3.900 MW de potencia instalada e, nos próximos cinco anos, uns 100 parques -que contan cuns 3.000 aeroxeradores- veranse obrigados a efectuar as repotenciacións ao superar os 25 anos de vida. Tras un prazo de moratoria de 18 meses para o inicio da tramitación das tarefas de repotenciación, o Goberno galego estima que en oito anos a paisaxe galega pasará de ter arredor de 3.000 a uns 600 muíños, é dicir, o número de muíños reducirase nun 80% coa mesma potencia instalada.
Esta medida, defendeu a conselleira de Economía e Industria, pretende reducir o impacto ambiental das instalacións, garantir a súa seguridade industrial, así como facer extensivos os principios da Lei de recursos naturais a estes parques máis antigos. Así, a repotenciación permitirá reducir o número de aeroxeradores mentres non se reduce, ou incluso aumenta, a potencia total instalada.
Entre as accións incluídas neste Plan sectorial eólico de Galicia, a Xunta tamén decide modificar o canon eólico tal e como estaba configurado ata o momento. Deste xeito, actualízase o canon para que non só teña en conta o número de aeroxeradores no seu cómputo, senón que a súa altura tamén será un criterio a ponderar.
Ademais, en liña coa nova Lei de recursos naturais que ten como base que os beneficios destes recursos repercutan nos galegos, inclúense outras medidas como a que obriga aos promotores eólicos a asinar acordos de prezo pactado (PPA) coa industria galega, cando menos, polo 50 % da enerxía producida. Esta acción, explicou Lorenzana, afronta un dobre obxectivo: por unha banda, que ese 50 % da enerxía dos parques galegos permaneza en Galicia e, pola outra, que quede fóra das flutuacións do prezo do gas.
Deste xeito, o futuro Plan eólico anunciado polo Goberno galego permitirá facilitar o binomio enerxía-industria, achegando as infraestruturas enerxéticas ás zonas de asentamento empresarial. Por engadido, ofrece máis potencia en menos superficie como vía para ter un aproveitamento máis racional dos recursos naturais galegos, á vez que se reduce o impacto das infraestruturas enerxéticas.
- Homicidio en la estación de autobuses de Vigo: «Llama a la Policía que mataron a Roberto, está lleno de sangre»
- Declarar las capturas de recreo, obligatorio hasta si no se pesca
- La víctima del crimen de la vieja estación de autobuses de Vigo estaba indefensa y recibió cuchilladas en cuello, tórax y costado
- La Diputación de Pontevedra, dispuesta a financiar Balaídos para el Mundial 2030 «si hay planificación»
- Ofrenda floral ante la chabola del crimen de la estación de autobuses de Vigo
- «Si se apoyasen nuestros ensayos clínicos, los pacientes gallegos tendrían más oportunidades»
- La Xunta niega la jubilación a un profesor de Vigo con una depresión «irreversible» diagnosticada por tres especialistas
- Las gallinas de los corrales de 40 concellos de Galicia, confinadas para frenar la gripe aviar