Galicia impulsa medidas pioneiras a prol da competitividade do tecido produtivo
» A Xunta traballa coas empresas e sectores estratéxicos para dar resposta a desafíos estruturais como o desaxuste entre oferta e demanda no mercado laboral ou a remuda xeracional

O retorno dos galegos da diáspora, con programas como o Retorna Cualifica Emprego, ou a aposta pola formación á carta, son algunhas das medidas postas en marcha polo Goberno galego. / SHUTTERSTOCK
O mercado laboral afronta na actualidade grandes retos que son globais e estruturais en todo o continente. Entre eles sitúanse desafíos como o envellecemento demográfico, a cobertura das vacantes ou a necesaria remuda xeracional para garantir a permanencia das empresas no tecido produtivo. A Unión Europea é clara nas súas recomendacións: é indispensable poñer en marcha medidas encamiñadas á retención e á atracción de talento, investindo, por unha banda, na reciclaxe profesional da poboación activa e, pola outra, fomentando a mobilidade e a atracción de persoas de terceiros países, en liña coas demandas das empresas.
Neste contexto, Galicia ten en marcha unha ambiciosa folla de ruta a través da que está impulsando accións pioneiras que están sendo referentes e recoñecidas a nivel nacional e internacional. O fin non é outro que favorecer a competitividade do tecido empresarial galego, apostando pola potenciación da empregabilidade dos galegos e galegas e, en paralelo, captar talento do exterior para seguir sumando capacidades ao tecido laboral.
Casar oferta e demanda
No que respecta ao mercado interno, a Xunta ten en marcha un proceso de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia co obxectivo de incrementar a súa eficacia, tanto de cara ás empresas que buscan traballadores como aos propios demandantes de emprego. Esta modernización abrangue desde a renovación das oficinas físicas ata medidas innovadoras como o software EMi, implantado xa nas 54 oficinas de emprego de Galicia e que vén de recibir o premio que outorga Observatorio de Vixilancia Tecnolóxica do Sector Público da Comisión Europea. Esta ferramenta baseada na intelixencia artificial articúlase como un nodo público da empregabilidade, tanto en beneficio das empresas como dos traballadores, favorecendo a conexión da oferta e da demanda do mercado laboral en tempo real. Deste xeito, a súa función principal é o perfilado competencial das persoas demandantes de emprego co fin de facilitar aos orientadores a toma de decisións para aumentar a empregabilidade dos galegos e galegas, contribuír á cobertura de vacantes laborais e a incrementar a competitividade do tecido empresarial, localizando o talento que precisan.
No marco das listas de demandantes de emprego, a Xunta tamén está a centrar os seus esforzos nos demandantes efectivos de traballo que se achegan ás oficinas. Neste senso, destaca o programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, que busca garantir que nas listas figuren exclusivamente as persoas que realmente queren entrar no mercado laboral para facer máis efectivas as políticas activas de emprego. Ata o momento, este programa xa atendeu a máis de 48.500 persoas, favorecendo a inserción no mercado laboral de arredor de 7.300 e motivando que preto de 10.800 persoas deixasen de ser demandantes de emprego.
Co gallo de seguir avanzando neste camiño, proximamente introducirase de xeito pioneiro o acordo de actividade recollido pola normativa estatal para inscribirse ou permanecer como demandante de emprego, co propósito de diferenciar as persoas que realmente queren traballar -centrando nelas, polo tanto, os esforzos das políticas activas de emprego- das que só buscan servizos de formación ou o cobro de prestación.
Formación flexible e á carta
Para potenciar e reter o talento interno, a aposta pola formación tamén é clave. Neste senso, o Goberno galego avoga por unha maior flexibilización destas accións co obxectivo de que sexan á carta e respondan mellor ao que precisa o tecido produtivo, atendendo tanto á reciclaxe das persoas traballadoras ocupadas como fomentando a empregabilidade das persoas sen traballo. Un bo exemplo son os convenios que desde 2022 se asinan cos principais clústeres dos sectores estratéxicos galegos e que xa permitiron a participación de máis de 40.000 persoas en itinerarios formativos prácticos deseñados polas propias entidades.
Na mesma liña, en 2025 lanzaranse outras convocatorias destinadas ao financiamento de accións formativas a demanda do tecido produtivo, con 4 millóns de euros, ou os Bonos Talento Empresa, con 2 millóns de euros para a impartición de microcredenciais específicas. A todo isto, súmanse medidas para impulsar a participación de colectivos estratéxicos ou infrarrepresentados, como mozos -a través da Estratexia Mocidade Activa-, mulleres -impulsando por exemplo a contratación feminina en sectores masculinizados, con 1,7 millóns de euros- ou inmigrantes en situación irregular, favorecendo a súa inserción a través das microformacións no Programa Arraigo.
Atracción de talento externo
De xeito complementario, e posto que como indica a Unión Europea a forza laboral interna non é suficiente para cubrir as vacantes existentes, a Xunta tamén impulsa un ambicioso plan de captación de talento para seguir sumando capacidades ao mercado.
De xeito prioritario, o Goberno galego procura o retorno dos galegos da diáspora, co gallo de facer fronte a esta realidade e saldar a débeda histórica coa emigración que noutrora axudou a construír a Galicia de hoxe. Esta aposta artéllase a través da Estratexia Galicia Retorna, ao abeiro da que no 2025 se impulsarán as bolsas BEME ou o programa Retorna Cualifica Emprego, cuxa segunda edición aprobou esta semana o Consello da Xunta cun investimento de 2,3 millóns de euros. Nese marco, entre outras accións, realizaranse feiras de emprego na Arxentina ou no Uruguai, ademais de lanzar unha nova medida para a rehabilitación de vivendas destinadas a retornados.
En paralelo, tamén se avanza na captación de traballadores de terceiros países, a través de accións en orixe e sempre vencellado a ofertas de traballo.
- En una analítica, ¿qué significa tener los triglicéridos altos? ¿Qué hacer para bajarlos?
- Ikea recupera el zapatero vertical para la entrada que arrasa en ventas
- «Nadie cuestiona que una persona con hipertensión se medique, pero sí que lo haga una con depresión»
- Portugal aplaude la musical reacción del Celta ante el saludo nazi de los ultras del Betis
- Muere en León un escalador vigués donde años atrás perdió a su padre
- ¿Tienes mascotas en casa? Así podrás deducirte sus gastos de la declaración de la renta
- Uno de los acusados por las coacciones a Jenni Hermoso reconoce que tuvo negocios con Rubiales
- Un jabalí causa un accidente múltiple en la AP-9 con siete heridos