IES Johan Carballeira : Unha aposta pola educación emocional, creativa e inclusiva

Cun ensino integral, o centro segue a medrar cos ollos postos na diversidade

O alumnado do IES Johan Carballeira despois de rematar os seus exames de ABAU.

O alumnado do IES Johan Carballeira despois de rematar os seus exames de ABAU. / FARO

Cunha ampla oferta formativa que abrangue dende ESO e Bacharelato ata FP Básica, Ciclos Medios e Ciclos Superiores, ademais de educación para persoas adultas, o IES Johan Carballeira traballa dende Bueu pola formación integral do seu alumnado, sempre coa igualdade e a educación emocional como os dous piares nos que se basea a súa filosofía de traballo.

Entre as novidades para o próximo curso está a FP Dual con máis horas de prácticas na empresa. A oferta increméntase cun ciclo a maiores de FP Dual Intensiva no CM de Soldadura e Caldeiraría con prácticas remuneradas.

Internacionalización

O centro, á vangarda educativa en todos os ámbitos, aposta tamén polos idiomas e as experiencias internacionais. Ademais das materias de Inglés e Francés, tamén se imparte Portugués.

Ao longo do curso ofértanse mobilidades tanto para ESO e Bacharelato como para Ciclos Formativos a diferentes países europeos. Ademais o alumnado pode acreditar oficialmente o seu nivel nas distintas linguas estranxeiras a través do centro.

Centro solidario

Destacar a organización do festival Art for Change, un proxecto interdisciplinar solidario e colaborativo no que participa todo o centro e no que colaboran o resto de centros educativos de Bueu, o Concello e diversas asociacións da zona. 

“Sacamos á rúa todo o traballo que se está facendo no Instituto e nos outros centros ao longo do curso”, unha proposta que ten como finalidade recadar fondos e apoiar a entidades sen ánimo de lucro que desenvolven proxectos co obxectivo de favorecer os procesos de transformación social a través da arte e da cultura.

As actividades que se fan son variadas e van dende actuacións musicais, representacións teatrais, postos de arte ou de ciencia, ata obradoiros de baile, poesía e lingua de signos.

Atención á diversidade

Outro dos programas que definen moi ben a liña pedagóxica do centro é PROA+ , que busca axudar a todo aquel alumnado con necesidades especiais. 

O IES Johan Carballeira é un centro aberto á realidade social e económica de toda a contorna que aposta pola innovación e o fomento da creatividade e conta con novos espazos creados este curso, como a aula de Polos Creativos da Xunta de Galicia onde se puxo en marcha, por exemplo, unha radio escolar.

Unha proposta coa que o IES continua favorecendo o desenvolvemento das competencias dixitais, científicas e artísticas dos seu estudantado.

Ensino presencial para persoas adultas: recuperar a confianza

O IES Johan Carballeira conta cunha oferta para persoas adultas, tanto na ESA (Ensino Secundario para Adultos), coma no Bacharelato na súa modalidade presencial. Toda persoa maior de idade pode acceder a este ensino que facilita regresar ao sistema educativo, recuperar a confianza neles mesmos e interiorizar o que é certo: que contan coa capacidade real de lograr o título da ESA ou o Bacharelato.

O propio alumnado destaca, fronte á educación online, esta modalidade, un formato que ofrece “maiores facilidades e vantaxes” e no que o trato é máis próximo: “As miñas expectativas cambiaron totalmente. Eu soamente quería ter o título polo CV, pero agora penso seguir ata rematar a carreira. En clase somos como unha gran familia”, relata unha das súas estudantes.

O certo é que con estes estudos, facúltase ao alumnado para acceder a novas opcións de futuro como a FP, a universidade, os cursos AFD ou o ingreso na función pública.