Saltar al contenido principalSaltar al pie de página
Cidadanía

A Xunta de Galicia aposta por unha administración máis sinxela e próxima
á cidadanía

 » A tarxeta benvida, a renovación da licencia de caza ou a declaración da colleita son só algúns exemplos de servizos proactivos xa en marcha

A administración autonómica está a promover unha escoita directa das necesidades da cidadanía mediante a realización de consultas.

A administración autonómica está a promover unha escoita directa das necesidades da cidadanía mediante a realización de consultas. / SHUTTERSTOCK

Vigo

Nos últimos anos comezouse un proceso de profundo cambio nas relacións entre a Administración galega e a cidadanía, no que é preciso seguir avanzando para facilitar o acceso aos servizos públicos dun xeito máis personalizado, amigable e proactivo.

A partir da información dispoñible no Cartafol cidadán (información e documentos xerados das persoas físicas e xurídicas nas relacións administrativas) a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poden ofrecer de forma proactiva servizos personalizados, axustados ao perfil e circunstancias de cada persoa usuaria, facilitando o acceso aos servizos públicos. 

Trátase dunha medida de achegamento da Administración á cidadanía baixo a premisa de que, ao coñecer determinados feitos vitais dos administrados, pode adiantarse ás súas necesidades e ofrecerlles de xeito activo un servizo público. 

Deste xeito, conséguese unha administración máis sinxela e próxima á cidadanía, que aproveita a información da que dispón para poñela ao servizo dos cidadáns e as cidadás.

Como exemplos de servizos proactivos xa habilitados pola Xunta de Galicia, a través da Dirección xeral de Simplificación administrativa e do Tesouro, dependente da consellería de Facenda e Administración pública, podemos destacar:

  • Tarxeta benvida, con 13.541 potenciais beneficiarios/as. A Xunta conta xa cos datos das mulleres embarazadas que están a seguir o seu embarazo no sistema sanitario público do SERGAS, polo que a partir da semana 21 de embarazo (requisito da axuda), remítese un SMS a través da aplicación Sergas Móbil cun enlace á solicitude web dispoñible na sede electrónica. Estase a levar a cabo desde xaneiro de 2024 .
  • Renovación da licencia de caza, con 31.550 potenciais beneficiarios/as, dos que 9.306 son maiores de 65 anos; e de pesca fluvial, con 24.603 potenciais beneficiarios/as, dos que 8.938 teñen máis de 65 anos. En febreiro de 2024, aos titulares da licenza de pesca e caza maiores de 65 anos (exentos do pagamento de taxas), en atención ao perfil maioritario de persoas pouco ou nada familiarizados coa novas tecnoloxías, remitíuselles a licenza renovada en soporte papel directamente aos seus domicilios.
  • Declaración do censo de animais con explotacións gandeiras, con 45.000 potenciais beneficiarios/as. En xaneiro de 2024, a consellería do Medio Rural enviou un SMS aos titulares de explotacións gandeiras cun enlace á Oficina Virtual, onde se realiza a declaración do censo de animais.  
  • Declaración da colleita de uva, con 1.333 potenciais persoas beneficiarias. En setembro de 2024, a consellería do Medio Rural enviou un SMS aos titulares de explotacións vinícolas cun enlace á Oficina Virtual, onde se realiza a declaración da colleita.

Dentro das liñas de acción previstas a curto ou medio prazo están, ademais de manter os postos en marcha neste ano 2024:

  • Ampliar os supostos de Tarxeta benvida a pais e nais con fillos/fillas menores de 3 anos, familias acolledoras ou adoptivas, ofrecer a solicitude da licenza de caza para os que superen a proba teórico practica que realiza a propia Administración (requisito da licenza), e renovar a licenza de caza e pesca a menores de 65 anos.
  • Por en marcha o ofrecemento do carné xove en formato electrónico (cun total de 17.117 potenciais beneficiarios) e a renovación da axuda ao alugueiro de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 (cun total de 1.165 potenciais beneficiarios).

Nunha recente enquisa realizada a titulares de explotacións gandeiras aos que se lles remitiu o SMS lembrando e facilitando o cumprimento da obriga legal de declaración anual do censo de animais, o 70 % das persoas participantes valoraron como boa ou moi boa esta iniciativa.

Escoita directa

A administración autonómica tamén está a promover unha escoita directa das necesidades da cidadanía mediante a realización de consultas para testar as súas necesidades e as problemáticas que as persoas detectan para, desta forma, realizar un deseño dos servizos públicos mais adaptado ás súas necesidades.

No ano 2023 realizáronse 121 procesos participativos, sobre todo para procesos de elaboración de normas xurídicas ou de instrumentos de planificación, como plans estratéxicos ou sectoriais, e recibíronse 1.217 suxestións, o que supón un importante incremento respecto dos 81 procesos participativos abertos e das 920 suxestións recibidas no ano 2022. Así pois continuarase promovendo a participación cidadá co obxectivo de incrementar o número de achegas ou suxestións recibidas nestes procesos.

Pero ao tempo, tamén se traballa noutro tipo de iniciativas participativas mais flexibles, directas e cómodas para a cidadanía. Por exemplo, hai moi pouco realizouse unha enquisa aberta e anónima coa finalidade de coñecer de primeira man as necesidades detectadas. Esta enquisa serviu como parte da diagnose necesaria para a elaboración do novo Plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico de Galicia, aínda en proceso, pero no que se abordan cuestións polas que a cidadanía amosou interese ou preocupación a través do cuestionario. 

Froito desta participación cidadá, incidirase en áreas como a simplificación administrativa, a claridade na información, a transparencia e o impulso dos procedementos proactivos.

No ano 2022 pensouse no colectivo de persoas maiores de 65 anos para centrar esforzos neles, romper a fenda dixital e facilitar o seu contacto directo coa administración. Fíxose a través da Canle +65. 

Hoxe, coa canle consolidada, dirixiranse os esforzos a outros colectivos que tamén precisan axuda nas súas relacións coa administración. Nesta liña, mantivéronse xa algunhas reunións con colectivos como a Rede Galega contra a Pobreza, que agrupa a mais de 150 entidades do terceiro sector, para escoitar as súas necesidades e colaborar facilitando aos colectivos de persoas en risco de exclusión, ou especialmente vulnerables, o acceso aos servizos públicos.

TEMAS

  • administración
  • Consellería de Facenda
  • Hacienda
  • servicios
Tracking Pixel Contents