Festa do Codillo da Lama

A Lama exalta o Codillo estofado

A edición deste ano aposta novamente pola preparación do tradicional prato estofado
con guarnición de patacas asadas, chícharos e cenoiras

Catro Ventos volverá amenizar a cita gastronómica.

Catro Ventos volverá amenizar a cita gastronómica. / Faro

Moncho González

O Concello da Lama acolle este domingo a XXII Festa do Codillo. A alameda será novamente o lugar escollido, e a apertura dos stands de servizo de racións do codillo será ás 13:30 horas co fin de axilizar ao máximo a súa repartición e evitar aglomeracións innecesarias. Manterase aberto ata esgotar existencias e servirase ata as 15 horas.

O Concello da Lama veuse na obriga de situar en 15 euros o prezo definitivo do pack desta festa gastronómica que, ademais do codillo estofado, inclúe un anaco de pan, cubertos e un prato de barro conmemorativo do evento, que os comensais poderán levar como recordo; así como a bebida.

Degustación de Codillo na edición de 2023.

Degustación de Codillo na edición de 2023. / Faro

O Concello da Lama volve decantarse pola preparación estofada con guarnición de patacas asadas, chícharos e cenorias para a XXII edición da Festa do Codillo que terá lugar baixo carpa na Alameda o vindeiro domingo 16 de xuño, a partir das 13:30 horas.

Para a edición deste ano, e tras realizar a pertinente cata, o xurado composto polo alcalde David Carrera, o tenente de alcalde José Fortes, o concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya e a concelleira de Servizos Sociais, Trinidad Fernández Oubiña, decidiron apostar novamente pola preparación estofada e con guarnición de patacas asadas, chícharos e cenorias. Esta elaboración soe ser a que tradicionalmente ten mellor acollida ten entre o público, o Codillo Estofado, que nesta ocasión rivalizou en sabor co preparado en salsa salsa de curri, con arroz, frutos secos e cabaza; e a terceira, con setas, pisto e arroz. Estas tres modalidades foron preparadas pola cociñeira de Cátering Arelas, de Vincios (Gondomar), Rosa María Fragueiro, que tamén será a encargada de servir os pratos durante a xornada gastronómica.

Actuacións musicais

Como en toda festa gastronómica que se preste, e máis aínda na nosa comunidade, onde música e xantar camiñan xuntos, a XXII Festa do Codillo estará amenizada pola agrupación tradicional Banda de Gaitas “Os Catro Ventos” e a Charanga “Charandonga”. Xa pola tarde, a Banda Música Municipal da Lama ofrecerá un concerto, a partir das 20 horas, na propia Alameda.

Deste xeito, música e gastronomía danse a man un ano máis na Lama no marco da XXII Festa do Codillo, nun certame que cada ano gaña máis adeptos, superando o milleiro de visitantes, e que xa está consolidado no calendario festivo estival da provincia de Pontevedra como unha cita ineludible para os amantes da boa mesa.