IES Monte Carrasco: Aprendizaxe conectada coa realidade da nosa contorna

Os diferentes proxectos do centro enmárcanse na súa situación privilexiada

O proxecto Pintando Árbores.

O proxecto Pintando Árbores. / Cedida

O IES Monte Carrasco desenvolve unha programación vertebrada en aprendizaxes conectadas coa realidade da contorna, poñendo especial énfase na atención á diversidade, á orientación, ó coidado medioambiental e a saúde do alumnado, sen descoidar os contidos curriculares, ponte para os estudios postobrigatorios que cursarán, ben no centro adscrito para o Bacharelato, o IES María Soliño, ben en calquera outro no que poidan desenvolver as súas capacidades.

Este é un centro pequeno no que a comunidade é quen de ir encaixando vontades e desexos para avanzar no seu proxecto educativo. Froito desta filosofía, vencendo as limitación de espazo, este curso tense posto en marcha a Aula de Polos Creativos. Un curso máis o centro segue a desenvolver o proxecto “Das Raíces ás Estrelas”, proposta de traballo que, no seu primeiro ano de vida, xa foi recoñecida cun Premio á Innovación Educativa no curso 22-23. As metas deste proxecto interpelan a toda a comunidade educativa a través dos obxectivos da Axenda 2030 do Desenvolvemento Sostible.

Neste marco, no espazo verde do centro e no seu invernadoiro téñense cultivado especies hortícolas e liño de características xenéticas autóctonas con obxecto de analizar o impacto e a rendibilidade das distintas formas de cultivo. Tamén de man de AFUNDACION e o seu programa educativo “Plantando Árbores con pinceis“, o alumnado pintou, con deseños propios, bolsas de tea e, ademais, elaborou un atractivo mural con pintura fotocatalítica composta por pigmentos innovadores que purifican o aire e son máis respectuosos co medio.

A competencia lingüística e comunicativa do alumnado recibe tamén un reforzo específico

A privilexiada situación do centro, nunha contorna natural na que se topa o Balcón do Rei, a Fonte da Ola ou o Monte Castelo, permite desenvolver parte da actividade educativa fóra das aulas. Comprometido cos hábitos de vida saudables, o centro promove a actividade física e deportiva do alumnado. A súa concreción curricular destina unha hora de libre disposición, en 1º e 2 de ESO, ao reforzo da materia de Educación Física. Baixo este principio tamén se organizan actividades de convivencia nas que se propicia o desenvolvemento físico e deportivo no medio natural, como acontece na Semana da Neve, o descenso polo río Miño ou as carreiras de orientación.

A competencia lingüística e comunicativa do alumnado recibe tamén un reforzo específico coa decisión de destinar a segunda hora de libre disposición do centro ás materias de Lingua e Literatura Galega en 1º e Lingua e Literatura Castelá en 2º. O uso da palabra viva e poderosa é outros dos eixos de traballo no centro. A Radio Labirinto e os seus múltiples e variados podcast dan boa conta deste propósito. Son moitos os contidos que ofrece esta canle á comunidade educativa, pero sen dúbida un dos máis valiosos e entrañables foi o que recolle o encontro do alumnado de 1º da ESO e 4º da ESO coas persoas maiores do centro de día Sanidía.

A aula de Polos Creativos

A aula de Polos Creativos / Cedida

A programación da Biblioteca e do EDLG, incansables axentes dinamizadores do centro, inclúe a organización de encontros literarios con persoas escritoras, concursos de relato, poesía, deseño artístico que permiten mellorar a convivencia do alumnado de diferentes niveis poñendo o foco nas súas capacidades artísticas e creativas, defendendo valores como a tolerancia, a paz ou a loita contra a violencia de xénero. As diferentes celebracións e conmemoracións en datas coma o Magosto, o Entroido, os Maios, o Día de Rosalía e o Día das Letras Galegas serven para cohesionar ao alumnado e manter o apego coa lingua propia, reforzar a identidade cultural e coñecer as tradicións. 

A Biblioteca segue a participar nos programas da Consellería: PLAMBE, Clubs de Lectura e Bibliotecas Solidarias. O seu variado fondo documental responde ás múltiples inquedanzas formativas e culturais dos seus usuarios. As súas iniciativas están abertas a toda a comunidade, nomeadamente a través dos clubs de lectura O Faladoiro, o Club Manga e o Faladoiro Maior, destinada as persoas adultas. Estas xuntanzas téñense convertido nun espazo de lectura e debate compartido que ofrece múltiples momentos de reflexión e gozo.

O espazo de cultivo

O espazo de cultivo / Cedida

Nos tempos de lecer e durante parte das xornadas lectivas, o pavillón, as pistas exteriores, a Aula de Plástica, a de Música e a de Polos Creativos son espazos nos que o alumnado desenvolve as súas capacidades artísticas e deportivas grazas a organización de competicións e obradoiros. O profesorado responsable guía ao alumnado nas súas producións que fornecen de valiosas propostas as diferentes conmemoracións e actos que se celebran no centro ou fóra del. O Concerto Harmonías pola Paz, realizado en colaboración co IES María Soliño, e a III Gala IES Monte Carrasco, celebrada no Auditorio de Cangas este pasado mes de maio, son mostras significativas desta forma de facer. 

O IES Monte Carrasco leva moitos cursos integrado na rede de centros E-Dixgal polo que todo o alumnado dispón dun ordenador portátil para o seu proceso formativo persoal. Séguense a ofertar as Seccións Bilingües en inglés na materia de Bioloxía e Xeoloxía. En relación á mellora da competencia nesta lingua, este outono parte do alumnado de 4º participou na Digital Week, programa de inmersión lingüística en inglés que pretende desenvolver esta competencia xunto coa dixital. 

O centro súmase tamén as accións de sensibilización a prol do colectivo LGBTQI+ a través da posta en marcha dun grupo de apoio LGBTQI+ que realiza actividades que promoven o respecto e a visibilización da diversidade afectivo-sexual e de xénero. A realización dunha enquisa para aproximarse aos coñecementos e ás actitudes do alumnado sobre este tema é un dos primeiros pasos para converter o centro nun espazo seguro e libre de prexuízos.

O profesorado, comprometido coa mellora e actualización do seu desempeño, participa en varias modalidades dos Contratos Programa e Proxecta, que permiten o desenvolvemento no centro de variados talleres e charlas de formación dirixidas ao alumnado. Finalmente, a solicitude para participar no Programa da Unión Europea Erasmus+ que presta apoio á educación e formación en Europa, permitirá coñecer novas prácticas e experiencias para, en caso de ser concedida, ampliar os horizontes e enriquecer as aprendizaxes do alumnado.